26/04/06

Folla de proxección de 'Madame Brouette'

Nesta ligazón podes acceder á folla que poderán recoller os espectadores do filme Madame Brouette mañá, xoves 27 de abril. Nela encontrarás unha pequena entrevista co director da película, Moussa Sene Absa.

Madame Brouette


Esta é a nota de prensa enviada aos medios esta mañá:




‘MADAME BROUETTE’ DÁ COMEZO
AO CICLO CINEMA E DEREITOS HUMANOS


Mañá, xoves 27 de abril de 2006, comezará o II Ciclo Cinema e Dereitos Humanos, organizado polo Grupo Local de Amnistía Internacional en Ourense e mais o Cineclube Padre Feijoo, coa proxección en estrea do filme Madame Brouette, dirixido polo senegalés Moussa Sene Absa. A película, gañadora en 2003 do Oso de Prata á mellor música no Festival de Berlín, recibirá dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h, no Cine Dúplex (rúa Sáenz Díez, s/n, 32003 Ourense). O prezo simbólico de entrada serán 2,50 euros.

Madame Brouette, que dentro do ciclo serve para ilustrar os problemas relacionados cos dereitos da muller, conta a historia de Mati, unha muller loitadora e independente, que sobrevive grazas a un pequeno posto que instala no mercado. Un día, o seu amante sae da casa de Mati cribado a disparos e cae morto ao chan. No contorno todas as mulleres defenden a súa veciña. En canto aos homes, non están seguros de que semellante acto poida ser perdoado: que ocorrería se as súas esposas tivesen a mesma idea?
Trátase dunha estimulante mestura entre intriga policial e denuncia social: «Procurei combinar unha historia entretida cunha ollada á situación da muller africana», apunta o director, Moussa Sene Absa (Dakar, 1958), multifacético artista, pintor, escritor e músico. «En África existen unhas voces que non se escoitan nunca, que son as das mulleres, e que están cargadas de verdade e sensibilidade; nas súas mans está o futuro do mundo».
Ademais do premio en Berlín, a película foi galardoada no Festival de París e no Festival de Cine do Sáhara.
A proxección será en versión orixinal en francés, con subtítulos en castelán.

17/04/06

Xa está dispoñíbel o folleto do II Ciclo Cinema e Dereitos Humanos en formato pdf (en breve tamén en papel en diversos puntos da cidade de Ourense)

06/04/06


II CICLO CINEMA E DEREITOS HUMANOS
Xoves 27 de abril, 4 e 11 de maio de 2006
Cine Dúplex, 20.30 e 23 h
Organizado polo Cineclube Padre Feijoo e o Grupo Local de Amnistía Internacional en Ourense
Coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, a Casa da Xuventude de Ourense e a Vicerreitoría de Planificación e Desenvolvemento do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

ESTREAS EN OURENSE
entrada: 2,50 euros (prezo simbólico)
Xoves 27 de abril: Madame Brouette
Cine Dúplex, 20.30 e 23 h
Xoves 4 de maio: La pesadilla de Darwin
Cine Dúplex, 20.30 e 23 h
Xoves 11 de maio: Paradise Now
Cine Dúplex, 20.30 e 23 h
Nun momento especialmente difícil para a actividade cinematográfica na nosa cidade, o grupo de Amnistía Internacional en Ourense e o Cineclube Padre Feijoo ofrecen esta oportunidade de gozar de cinema en pantalla grande e na súa versión orixinal.
Desde Senegal pasamos á rexión fronteiriza entre Uganda, Tanzania e Kenya, para chegarmos finalmente a Israel e os territorios ocupados, a través de películas inéditas nas salas cinematográficas ourensás. É un dos moitos percorridos que poderiamos facer polo mundo a través dun cinema comprometido, que non busca só entreter senón tamén ofrecer miradas críticas a diferentes realidades.
No mundo, por desgraza, conflitos e abusos contra os dereitos humanos están á orde do día. Non necesitamos viaxar para descubrir eses problemas, xa que moitos deles podemos encontralos mesmo nos nosos barrios, pero unha ollada ao que acontece noutros lugares debe servir tamén para tomar perspectiva e ver que os problemas das persoas en calquera parte do planeta nos atinxen a todos e a todas. Non é unha escusa para lamentarnos, senón o momento de decatarnos de que, desde a nosa posición, tamén temos formas de actuar para cambiar as cousas.
www.actuaconAmnistia.com
www.es.amnesty.org


