27/03/09

Estreas en V. O. 6: «Cinema actual»

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf)


O CINECLUBE PADRE FEIJOO E MAIS CINEBOX OURENSE
PROXECTARÁN CATRO FILMES DE ESTREA EN ABRIL

A programación do ciclo «Estreas en Versión Orixinal» para o mes abril, que presentan o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense, vén precedida do éxito do ciclo correspondente ao mes de marzo. Se a asistencia de público é sempre moi notábel nas sesións organizadas conxuntamente polas dúas entidades, a do ciclo «Aquí e agora» marcou un novo punto de referencia, ao ter atraído 634 espectadores (máis de 100 de media por cada sesión).
O novo ciclo para abril, titulado «Cinema actual», está composto por outros catro títulos non menos atractivos: tres comedias e un drama. En todos os casos, como é habitual, filmes que se proxectan en versión orixinal con subtítulos en castelán. Para o ciclo cóntase, máis unha vez, co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia, da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
O primeiro dos filmes, previsto para o mércores 1 de abril, é o filme brasileiro Estômago, de Marcos Jorge, gañador de multitude de premios, entre os que están catro na Seminci de Valladolid 2008, incluído o máximo galardón, a Espiga de Ouro. O segundo será proxectado o 15 de abril: Asfixia (Choke), adaptación da novela do sempre polémico Chuck Palahniuk —o autor de O club da loita, tamén levada ao cinema—, dirixida neste caso por Clark Gregg; o filme conseguiu o Premio especial do xurado no Festival de Sundance 2008. O terceiro título, que se proxectará o 22 de abril, é Bienvenidos al Norte (Bienvenue chez les Ch’tis), de Dany Boon, o último grande éxito do cinema europeo, que recupera con acerto o cinema popular francés de nomes como Jacques Tati. Pechará o ciclo, o 29 de abril, o filme La clase (Entre les murs), dirixido polo prestixioso Laurent Cantet e gañador da Palma de Ouro en Cannes 2008.
Unha nova oportunidade, en fin, de gozar co cinema máis prestixioso en pantalla grande e en versión orixinal.

Ciclo Estreas en Versión Orixinal 6
Cinema actual


01-04-09 Estômago
15-04-09 Asfixia
22-04-09 Bienvenidos al Norte
29-04-09
La clase


Ciclo Estreas en Versión Orixinal 6: Cinema actual
Abril 2009
Cinebox Ourense
Entrada: 4 euros (3 euros con carné universitario)
Versión Orixinal Subtitulada

Co apoio de:
Federación de Cineclubes de Galicia
Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual – Xunta de Galicia
Vicerreitoría do Campus de Ourense


• Mércores 1 de abril de 2009 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Estômago
Estômago. Brasil/Italia, 2007. Cor, 112 min. Dirección: Marcos Jorge • Produción: Cláudia da Natividade, Fabrizio Donvito, Marco Cohen, Gabriele Muccino (Zencrane Filmes, Indiana Production Company) • Guión: Lusa Silvestre, Marcos Jorge, Cláudia da Natividade, Fabrizio Donvito, segundo un argumento de Lusa Silvestre e Marcos Jorge • Fotografía: Toca Seabra • Montaxe: Luca Alverdi • Música: Giovanni Venosta • Intérpretes: João Miguel (Raimundo Nonato), Fabiula Nascimento (Íria), Carlo Briani (Giovanni), Babu Santana (Bujiú), Zeca Cenovicz (Zulmiro), Paulo Miklos (Etcétera), Jean Pierre Noher (Duque), Alexander Sil (Lino), Marcel Szymanski (Valtão), Syd Correa (Boquenga), Rodrigo Ferrarini (Magrão) • Estrea no Brasil: 11/4/2008 • Estrea en España: 19 /12/2008. Versión orixinal en portugués con subtítulos en castelán.

• Festival Internacional do Rio de Janeiro 2007: Premio do público ao mellor filme, Premio Première Brasil ao mellor actor (João Miguel), Premio Première Brasil ao mellor director, Premio Especial do Xurado (Babu Santana)
• Festival de Cinema Latinoamericano de Biarritz 2008: Premio especial do xurado
• Premios Contigo Cinema 2008: Premio á mellor actriz secundaria (Fabiula Nascimento)
• Festival de Raindance 2008: Mellor longametraxe internacional
• Festival Internacional do Uruguai 2008: Mellor filme latinoamericano
• Festival de Punta del Este 2008: Mellor filme, Mención especial ao mellor actor (João Miguel)
• Festival de Berlín 2008: sección oficial
• Festival de Rotterdam 2008: Lions Award
• Seminci de Valladolid 2008: Espiga de Ouro ao mellor filme, Mellor novo director, Mellor actor (João Miguel), Premio da xuventude

Web oficial (portugués):
http://www.estomagoofilme.com.br/

Raimundo Nonato chega á gran cidade coa esperanza de conseguir unha vida que lle permita comer e cear cada día. Consegue traballo nun bar, e alí descobre o seu talento innato para a cociña e transforma o lugar nun local de éxito. Giovanni, dono dun coñecido restaurante italiano, intúe os dotes de cociñeiro de Nonato e contrátao como axudante de cociña. A vida de Nonato muda e comeza a se afirmar socialmente: unha casa, roupa, novas relacións e, sobre todo, o amor dunha muller, Íria, unha prostituta de bo apetito, coa cal estabelece unha ancestral relación de sexo en troco de comida.


