02/03/10

‘Tres monos’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

INICIO DO CICLO «CATRO MIRADAS DO MUNDO»

COA PELÍCULA ‘TRES MONOS’

Mañá, mércores 3 de marzo, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película turca Tres monos (Üç maymun), dirixida por Nuri Bilge Ceylan —o realizador das aclamadas Lejano (Uzak) e Los climas—, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 10: Catro miradas do mundo». O filme obtivo o Premio ao Mellor Director no Festival de Cannes de 2008. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).


O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.


No filme Tres monos cóntase como Servet, un político, tras quedar durmido ao volante do seu vehículo, atropela mortalmente un peón. Horrorizado ante a posibilidade de que ese suceso inflúa na súa carreira electoral, decide agachar o seu delito, polo que recorre a Eyüp, o seu chofer de toda a vida. Este acepta ir a prisión a cambio da seguridade financeira da súa familia. Mentres Eyüp está no cárcere, a vida de Ismai, o seu fillo adolescente, comeza a tomar camiños problemáticos. Hacer, a fermosa muller de Eyüp, recorre a Servet en busca de axuda, mais a relación entre ambos parece ir más alá do aceptábel. Unha intricada rede de mentiras unirá as vidas destas catro persoas, creando un difícil equilibrio que ameaza con se esborrallar en calquera momento.

A prensa internacional tense desfeito en eloxios cara a este filme. En Francia, por exemplo, o diario Le Monde aseguraba: «a atmosfera abafante pálpase no ton existencialista da película e no seu tratamento estético», e cualificábao como «cinema do grande»; Libération, pola súa parte, definíao como «un filme cativador acerca dos celos, a arrogancia do poder, a violencia e, sobre todo, a mentira».
Publicar un comentario