30/10/07


O CINECLUBE PADRE FEIJOO E CINEBOX OURENSE PRESENTAN
UN CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL

Os próximos mércores 7, 14 e 28 de novembro de 2007, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense proxectarán o primeiro ciclo «Estreas en versión orixinal», co subtítulo neste caso de «Cinema europeo». O interese dos organizadores é que os ciclos poidan desenvolverse periodicamente, para manter unha continuidade na programación cultural cinematográfica da cidade, aínda que dita periodicidade aínda está por fixar.
Para este primeiro ciclo contouse coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
O ciclo «Estreas en versión orixinal: Cinema europeo» constará dos filmes 2 días en París (Deux jours à Paris, 2007), da francesa Julie Delpy, que se proxectará o próximo mércores 7 de novembro; Nuevo mundo (Nuovomondo, 2006), do italiano Emanuele Crialese, o mércores 14 de novembro; e Tideland (2005), do británico —aínda que orixinario dos EE UU— Terry Gilliam, o mércores 28 de novembro. Todas elas serán proxectadas nos Cinebox Ourense, en dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. O prezo das entradas será de 4 euros, e os estudantes con carné universitario terán un prezo especial de 3 euros.
Para a escolla dos títulos buscáronse filmes inéditos na cidade, distribuídos no estado nos últimos meses —Tideland, malia ser de 2005, non foi estreada en España até xuño deste ano—, con presenza forte en festivais internacionais (neste caso, Berlín, Venecia e San Sebastián, respectivamente). A aposta pola versión orixinal subtitulada responde á intención de mostrar os filmes tal e como foron concibidos, e supón unha magnífica oportunidade de gozar coa sonoridade propia de cada lingua e da actuación real dos actores. A contrastada calidade de proxección dos cines Cinebox Ourense fará que a experiencia de visionar estes filmes sexa a mellor das posíbeis hoxe por hoxe.
O Cineclube Padre Feijoo, sen local fixo de proxección desde que problemas técnicos obrigaron a deixar a sala da Biblioteca Pública en maio de 2004, vén organizando pequenos ciclos coa axuda das salas comerciais de proxección e o apoio de diversas institucións. Une os seus esforzos así con Cinebox Ourense, o único cinema comercial en activo actualmente na nosa cidade, que demostra o seu compromiso de actividade cultural inherente á exhibición cinematográfica.


• Mércores 7 de novembro de 2007 | Cinebox Ourense, 20.30 e 23.00 h
2 días en París
Deux jours à Paris.
Francia/Alemaña, 2007. Cor, 94 min. Dirección e guión: Julie Delpy • Produción: Christophe Mazodier, Julie Delpy, Thierry Potok (Tempête Sous un Crâne, Back Up Media, Polaris Films, Rézo Films) • Fotografía: Lubomir Bakchev • Montaxe: Julie Delpy • Música: Julie Delpy • Intérpretes: Adam Goldberg (Jack), Julie Delpy (Marion), Daniel Brühl (Lukas), Marie Pillet (Anna), Albert Delpy (Jeannot), Alexia Landeau (Rose), Adan Jodorowsky (Mathieu), Alex Nahon (Manu), Vanessa Seward (Vanessa) • Estrea en Francia: 11/7/2007 • Estrea en España: 10/8/2007 • Versión orixinal en inglés e francés con subtítulos en castelán.

Festival de Berlín 2007: sección Panorama • Festival International du Film d’Amour de Mons: Premio ‘Coup de Cœur’
Web oficial (castelán): http://www.golem.es/dosdiasenparis
Web oficial (inglés): http://www.2daysinparisthefilm.com

Marion e Jack viven en Nova York. Marion é francesa; Jack, estadounidense. Acaban de pasar unhas «vacacións románticas» en Venecia que, na realidade, foron unha viaxe inzada de malentendidos e discusións. Antes de volver a EE UU, pasan dous días en París, entre outras cousas para recuperar o gato que Marion deixou ao coidado de seus pais. Instálanse no minúsculo apartamento de Marion, no mesmo edificio que o piso de seus pais, aos que Jack aínda non coñece. Para Jack, os pais dela, os seus anteriores mozos e os costumes franceses son un auténtico choque cultural, até o punto de pór en perigo a relación.

