19/01/10

‘The Fall: El sueño de Alexandria’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

CONTINÚA O CICLO DE CINEMA FANTÁSTICO CON ‘THE FALL: EL SUEÑO DE ALEXANDRIA’

Mañá,
mércores 20 de xaneiro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a coprodución The Fall: El sueño de Alexandria (The Fall), dirixida por Tarsem Singh, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 8: Novas olladas ao cinema fantástico». O filme conseguiu unha mención especial no Festival de Berlín e mais o Premio ao Mellor Filme no Festival de Sitges de 2007. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).

O presente ciclo conta co apoio da
Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.

The Fall
conta unha historia dentro doutra: nos anos vinte, un especialista de secuencias de acción é ingresado nun hospital tras unha caída que o deixa sen poder andar. Alí encontra o apoio de Alexandria, unha nena cun brazo roto coa que cerra unha promesa: vaille contar a historia máis marabillosa do mundo. O relato axiña superará todos os límites, e trasladará o filme a todos os confíns do mundo.

Acerca do filme, a crítica da revista
Fotogramas dicía: «The Fall termina sendo unha admirábel lección de imaxinación visual, ao tempo que unha punzante narración sobre a culpa e a redención amorosa... envolta nos aromas da menos convencional película de aventuras fantásticas que imaxinar se poida».
Publicar un comentario