• Mércores 15 de abril de 2009 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Asfixia
Choke. EUA, 2008. Cor, 92 min • Dirección: Clark Gregg • Produción: Beau Flynn, Tripp Vinson, Johnathan Dorfman, Temple Fennell (ATO Pictures, Aramid Entertainment Fund, Choke Film, Contrafilm) • Guión: Clark Gregg, segundo a novela de Chuck Palahniuk • Fotografía: Tim Orr • Montaxe: Joe Klotz • Música: Nathan Larson • Intérpretes: Sam Rockwell (Victor Mancini), Anjelica Huston (Ida Mancini), Kelly Macdonald (Paige), Brad William Henke (Denny), Jonah Bobo (Victor Mancini mozo), Bijou Phillips (Ursula), Gillian Jacobs (Cherry/Beth), Clark Gregg (lord High Charlie) • Estrea en EUA: 26/9/2008 • Estrea en España: 21/1/2008. Versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán.

• Festival de Sundance 2008: Premio especial do xurado ao reparto (Sam Rockwell, Anjelica Huston, Kelly Macdonald, Brad William Henke)
• Festival de Xixón 2008: sesión inaugural

Web oficial (español):
www.asfixialapelicula.es
Web oficial (inglés): www.foxsearchlight.com/choke

Victor dedícase a estafar a xente para sufragar o caro tratamento médico da súa nai. O seu traballo diario é representar o papel dun miserábel campesiño do século XVIII nun parque temático de carácter histórico, mentres está tratando de se recuperar da súa adicción ao sexo. Mais cando a súa nai, cada vez máis débil, insinúa poder revelar a identidade secreta do seu perdido pai, Victor recobra a esperanza de encontrar finalmente as respostas que estivo a buscar.

• Mércores 22 de abril de 2009 • Cinebox Ourense, 18, 20.30 e 23 h (tripla sesión)
Bienvenidos al norte
Bienvenue chez les Ch’tis. Francia, 2008. Cor, 106 min • Dirección: Dany Boon • Produción: Claude Berri, Jérôme Seydoux (Hirsch, Pathé, TF1 Films Production, Les Productions du Ch'timi, CRRAV Nord-Pas de Calais) • Guión: Dany Boon, Alexandre Charlot, Franck Magnier, segundo un argumento de Dany Boon • Fotografía: Pierre Aïm • Montaxe: Luc Barnier, Julie Delord • Música: Philippe Rombi • Intérpretes: Kad Merad (Philippe Abrams), Dany Boon (Antoine Bailleul), Zoé Félix (Julie Abrams), Anne Marivin (Annabelle Deconninck), Philippe Duquesne (Fabrice Canoli), Guy Lecluyse (Yann Vandernoout), Zinedine Soualem (Momo), Jérôme Commandeur (inspector Lebic), Stéphane Freiss (Jean), Line Renaud (Sra. Bailleul), Michel Galabru • Estrea en Francia: 27/2/2008 • Estrea en España: 9/1/2009 • Versión orixinal en francés con subtítulos en castelán.

• Premios César: nomeado ao mellor guión orixinal
• Premios do Cinema Europeo: nomeado ao premio do público

Web oficial (francés):
http://www.chtinn.com/

Philippe Abrams é o encargado dunha oficina de correos na preciosa cidade de Salon-de-Provence, ao sur de Francia. Julie, a súa muller, padece episodios depresivos que converten a vida de Philippe nun verdadeiro inferno. Nun intento de animala, Philippe fai trampas para que o trasladen á Riviera francesa, mais é descuberto e enviado a unha pequena cidade no norte de Francia chamada Bergues. Os Abrams son o arquetipo da xente do sur que sente horror polo norte do país, un lugar inhóspito onde sempre vai frío, e que ten un dialecto arrevesado e incomprensíbel. Así que Philippe irá só ao seu destino.


• Mércores 29 de abril de 2009 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
La clase
Entre les murs. Francia, 2008. Cor, 128 min • Dirección: Laurent Cantet • Produción: Carole Scotta, Caroline Benjo, Barbara Letellier, Simon Arnal (Haut Et Court, France 2 Cinéma) •
Guión: Laurent Cantet, François Bégaudeau, Robin Campillo, segundo a novela de François Bégaudeau • Fotografía: Pierre Milon, Catherine Pujol, Georgi Lazarevski • Montaxe: Robin Campillo, Stéphanie Léger • Intérpretes: François Bégaudeau (François), Vincent Caire (Vincent), Olivier Dupeyron (Olivier), Patrick Dureuil (Patrick), Frédéric Faujas (Fred), Laura Baquela (Laura), Juliette Demaille (Juliette), Dalla Doucoure (Dalla), Esméralda Ouertani (Sandra), Franck Keïta (Souleymane), Wei Huang (Wei) • Estrea en Francia: 24/9/2008 • Estrea en España: 16/1/2009. Versión orixinal en francés con subtítulos en castelán.

• Festival de Cannes 2008: Palma de Ouro
• Festival de San Sebastián 2008: Sección Zabaltegi
• Oscars 2009: Nomeado como Mellor filme de fala non inglesa
• Premios Independent Spirit 2009: Mellor filme estranxeiro
• Premios Image 2009: Mellor filme estranxeiro
• Premios César 2009: Mellor guión adaptado
• Premios Lumière 2009: Mellor filme, Premio do público internacional

Web oficial (francés):
http://entrelesmurs-lefilm.fr/site/
Web oficial (español):
http://www.golem.es/laclase

François e os demais profesores prepáranse para se enfrontar a un novo curso nun instituto situado nun barrio conflitivo. Cheos de boas intencións, desexosos de achegar a mellor educación aos seus alumnos, ármanse contra o desalento. Mais as culturas e as actitudes enfróntanse na aula, microcosmos da Francia contemporánea. A tremenda franqueza de François sorprende os seus alumnos, mais o seu estrito sentido da ética cambaléase cando os rapaces comezan a non aceptar os seus métodos.
Publicar un comentario