02/02/10

‘Gigante’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

‘GIGANTE’ INICIA O CICLO
DE CINEMA LATINOAMERICANO

Mañá, mércores 3 de febreiro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película uruguaia
Gigante, dirixida por Adrián Biniez, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 9: Cinema latinoamericano». O filme obtivo varios premios no Festival de Berlín 2009 —entre eles o Oso de Prata—, e foi galardoado tamén en San Sebastián e A Habana. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).

O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.

Gigante
conta unha historia mínima, de personaxes. Nela, un garda de seguridade da quenda de noite nun hipermercado namórase dunha limpadora a que espía a través das cámaras de vixilancia. Axiña a vida deste vixilante se converte nunha serie de rituais e rutinas arredor dela e o seu desexo de coñecela.

A crítica ten feito comentarios moi eloxiosos desta película.
El Mundo cualificábaa como «impecable»; Público, pola súa parte, dicía que o filme «desborda honestidade por todos os seus poros»; La Vanguardia aseguraba que «a calidez de Gigante sorprende».
Publicar un comentario