skip to main |
skip to sidebar
Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook) ‘LA TETA ASUSTADA’, OSO DE OURO E POSÍBEL OSCAR
NO CICLO DE CINEMA LATINOAMERICANO
Mañá, mércores 10 de febreiro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película peruana La teta asustada, dirixida por Claudia Llosa, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 9: Cinema latinoamericano». O filme obtivo o Oso de Ouro e mais o Premio da Crítica (Fipresci) no Festival de Berlín 2009, e é candidata ao Oscar ao mellor filme de fala non inglesa. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
La teta asustada é o novo filme da directora de Madeinusa, Claudia Llosa —sobriña do escritor Mario Vargas Llosa—, e conta a historia de Fausta, que padece da «teta asustada», unha enfermidade que se transmite polo leite materno de mulleres maltratadas durante a época do terrorismo no Perú. Os infectados nacen sen alma, porque do susto se escondeu na terra, e cargan un terror atávico que os illa por completo. Mais Fausta agacha algo máis, garda un segredo que non quere revelar, até que a súbita morte da súa nai desencadea feitos inesperados que transformarán a súa vida e a de outros.
Nuria Vidal, na súa crítica na revista Fotogramas, dicía: «Claudia Llosa conta esta historia contemporánea, ambientada nun barrio emerxente da cidade de Lima, coa delicadeza do trazo dunha flor, tratando con todo coidado a súa protagonista, deixándoa crecer nun contexto en que a vida cotiá está chea de vodas e festexos, piscinas improvisadas e amigos inesperados».
Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook) ‘GIGANTE’ INICIA O CICLO
DE CINEMA LATINOAMERICANO
Mañá, mércores 3 de febreiro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película uruguaia Gigante, dirixida por Adrián Biniez, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 9: Cinema latinoamericano». O filme obtivo varios premios no Festival de Berlín 2009 —entre eles o Oso de Prata—, e foi galardoado tamén en San Sebastián e A Habana. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Gigante conta unha historia mínima, de personaxes. Nela, un garda de seguridade da quenda de noite nun hipermercado namórase dunha limpadora a que espía a través das cámaras de vixilancia. Axiña a vida deste vixilante se converte nunha serie de rituais e rutinas arredor dela e o seu desexo de coñecela.
A crítica ten feito comentarios moi eloxiosos desta película. El Mundo cualificábaa como «impecable»; Público, pola súa parte, dicía que o filme «desborda honestidade por todos os seus poros»; La Vanguardia aseguraba que «a calidez de Gigante sorprende».
Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)O CICLO DE ESTREAS DE FEBREIRO
ESTARÁ DEDICADO AO CINEMA LATINOAMERICANO
O mércores 3 de febreiro ponse en marcha o ciclo «Cinema Latinoamericano», dentro da programación mantida polo Cineclube Padre Feijoo, en colaboración con Cinebox Ourense. Chégase así ao noveno dos ciclos da serie «Estreas en Versión Orixinal».
Os pases, como vén sendo habitual, serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella), e as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario). Para o ciclo cóntase co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
O ciclo «Cinema Latinoamericano» compóñeno tres películas actuais de procedencias moi diversas. O 3 de febreiro exhibirase o filme uruguaio Gigante, dirixido por Adrián Biniez e premiado en Berlín e San Sebastián, que conta unha pequena historia de atracción entre un vixilante de seguridade e unha muller da limpeza nun hipermercado. O 10 de febreiro será a vez para a película peruana La teta asustada, que a través dunha historia intimista reflexiona sobre as consecuencias do terrorismo do grupo Sendero Luminoso. Dirixida por Claudia Llosa, recibiu o Oso de Ouro do Festival de Berlín. Pechará o ciclo, o 27 de febreiro, a fita chilena La buena vida, de Andrés Wood, o celebrado director de Machuca e La fiebre del loco. Entre outros galardóns, esta película obtivo o Premio Goya 2009 ao mellor filme hispanoamericano.
Unha viaxe, pois, pola zona meridional do continente americano, que dá a oportunidade de ver unha parte importante do mellor cinema que se fai no momento.