• Mércores 14 de novembro de 2007 | Cinebox Ourense, 20.30 e 23.00 h
Nuevo mundo (Golden Door)
Nuovomondo. Italia/Francia, 2006. Cor, 118 min.• Dirección e guión: Emanuele Crialese • Produción: Alexandre Mallet-Guy, Fabrizio Mosca, Emanuele Crialese (Rai Cinemafiction, Respiro, Memento Films Production, Arte France Cinéma, Titti Film) • Fotografía: Agnès Godard • Montaxe: Maryline Monthieux • Música: Antonio Castrignanò • Intérpretes: Charlotte Gainsbourg (Lucy), Vincenzo Amato (Salvatore), Aurora Quattrocchi (Donna Fortunata), Francesco Casisa (Angelo), Filippo Pucillo (Pietro), Federica de Cola (Rita), Vincet Schiavelli (don Luigi), Isabella Ragonese (Rosa), Massimo Laguardia (Mangiapane), Filippo Luna (don Ercole), Andrea Prodan (Del Fiore) • Estrea en Italia: 22/7/2006 • Estrea en España: 15/6/2007 • Versión orixinal en italiano con subtítulos en castelán.

Festival de Venecia 2006: León de Prata, Premio ‘CinemAwenire’, Premio Signis, Premio Unicef, Premio Fedic, Premio Pasinetti • Premios David di Donatello 2007: Mellor Vestiario, Mellor Deseño de Produción, Mellores Efectos Visuais.
Web oficial (castelán): http://www.golem.es/nuevomundo
Web oficial (inglés): http://www.goldendoor-movie.com

Sicilia, principios do século XX. A familia Mancuso abandona o seu país natal para navegar cara a unha terra soñada e descoñecida, o Novo Mundo. Lucy, unha rapaza inglesa cun pasado misterioso, únese a eles neste longo periplo. Mais non todos gozarán do privilexio de cruzar as portas do paraíso...

• Mércores 28 de novembro de 2007 | Cinebox Ourense, 20.30 e 23.00 h
Tideland
Tideland. Reino Unido/Canadá, 2005. Cor, 122 min. Dirección: Terry Gilliam • Produción: Jeremy Thomas, Gabriella Martinelli (Prescience Film Fund, Capri Films, Recorded Picture Company) • Guión: Tony Grisoni e Terry Gilliam, baseado na novela de Mitch Cullin • Fotografía: Nicola Pecorini • Montaxe: Lesley Walker • Música: Mychael Danna e Jeff Danna • Intérpretes: Jodelle Ferland (Jeliza-Rose), Jeff Bridges (Noah), Janet McTeer (Dell), Brendan Fletcher (Dickens), Jennifer Tilly (Gunhilda), Dylan Taylor (Patrick), Wendy Anderson (muller), Sally Crooks (nai de Dell) • Estrea no Reino Unido: 11/8/2006 • Estrea en España: 8/6/2007 • Versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán.

Festival de San Sebastián 2005: premio Fipresci
Web oficial (castelán): http://www.notrofilms.com/tideland
Web oficial (inglés): http://www.tidelandthemovie.com

Jeliza-Rose é unha nena nunha situación moi especial: os seus pais son drogadictos. Cando morre a súa nai, a nena comeza unha estraña viaxe co seu pai, un músico de rock pasado de moda. Jeliza-Rose escapa da inmensa soidade da súa nova casa e entra nun mundo de fantasía que existe na súa imaxinación. Neste mundo, os vagalumes teñen nomes, os homes de barro despertan ao anoitecer e os esquíos falan. Os seus confidentes son as cabezas de catro bonecas, separadas dos seus corpos hai moito tempo, até que coñece a Dickens, un rapaz diminuído psíquico coa mente dun neno de dez anos.