23/03/10

‘Home, ¿dulce hogar?’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

CON ‘HOME, ¿DULCE HOGAR?’
ACABA O CICLO «CATRO MIRADAS DO MUNDO»

Mañá, mércores 24 de marzo, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película Home, ¿dulce hogar? (Home), dirixida pola suíza Ursula Meier. O filme enmárcase no ciclo «Estreas en Versión Orixinal 10: Catro miradas do mundo». Formou parte da Semana da Crítica do Festival de Cannes de 2008, e entre os moitos galardóns con que conta está o Premio do Público na Mostra Internacional de Filmes de Mulleres de Barcelona 2009.

Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).


O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.


Home, ¿dulce hogar? conta a historia dunha familia que vive nunha casa de campo en medio da nada. Illados do mundo, lograron o equilibrio creando un ambiente en que reina a alegría e a harmonía familiar. Mais a apertura dunha autoestrada abandonada que pasa a poucos metros da súa casa converterá a súa existencia nunha carreira por adaptarse ao mundo exterior. Aínda que ao principio eles seguen a súa despreocupada rutina, un inquietante mundo de centos de coches que pasan rápidos e ruidosos irromperá nas súas vidas poñendo a proba o seu enxeño, a súa forza e a súa vontade para se manteren na súa casa ideal e protexeren a súa particular forma de vida.

O crítico Jordi Costa escribía sobre Home na revista Fotogramas: «hai neste traballo unha poderosa enerxía perturbadora e un saudábel rexeitamento á obviedade».
Publicar un comentario