• Mércores 3 de febreiro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Gigante
Gigante. Uruguai/Alemaña/Arxentina/Holanda, 2009. Cor, 90 min • Dirección e guión: Adrián Biniez • Produción: Fernando Epstein, Agustina Chiarino (Control Z Films, Rizoma Films, Pandora Films) • Fotografía: Arauco Hernández • Montaxe: Fernando Epstein • Música: Adrián Biniez • Intérpretes: Horacio Camandule (Jara), Leonor Svarcas (Julia), Néstor Guzzini (Tomás), Federico García (Matías), Fabiana Charlo (Mariela), Ernesto Liotti (Danilo), Diego Artucio (Omar), Carlos María Lissardy (Kennedy), Nacho Mendy (Miguel), Augusto Peloso (Rojas), Andrés Gallo (Fidel). Estrea no Uruguai: 22/5/2009 • Estrea en España: 2/10/2009. Versión orixinal en español.
• Festival de Berlín 2009: Oso de Prata ex aequo; Mellor primeira obra; Premio Alfred Bauer
• Festival de San Sebastián 2009: Premio Horizontes
• Festival de Chicago 2009: Hugo de Ouro
• Festival da Habana 2009: Segundo Premio Gran Coral • Festival de Lima 2009: Premio Especial do Xurado
Web oficial (español): http://www.golem.es/gigante/
Jara, un garda de seguridade da quenda de noite nun hipermercado, namórase dunha limpadora a que espía a través das cámaras de vixilancia. Axiña a vida de Jara se converte nunha serie de rituais e rutinas arredor dela e o seu desexo de coñecela.
• Mércores 10 de febreiro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
La teta asustada
La teta asustada. España/Perú, 2009. Cor, 94 min • Dirección e guión: Claudia Llosa • Producción: Antonio Chavarrías, José María Morales, Claudia Llosa (Wanda Visión, Oberon Cinematográfica, Vela Producciones) • Fotografía: Natasha Braier • Montaxe: Frank Gutiérrez • Música: Selma Mutal • Intérpretes: Magaly Solier (Fausta), Susi Sánchez (Aída), Marino Ballón (tío Lúcido), Efraín Solís (Noé), Bárbara Lazón (Perpetua), María del Pilar Guerrero (Máxima), Delci Heredia (Carmela), Karla Heredia (Severina), Fernando Caycho (Melvin), Edward Llungo (Marcos) • Estrea en España: 13/2/2009. Versión orixinal en español e quechua.
• Festival de Berlín 2009: Oso de Ouro, Premio Fipresci
• Festival de Guadalajara 2009: Mellor filme, Mellor actriz (Magaly Solier)
• Festival da Habana 2009: Primeiro premio Gran Coral, Mellor dirección artística
• Festival de Cinema Latinoamericano de Lima 2009: Mellor filme peruano, Mellor actriz (Magaly Solier)
• Festival de Novo Cinema de Montreal 2009: Premio á actuación (Magaly Solier), Premio da crítica de Quebec
Novo filme da directora de ‘Madeinusa’. Fausta padece da «teta asustada», unha enfermidade que se transmite polo leite materno de mulleres maltratadas durante a época do terrorismo no Perú. Os infectados nacen sen alma, porque do susto se escondeu na terra, e cargan un terror atávico que os illa por completo. Mais Fausta agacha algo máis, garda un segredo que non quere revelar, até que a súbita morte da súa nai desencadea feitos inesperados que transformarán a súa vida e a de outros.
• Mércores 24 de febreiro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
La buena vida
La buena vida. Chile/Arxentina/España/Francia, 2008. Cor, 96 min • Dirección: Andrés Wood • Produción: Andrés Wood, Mamoun Hassan, Gerardo Herrero, Diego Dubcovsky (Andrés Wood Producciones, DB Cine, Tornasol Films, Paraíso Production, Chilefilms) • Guión: Mamoun Hassan, Andrés Wood, baseado nun argumento de Rodrigo Bazaes • Fotografía: Miguel Littin • Montaxe: Andrea Chignoli • Música: José Miguel Miranda, José Miguel Tobar • Intérpretes: Aline Küppenheim (Teresa), Manuela Martelli (Paula), Eduardo Paxeco (Mario), Roberto Farías (Edmundo), Manuela Oyarzún (Esmeralda), Paula Sotelo (Patricia), Néstor Corona (Gabriel), Daniel Antivilo (Ramón), Alfredo Castro (Jorge), Bélgica Castro (Leonor), Francisco Acuña (Lucas), Jorge Alis (Raúl), Luis Roque • Estrea en Chile: 14/8/2008 • Estrea en España: 3/4/2009. Versión orixinal en español.
