03/06/08

‘All The Invisible Children’

Esta á a nota de prensa enviada hoxe aos medios. Se queres recibir información puntual no teu e-mail, escríbenos a cineclubepf@gmail.com


COMEZA O CICLO DE CINEMA SOCIAL
CON ‘ALL THE INVISIBLE CHILDREN’


Mañá mércores 4 de xuño de 2008, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense darán comezo ao ciclo «Estreas en versión orixinal 3: Cinema Social» co filme All the invisible children (2005), dirixido por oito realizadores de distintos países, entre os que se encontran Ridley Scott, Emir Kusturica, Spike Lee e John Woo. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario). Para este ciclo cóntase novamente coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
All the invisible children [«Todos os nenos invisíbeis»] é unha iniciativa que reúne varios dos directores máis recoñecidos do mundo para retratar as historias de loita e adversidade de sete nenos anónimos arredor do mundo. Así, coñecemos a Tanza, un neno soldado en África; a Uroš, a punto de saír dun reformatorio xuvenil en Serbia; a Blanca, unha adolescente de Brooklyn de pais drogadictos, que acaba descubrindo que é seropositiva; a Bilu e João, que sobreviven como ‘meninos da rua’ en São Paulo; a Jonathan, un fotógrafo de prensa desilusionado, que redescobre a esencia da vida a través da infancia; a Ciro e o seu amigo Bertucciello, que asaltan en Nápoles un condutor para roubarlle o seu rolex e emprenden unha fuxida cara a unha infancia verdadeira; por último, a Song Song e Little Cat, dúas nenas que viven dúas vidas paralelas en circunstancias opostas nunha cidade chinesa.
O filme, feito en apoio das actividades de Unicef, conta cos realizadores Kátia Lund (co-directora do afamado filme brasileiro Cidade de Deus), Mehdi Charef (director francés de orixe alxeriana, gañador de varios premios en Cannes), Stefano Venerusso (axudante de dirección en producións como Gangs of New York e El cartero y Pablo Neruda), Emir Kusturica (afamado director de filmes como El tiempo de los gitanos ou Underground), Ridley Scott (non menos coñecido autor de filmes como Blade Runner ou Thelma e Louise), neste caso coa súa filla Jordan Scott (directora de dúas curtametraxes, a dirixir agora a súa primeira longa), e John Woo (director chinés de persoais filmes de acción, primeiro en Hong Kong e posteriormente en Hollywood).
Publicar un comentario