06/03/08

‘Unha lousa sobre O Courel’


O CINECLUBE PADRE FEIJOO, VERDEGAIA E NAMCHE FILMS PRESENTAN
‘UNHA LOUSA SOBRE O COUREL’


O próximo mércores día 12 de marzo de 2008, nunha única proxección ás 20.30 h, presentarase en Ourense o filme documental Unha lousa sobre O Courel, dirixido por Henrique Banet e escrito e producido por Mabel Rivera. A proxección será, excepcionalmente, no Salón de Actos da Biblioteca Pública (rúa Concello 11).
Na proxección, presentada coa colaboración da empresa produtora do filme, Namche Films SL, e mais a organización ecopacifista Verdegaia e o Cineclube Padre Feijoo, estarán presentes os autores do filme, Henrique Banet e Mabel Rivera. No propio local haberá exemplares do filme en formato DVD para quen queira mercar un.
O documental Unha lousa sobre O Courel ten tres partes ben diferenciadas. Na primeira analízanse algunhas das características que fan que esta comarca sexa algo irrepetíbel para Galicia, contando, entre outros, con numerosos testemuños de científicos de renome. A segunda parte céntrase fundamentalmente nas numero­sísimas irregularidades que está a cometer a canteira da Campa, contando con apoio político e mediático, e dando a coñecer algunhas das contradicións en que se move o alcalde de Folgoso do Courel, que repite unha e outra vez que a xente está desinformada sobre o que é un Parque Natural, a pesar de que esta é a súa terceira lexislatura. A terceira parte lévanos á veciña Asturias, ao Parque Natural de Somiedo, un exemplo de desenvolvemento sustentábel e xerador de riqueza e postos de traballo, como nos expón o seu alcalde.
Unha lousa sobre O Courel mostra, en definitiva, a historia da manipulación informativa para xustificar e impor a depredación económica dunha comarca co apoio dos propios prexudicados ao facerlles crer que non hai outra solución.
O filme é a segunda produción de Namche Films, empresa creada por Henrique Banet e Mabel Rivera, cuxo primeiro título, El salario del silencio (2007), fai un repaso pola historia da instalación da planta gasificadora de Reganosa en Mugardos e polos perigos que entraña a súa localización.

Unha lousa sobre O Courel. Galicia, 2008. Cor, 60 min • Dirección: Henrique Banet • Produción: Mabel Rivera (Namche Films) • Guión: Mabel Rivera e Henrique Banet • Montaxe: Henrique Banet • Música: Emilio Cao • Narradora: Mabel Rivera • Versión orixinal en galego e castelán. Data de estrea: 1-2008

Máis información sobre o documental: http://www.namchefilms.es/namchefilms-000021.html#an2
Verdegaia: http://www.verdegaia.org/

04/03/08

‘Once (Una vez)’


Esta é a nota de prensa que enviamos hoxe aos medios (se queres recibilas no teu email, xunto con outras novas sobre as actividades do Cineclube, só tes que subscribirte escribindo a cineclubepf@gmail.com)


‘ONCE’ PECHA O SEGUNDO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL

Mañá, mércores 5 de marzo de 2008, como final do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 2», que desenvolven conxuntamente o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense, proxectarase a película Once (Una vez) (Irlanda, 2006), do director John Carney, gañadora do Oscar 2008 á mellor canción orixinal. Os pases serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, nas salas do Cinebox Ourense, no C. C. Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros con carné universitario).
Para este segundo ciclo «Estreas en Versión Orixinal» cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e a Delegación Provincial da Consellería de Cultura e Deporte.
Once conta a historia dun xove cantante e compositor que interpreta as súas cancións polas rúas de Dublín. Durante o día, para gañar algún diñeiro extra, interpreta coñecidos temas para os transeúntes, mais polas noites toca os seus propios. O seu talento non pasa desapercibido para unha rapaza inmigrante checa que vende flores na rúa para sacar adiante a súa filla e a súa nai. Ambos acaban de improviso facendo un dueto nunha tenda de música e será entón cando descubran que algo os une.
Gañadora dos premios do público nos festivais de Sundance e Dublín, Once é unha comedia musical que está a ter un éxito sen precedentes. O director, John Carney, di sobre a orixe da película: «sempre quixen facer un filme que, sen ser un “musical” tradicional (como os dos anos 40), utilizase numerosas cancións para contar unha historia moderna, unha historia de amor». Michael Phillips, no Chicago Tribune, comentaba sobre ela que é «un musical moito máis emocionante que todas as adaptacións que nos últimos 20 anos se teñen levado de Broadway a Hollywood».
Once ía ser proxectada dentro do ciclo o 13 de febreiro, pero un problema de distribución obrigou a adiar as proxeccións até mañá, 5 de marzo.