• Festival da Habana 2008: Mención especial
• Festival de Cinema Latinoamericano de Huelva 2008: Mellor filme
• Festival de Cinema Latinoamericano de Lleida 2008: Mellor director
• Festival de Biarrtiz 2008: Mellor actriz (ex æquo, Aline Küppenheim e Manuela Oyarzún), Mellor actor (Roberto Farías)
• Festival de Cartagena (Colombia) 2009: Mellor filme
• Premios Goya 2009: Mellor filme hispanoamericano
Web oficial (español): http://www.labuenavidapelicula.cl/
Santiago de Chile, 2008. Teresa, Edmundo, Mario e Patricia son catro habitantes da cidade, cuxas vidas se entrecruzan en medio de bucinadas, freadas e alarmas de vehículos, pero que dificilmente chegan a tocarse. Sumidos no remuíño urbano, cada un deles persegue o seu soño: Teresa trata de salvar vidas, Edmundo ansía ter un coche, Mario quere entrar na Filharmónica, e Patricia sobrevivir. Cada un deles devece por algo que semella inalcanzábel. Ningún o logra, mais si que obterán un resultado inesperado. ‘La buena vida’ é o novo filme do director de ‘La fiebre del loco’ e ‘Machuca’.
Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)O CICLO DE CINEMA FANTÁSTICO
FINALIZA CO FILME ‘MOON’
Mañá, mércores 27 de xaneiro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película británica Moon, dirixida por Duncan Jones, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 8: Novas olladas ao cinema fantástico». O filme foi seleccionado para os prestixiosos festivais de Sundance e Tribeca, e obtivo os premios ao mellor filme, mellor guión, mellor actor e mellor deseño de produción no Festival de Sitges de 2009. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Moon é unha historia de ciencia ficción no sentido máis xenuíno da súa definición. Nela, un mineiro é enviado á Lúa coa misión de extraer un gas que salvará a Terra da crise enerxética que atravesa; tras pasar tres anos só na base lunar, afastado da súa familia, está a punto de regresar ao seu fogar, mais comeza a sufrir unha serie de estrañas visións.
A crítica Desirée De Fez, na revista Fotogramas, comentaba ao respecto deste filme: «Duncan Jones sitúa a súa primeira longametraxe nun estimulante intermedio entre a ciencia-ficción e o drama de cámara», e compáraa con Código 46, de Michael Winterbottom, Primer, de Shane Carruth, e ¡Olvídate de mí!, de Michel Gondry. Finalizado este primeiro ciclo do ano, o Cineclube ten preparado para febreiro un dedicado ao cinema latinoamericano, cos filmes Gigante, La teta asustada e La buena vida.
Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)CONTINÚA O CICLO DE CINEMA FANTÁSTICO CON ‘THE FALL: EL SUEÑO DE ALEXANDRIA’
Mañá, mércores 20 de xaneiro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a coprodución The Fall: El sueño de Alexandria (The Fall), dirixida por Tarsem Singh, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 8: Novas olladas ao cinema fantástico». O filme conseguiu unha mención especial no Festival de Berlín e mais o Premio ao Mellor Filme no Festival de Sitges de 2007. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
The Fall conta unha historia dentro doutra: nos anos vinte, un especialista de secuencias de acción é ingresado nun hospital tras unha caída que o deixa sen poder andar. Alí encontra o apoio de Alexandria, unha nena cun brazo roto coa que cerra unha promesa: vaille contar a historia máis marabillosa do mundo. O relato axiña superará todos os límites, e trasladará o filme a todos os confíns do mundo.
Acerca do filme, a crítica da revista Fotogramas dicía: «The Fall termina sendo unha admirábel lección de imaxinación visual, ao tempo que unha punzante narración sobre a culpa e a redención amorosa... envolta nos aromas da menos convencional película de aventuras fantásticas que imaxinar se poida».
Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)O CICLO «NOVAS OLLADAS AO CINEMA FANTÁSTICO» COMEZA CO FILME ‘DÉJAME ENTRAR’
Mañá, mércores 13 de xaneiro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan o filme sueco Déjame entrar (Låt den rätte komma in), dirixido por Tomas Alfredson, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 8: Novas olladas ao cinema fantástico». O filme conseguiu multitude de galardóns en festivais de todo o mundo, como o premio á Mellor Película no Festival de Tribeca (o festival promovido por Robert De Niro e auspiciado, entre outros, por Martin Scorsese) e o Gran Premio do Festival de Sitges de 2008. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Déjame entrar conta a historia de Oskar, un rapaz de 12 anos que sofre continuamente o acoso dalgúns compañeiros da súa clase. O seu desexo de ter un amigo parece facerse realidade cando coñece a Eli, unha nena da súa mesma idade que acaba de mudarse á casa do lado. Pero Eli é unha nena misteriosa: é moi seria, está moi pálida, só sae polas noites e aparentemente non lle afectan as temperaturas xeadas. Unha serie de desaparicións e asasinatos inexplicábeis coinciden coa chegada da rapaza.
O filme aborda de forma orixinal e sen truculencia o mito do vampirismo desde a perspectiva infantil, e recibiu todo tipo de eloxios. O diario El País definíaa como «unha pequena peza de ourivaría»; El Periódico de Catalunya, pola súa parte, como «unha desas marabillas que logrará traspasar o limiar do tempo»; a revista Imágenes de Actualidad dicía que é «sobria, poética, inquietante, terrorífica, intimista; sen dúbida, o mellor filme fantástico da temporada»; e Cahiers du Cinéma resumíaa coa frase «fermoso conto vampírico».
Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)
O CINECLUBE COMEZA O ANO DO SEU 40º ANIVERSARIO CO CICLO «NOVAS OLLADAS AO CINEMA FANTÁSTICO»
A partir do próximo día 13 de xaneiro comezan os novos ciclos do Cineclube Padre Feijoo, en colaboración con Cinebox Ourense. O primeiro deles será o titulado «Estreas en Versión Orixinal 8: Novas olladas ao cinema fantástico», e traerá a Ourense tres títulos inéditos na nosa cidade deste xénero en continua reformulación.
Os pases, como vén sendo habitual, serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella), e as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario). Para o ciclo cóntase co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
O mércores 13 de xaneiro proxectarase, pois, o filme sueco Déjame entrar, de Tomas Alfredson; a fita, premiada en festivais de todo o mundo, incluídos Tribeca, Amsterdam e Sitges, supón unha acertada revisión do mito do vampirismo desde a perspectiva infantil, e unha renovación do cinema de terror sen recorrer á truculencia. O día 20, a coprodución The Fall: El sueño de Alexandria, dirixida por Tarsem Singh, ofrécenos a imaxinación máis desbordante nunha fábula en que se mesturan todo tipo de tradicións e que recibiu premios nos festivais de Berlín e Sitges. Por último, o día 27 proxectarase a película Moon, do realizador británico Duncan Jones, que recupera o mellor da ciencia ficción nun filme con reminiscencias a grandes títulos, merecedor de premios en festivais como o de Sundance.
Iníciase así un ano en que o Cineclube Padre Feijoo chegará, no outono, aos seus corenta anos de actividade en Ourense. Nos próximos meses irase anunciando as seguintes actividades de celebración deste aniversario.
