17/11/09

‘Despedidas’

AVISO — MODIFICACIÓN DE ÚLTIMA HORA. Debido a problemas técnicos alleos a nós, vémonos na obriga de atrasar as sesións do filme Despedidas até o xoves 19 de novembro, cos mesmos horarios (20.30 e 23 h). Pedimos desculpas polas molestias.

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en
http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)


‘DESPEDIDAS’, OSCAR AO MELLOR FILME ESTRANXEIRO

O xoves 19 de novembro o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan o filme xaponés Despedidas (Okuribito), dirixido por Yôjirô Takita, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 7: Cinema de novembro». O filme conseguiu, entre outros moitos galardóns internacionais, o Oscar 2009 ao Mellor filme de fala non inglesa. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
Para o ciclo cóntase co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Despedidas é unha fábula vitalista sobre a morte. Conta a historia dun home que era violonchelista dunha orquestra que se acaba de disolver, e que acaba vagando polas rúas sen traballo e sen demasiada esperanza. Por iso, decide regresar á súa cidade natal en compañía da súa esposa, e alí consegue un emprego como enterrador: limpa os corpos, colócaos no seu ataúde e envíaos ao outro mundo da mellor forma posíbel. Aínda que a súa esposa e os seus veciños ven con desagrado este posto, el descubrirá neste ritual de morte a chispa vital que lle faltaba á súa propia vida.
O filme, ademais do Oscar, conseguiu 10 premios da Academia Xaponesa do Cinema (entre eles os de Mellor película, Mellor guión e Mellor director), así como o Gran Premio das Américas no Festival Mundial de Montreal de 2008.

1 comentario:

Alicia dixo...

Supongo que sabreis algo de esto, qué pasaría entonces con el cineclub? Espero que nos mantengais informados. Gracias!

http://www.laregion.es/noticia/109373/ourense/cinebox/licencia/regularizar/salas/cine/clausura/cierre/