02/05/07

‘Brick’


Nota de prensa enviada hoxe aos medios


‘BRICK’ CONTINÚA O CICLO «NOVAS OLLADAS»

Mañá, 3 de maio de 2007, o Cineclube Padre Feijoo proxecta, no Cine Dúplex (rúa Sáenz Díez s/n), o filme norteamericano Brick, dirixido en 2006 por Rian Johnson. A entrada terá un prezo simbólico de 2,50 euros, reducida portando o carné universitario a 1,50 euros. A proxección será en versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán. Prosegue así o ciclo «Novas Olladas», dedicado ás revisións que se están a dar a diversos xéneros como o thriller e o fantástico, para o que se conta co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Casa da Xuventude ourensá.

Brick conta a historia de Brendan, un estudante de instituto, intelixente e activo, que, non obstante, prefire manterse á marxe de todo até que a súa ex-moza, Emily, volve inesperadamente á súa vida, semella que con problemas, para desaparecer pouco despois sen deixar rastro. Brendan embarcarase nunha perigosa busca, na cal só contará coa axuda do seu único amigo.

Gañador do Premio Especial do Xurado no Festival de Sundance, galardoado ademais co Premio Mellor Novo Director no Festival de Sitges e seleccionado para a sección oficial do Festival de Venecia, Brick, primeira longametraxe de Rian Johnson, é un dos filmes máis sorprendentes do último cinema americano, e supón unha actualización memorábel do «xénero negro». Philip French, en The Guardian, cualificaba esta fita como «un exercicio virtuoso que é asemade unha cariñosa homenaxe, un exercicio de fantasía romántica e un comentario indirecto sobre a vida adolescente».


Publicar un comentario