02/12/08

‘Honeydripper Blues Bar’


Esta é a nota de prensa enviada hoxe ao medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf


‘HONEYDRIPPER BLUES BAR’: CINEMA E MÚSICA
NO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL

Mañá, mércores 3 de decembro, o Cineclube Padre Feijoo e mais Cinebox Ourense presentan o filme Honeydripper Blues Bar (Honeydripper), do norteamericano John Sayles, que obtivo o Premio ao mellor guión no Festival de San Sebastián 2007. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
Continúa así o cuarto ciclo «Estreas en Versión Orixinal», subtitulado nesta ocasión «Da comedia ao drama». Para o ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Honeydripper Blues Bar conta unha historia ambientada na Alabama rural de 1950. Tyrone, pianista e dono dun pequeno bar, espera salvar o seu local da ruína contratando o máis famoso guitarrista de blues do momento, Guitar Sam. Cando chega o día da actuación, o músico non aparece no tren en que debía chegar. Tyrone terá que buscar unha solución para non perder a grande oportunidade de mudar a súa sorte.
John Sayles, o realizador de Casa de los babys ou Lone Star, dirixe esta película interpretada por Danny Glover no papel protagonista. A crítica ten escrito dela que é «un conto melancólico e vibrante, tan contaxioso e infalíbel como os tres acordes do rock and roll» (Ricardo Aldarondo, Fotogramas) e unha «cálida homenaxe ao blues rural» (Ángel S. Harguindey, El País).
Publicar un comentario