os dereitos da muller
Xoves 27 de abril
Madame Brouette
Cine Dúplex, 20.30 e 23 h
L’extraordinaire destin de Madame Brouette (Senegal/Canadá/Francia, 2002). Cor, 104 min. • Dirección: Moussa Sene Absa • Produción: Badou Ba, Danielle Champoux, Rock Demers, Claude Gilaizeau, Moussa Sene Absa (MSA Productions, Les Productions de la Lanterne, Les Productions La Fête) • Guión: Moussa Sene Absa, Gilles Desjardins • Fotografía: Jean-Jacques Bouhon • Montaxe: Matthieu Roy-Décarie • Música: Mamadou Diabaté, Serge Fiori, Majoly • Intérpretes: Rokhaya Niang (Mati), Aboubacar Sadikh Bâ (Naago), Kadiatou Sy (Ndaxte), Ndeye Seneba Seck (Ndeye), Ousseynou Diop • Versión orixinal con subtítulos en castelán. Data de estrea en España: 21/1/2005
Sitio oficial en francés: http://www.ocean-films.com/madamebrouette
Oso de Prata á mellor música no Festival de Berlín 2003 • Premio especial do xurado no Festival de París 2003
Mati é unha muller loitadora e independente. Sobrevive grazas a un pequeno posto que instala no mercado, e o seu gran soño é abrir un restaurante co que poder vivir dignamente. Un día crúzase na súa vida un policía local do que se namora. Todo se desenvolve con normalidade até que un tráxico día Naago sae de casa de Mati cribado a disparos e cae morto ao chan. Que puido levala a realizar semellante acción? Foi realmente ela quen apertou o gatillo? No contorno todas as mulleres defenden a súa veciña. En canto aos homes, non están seguros de que semellante acto poida ser perdoado: que ocorrería se as súas esposas tivesen a mesma idea? Madame Brouette é un retrato crítico da situación social da muller africana actual.

o tráfico de armas – os dereitos sociais e económicos
Xoves 4 de maio
La pesadilla de Darwin
Cine Dúplex, 20.30 e 23 h
Darwin’s nightmare (Francia-Austria-Bélxica, 2004). Cor, 107 min. • Dirección e guión: Hubert Sauper • Produción: Edouard Mauriat, Antonin Svoboda, Martin Gschlacht, Barbara Albert, Hubert Toint, Hubert Sauper (Mille et Une Productions, Coop 99, Saga Film) • Fotografía: Hubert Sauper • Montaxe: Denise Vindevogel • Documental • Versión orixinal con subtítulos en castelán. Data de estrea en España: 1/7/2005.
Sitio oficial en castelán: http://www.sagreratv.com/darwinSitio oficial en inglés, francés e alemán: http://www.coop99.at/darwins-nightmare
Nomeada ao mellor documental nos oscar 2005 • Mellor documental 2005 nos premios da Academia do Cinema Europeo Premio Fipresci no Festival de Sydney 2005 • Premio ‘Label Europa Cinemas’ no Festival de Venecia 2004
Na década dos anos 60, no corazón de África, unha nova especie animal foi introducida no Lago Vitoria como un pequeno experimento científico. A perca do Nilo resultou ser un voraz depredador que arrasou con todas as especies autóctonas deste xigantesco lago. O novo peixe multiplicouse rapidamente, e hoxe en día os seus brancos filetes seguen sendo exportados ao redor do mundo. Enormes avións de carga da antiga Unión Soviética chegan diariamente para recoller os últimos cargamentos de pesca e, a cambio, descargan a súa mercadoría: Kalashnikovs e munición para as innumerábeis guerras que teñen lugar na parte central do continente. Esta explosiva industria multinacional de peixes e armas creou unha desoladora alianza globalizada ás beiras do lago tropical máis grande do mundo: un exército de pescadores locais, executivos financeiros internacionais, nenos sen casa, ministros africanos, comisarios da Unión Europea, prostitutas tanzanesas e pilotos rusos. A orixinalidade deste exemplar documental estriba na súa intelixencia á hora de relacionar elementos que, a priori, parecen pertencer a universos demasiado distintos para coexistir nun só planeta.

os dereitos humanos en zonas de conflito
Xoves 11 de maio
Paradise Now
Cine Dúplex, 20.30 e 23 h
Paradise Now (Palestina-Francia-Alemaña-Holanda-Israel, 2005). Cor, 90 min • Dirección: Hany Abu-Assad • Produción: Bero Beyer, Pasquale Scimeca (Augustus Film, Lama Productions Ltd., Razor Film Produktion GmbH, Lumen Films, Arte France Cinéma) • Guión: Hany Abu-Assad, Bero Beyer, Pierre Hodgson • Fotografía: Antoine Héberlé • Montaxe: Sander Vos • Música: Jina Sumedi • Intérpretes: Kais Nashef (Said), Ali Suliman (Khaled), Lubna Azabal (Suha), Amer Hlehel (Jamal), Hiam Abbass (nai de Said). Versión orixinal con subtítulos en castelán. Data de estrea en España: 30/9/2005.
Sitio oficial en castelán: http://www.golem.es/paradisenow
Sitio oficial en inglés:
http://wip.warnerbros.com/paradisenow
Nomeada ao oscar 2005 á mellor película de fala non inglesa • Berlín 2005: Premio Anxo Azul, Premio Amnistía Internacional • Mellor guión 2005 nos Premios da Academia do Cinema Europeo • Globo de Ouro 2005 á mellor película de fala non inglesa • Premio Independent Spirit 2005 á mellor película de fala non inglesa.
Khaled e Saïd son dous mozos palestinos, amigos desde a infancia, aos cales recrutan para levar a cabo un atentado suicida en Tel Aviv. Despois dunha última noite coas súas respectivas familias, das que non lles está permitido despedirse, parten cara á fronteira con explosivos pegados ao corpo. Con todo, nada sae como estaba planeado e unha serie de imprevistos obríganlles a separarse. Sos, non lles queda máis remedio que enfrontarse ao seu destino e ás súas conviccións... Esta película, rodada integramente en Nablus, propón unha interesante visión da vida cotiá de persoas en circunstancias desesperadas. Explora as lexítimas razóns da resistencia á ocupación sen xustificar en ningún momento a perda de vidas humanas.