
Esta é a nota de prensa enviada aos medios esta mañá:
‘MADAME BROUETTE’ DÁ COMEZO
AO CICLO CINEMA E DEREITOS HUMANOS
Mañá, xoves 27 de abril de 2006, comezará o II Ciclo Cinema e Dereitos Humanos, organizado polo Grupo Local de Amnistía Internacional en Ourense e mais o Cineclube Padre Feijoo, coa proxección en estrea do filme Madame Brouette, dirixido polo senegalés Moussa Sene Absa. A película, gañadora en 2003 do Oso de Prata á mellor música no Festival de Berlín, recibirá dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h, no Cine Dúplex (rúa Sáenz Díez, s/n, 32003 Ourense). O prezo simbólico de entrada serán 2,50 euros.
Madame Brouette, que dentro do ciclo serve para ilustrar os problemas relacionados cos dereitos da muller, conta a historia de Mati, unha muller loitadora e independente, que sobrevive grazas a un pequeno posto que instala no mercado. Un día, o seu amante sae da casa de Mati cribado a disparos e cae morto ao chan. No contorno todas as mulleres defenden a súa veciña. En canto aos homes, non están seguros de que semellante acto poida ser perdoado: que ocorrería se as súas esposas tivesen a mesma idea?
Trátase dunha estimulante mestura entre intriga policial e denuncia social: «Procurei combinar unha historia entretida cunha ollada á situación da muller africana», apunta o director, Moussa Sene Absa (Dakar, 1958), multifacético artista, pintor, escritor e músico. «En África existen unhas voces que non se escoitan nunca, que son as das mulleres, e que están cargadas de verdade e sensibilidade; nas súas mans está o futuro do mundo».
Ademais do premio en Berlín, a película foi galardoada no Festival de París e no Festival de Cine do Sáhara.
A proxección será en versión orixinal en francés, con subtítulos en castelán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Por favor teña en conta estas pautas…
Evite os insultos, palabras groseiras, alusións sexuais, vulgaridades o vulgares simplificacións.
Non sexa gratuitamente ofensivo, e menos aínda, inxurioso.
Os comentarios deben ser pertinentes. Respecte o tema formulado no artigo ou aqueles que xurdan de xeito natural no curso do debate.
En Internet, adóitanse utilizar alcumes no canto do propio nome, pero usurpar o/a doutro/a lector/a é unha práctica inaceptable.
Non escriba en MAIÚSCULAS. Na linguaxe de Internet interprétanse como gritos e dificultan a lectura.
Calquera comentario que non se ateña a estas normas poderá ser borrado e calquera comentarista que as rompa habitualmente poderá ver cortado o seu acceso aos comentarios do blogue do cineclube «Padre Feijoo» (cineclubePF) e calquera dos sitios da «Feciga».