30/04/10

Producións galegas en maio

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

PROXECCIÓN DE PRODUCIÓNS GALEGAS
NAS PRIMEIRAS SESIÓNS DE MAIO

Coincidindo co mes das Letras Galegas, o Cineclube Padre Feijoo programou dúas sesións dedicadas a producións galegas. Así, o día 5 proxectaranse os documentais Lobos sucios e Bandoleiros ou guerrilleiros?, e o día 12, a curtametraxe de ficción
O labirinto ario e o documental Entre línguas.

As proxeccións, que terán entrada gratuíta, serán (en sesión única, ás 20.30 h) no Auditorio Municipal de Ourense. Cóntase co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, Federación de Cineclubes de Galicia, a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, a Axencia Audiovisual Galega e as produtoras Amén Cinema e Chantada Films.



• Mércores 5 de maio de 2010 • Auditorio Municipal de Ourense, 20.30 h (sesión única)
‘Lobos sucios’ e ‘Bandoleiros ou guerrilleiros?’
(Cinemas Dixitais)

Lobos sucios. Galicia, 2006. Cor, 32 min. Dirección e guión: Felipe Rodríguez Lameiro • Produción: Felipe Rodríguez Lameiro • Fotografía: Victorino Lourido García, Sergio Moreno Blanco • Montaxe: Felipe Rodríguez Lameiro • Música: Belén González Blanco • Intervencións: Manuel Rivas. Versión orixinal en galego.

• Tribeca Film Festival 2008: Sección oficial

• Web oficial: http://www.lobossucios.com

Este documental trata de sacar á luz os pormenores da revolución mineira do volframio (wolf = lobo, ram = sucio) en Galicia durante a posguerra civil española, a partir do desenterramento dun corpo, da memoria e dunha lenda. O filme flúe a través de tres liñas narrativas que se entrelazan e relacionan co fin de obter unha metáfora fílmica a partir da mirada persoal do autor sobre a memoria ou testemuña dos protagonistas da historia.


Bandoleiros ou guerrilleiros? Galicia, 2006. Cor, 50 min. Dirección: José A. Sanmartín, Alfredo García Pinal • Produción: María Luisa Padrón Lorenzo (Produccións SP) • Guión: José A. Sanmartín, Antón Grande Penela • Fotografía: Xacobe García Vidal • Montaxe: Alfredo García Pinal • Música: Gonzalo Vázquez. Versión orixinal en galego.

Documental histórico ficcionado, trata as vivencias, durante a guerra civil e os anos que seguen, dos chamados «fuxidos», «maquis», «bandoleiros» ou «guerrilleiros» en Galicia. As ficcións recréanse nos lugares reais dos feitos e son narradas por guerrilleiros aínda vivos, como Camilo de Dios, Kiko e unha guerrilleira ourensá residente en Francia, que por primeira vez dá a coñecer a súa historia diante dunha cámara. Historiadores, investigadores, testemuñas vivas dos feitos e outros personaxes van narrando a historia da guerrilla en Galicia. Persoeiros como Eimun Heinen, Carlos G. Reigosa, Carlos Fernández ou Xesús Alonso Montero alumean a trama cos seus comentarios.


• Mércores 12 de maio de 2010 • Auditorio Municipal de Ourense, 20.30 h (única sesión)
‘O labirinto ario’ e ‘Entre linguas’

O labirinto ario.
Galicia, 2009. Cor, 25 min. Dirección: Alfredo Pardo • Produción: Chantada Films, Chantada Comunicación • Guión: Ana Belén Diz • Fotografía: David Vázquez • Montaxe: Alfredo Pardo • Música: Sergio Pena • Intérpretes: Alejandro Carro, Mela Casal, Julio Cela, Ramón Pérez, Beatriz Serén. Versión orixinal en galego.

• Premios Mestre Mateo 2010: nomeada como mellor curtametraxe de ficción

• Web oficial: http://www.chantadafilms.com

Curtametraxe de ficción cuxa trama mestura o esoterismo nazi, os alieníxenas e o caso dunha man cortada. Ao morrer Hitler en 1946 é soterrado na parroquia de Nogueira. Os seus lugartenentes, o doutor Manfred e Helmuth, reciben o apoio do Xeneralísimo Franco, quen intercede diante da Marquesa de Tor a prol do advento dunha raza aria, o rexurdir do IV Reich e o espertar dun novo Mesías. Ademais: a procura do Santo Graal no Monte do Faro, experimentos nas bases subterráneas nazis de Belesar, rituais satánicos na cripta romana de Santa Eulalia de Bóveda e os contactos co planeta Ummo.


Entre línguas. Galicia, 2009. Cor, 30 min. Dirección e guión: Vanessa Vila Verde Lamas, João José Varela Aveledo, Eduardo Sanches Maragoto • Produción: Producción: Vanessa Vila Verde Lamas, João José Varela Aveledo, Eduardo Sanches Maragoto (Colectivo Glu-Glu, Amén Cinema) • Fotografía: Vanessa Vila Verde Lamas, João José Varela Aveledo, Eduardo Sanches Maragoto • Montaxe: Ramiro Ledo • Música: Ramón Lluís Bande, Nacho Vegas. Versión orixinal en galego.

• Web oficial: http://entrelinguas.agal-gz.org

O caso do ‘galego de Cáceres’ tornouse coñecido en Galicia hai case dúas décadas. Porén, ao longo da fronteira con Portugal, desde a provincia de Zamora até a de Badaxoz, existen outros catro territorios que, por diferentes vicisitudes históricas, posúen actualmente soberanía española e conservan uns dialectos moi semellantes ao galego. No transcurso deste documental, os veciños e veciñas destas case sempre pequenas vilas cóntannos como viven a súa máis forte peculiaridade e conversan sobre os motivos para continuaren a falar como aínda falan e cantan, ou todo o contrario.
Publicar un comentario