Ciclo Estreas en Versión Orixinal 8
Novas olladas ao cinema fantástico
13/1/10: Déjame entrar
20/1/10: The Fall: El sueño de Alexandria
27/1/10: Moon
Ciclo Estreas en Versión Orixinal 8: Novas olladas ao cinema fantástico
Xaneiro 2010
Cinebox Ourense
Entrada: 4 euros (3 euros con carné universitario)
Versión Orixinal Subtitulada
Co apoio de:
Concellería de Cultura – Concello de Ourense
Federación de Cineclubes de Galicia
Secretaría Xeral de Medios – Xunta de Galicia
Vicerreitoría do Campus de Ourense
• Mércores 13 de xaneiro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Déjame entrar
Låt den rätte komma in. Suecia, 2008. Cor, 114 min • Dirección: Tomas Alfredson • Produción: John Nordling, Carl Molinder (Bavaria Film International, EFTI Film) • Guión: John Ajvide Lindqvist, segundo a súa novela • Fotografía: Hoyte Van Hoytema • Montaxe: Dino Jonsäter, Tomas Alfredson • Música: Johan Söderqvist • Intérpretes: Kåre Hedebrant (Oskar), Lina Leandersson (Eli), Per Ragnar (Håkan), Henrik Dahl (Erik), Karin Bergquist (Yvonne), Peter Carlberg (Lacke), Ika Nord (Virginia), Mikael Rahm (Jocke), Anders T. Peedu (Morgan), Pale Olofsson (Larry) • Estrea en Suecia: 24/10/2008 • Estrea en España: 17/4/2009. Versión orixinal en sueco con subtítulos en castelán.
• Festival de Tribeca 2008: Mellor longametraxe narrativa
• Festival de Cinema Fantástico de Bruxelas 2008: Corvo de Ouro
• Premios Saturn 2009: Mellor filme internacional
• Festival de Cinema Fantástico de Amsterdam 2009: Premio Black Tulip, Premio Silver Scream
• Festival de Edimburgo 2008: Premio de Consenso Crítico
• Festival Fant-Asia 2008: Mellor filme europeo ou americano, Mellor director, Mellor Film, Mellor dirección de fotografía
• Festival de Goteburgo 2008: Premio á mellor dirección, Premio á mellor dirección de fotografía
• Festival de Sitges 2008: Gran Premio de Ouro ao Filme Fantástico Europeo
• Semana de Cine Fantástico de San Sebastián 2008: Premio do público
Web oficial (español): http://www.karmafilms.es/dejamentrar
Web oficial (inglés): http://www.lettherightoneinmovie.com
Oskar é un rapaz de 12 anos que sofre continuamente o acoso dalgúns compañeiros da súa clase. O seu desexo de ter un amigo parece facerse realidade cando coñece a Eli, unha nena da súa mesma idade que acaba de mudarse á casa do lado. Pero Eli é unha nena misteriosa: é moi seria, está moi pálida, só sae polas noites e aparentemente non lle afectan as temperaturas xeadas. Unha serie de desaparicións e asasinatos inexplicábeis coinciden coa chegada da rapaza.
• Mércores 20 de xaneiro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
The Fall: El sueño de Alexandria
The Fall. EE. UU./Reino Unido/India, 2006. Cor, 118 min. Dirección: Tarsem Singh • Produción: Tarsem Singh (Googly Films, Treetop Films) • Guión: Dan Gilroy, Nico Soultanakis, Tarsem Singh, a partir do guión de Valeri Petrov para o filme ‘Yo Ho Ho’ (1981), dirixido por Zako Heskija • Fotografía: Colin Watkinson • Montaxe: Robert Duffy • Música: Krishna Levy • Intérpretes: Lee Pace (Roy Walker), Catinca Untaru (Alexandria), Justine Waddell (Evelyn), Julian Bleach (Mystic), Leo Bill (Charles Darwin), Marcus Wesley (Otta Benga), Robin Smith (Luigi), Daniel Caltagirone (Sinclair/Gobernador Odio), Ronald France (Otto), Kim Uylenbroek (doutor/Alexandre Magno), Emil Hostina (pai de Alexandria/bandido) • Estrea en EE. UU.: 30/5/2008 • Estrea en España: 14/1/2008. Versión orixinal en inglés e romanés con subtítulos en castelán.
• Festival de Berlín 2007: Mención Especial Oso de Cristal
• Festival de Sitges 2007: Mellor filme
Web oficial (español): http://www.tripictures-spain.com/thefall/default.html
Web oficial (inglés): http://www.thefallthemovie.com
Nos anos vinte, un especialista de secuencias de acción é ingresado nun hospital tras unha caída que o deixa sen poder andar. Alí encontra o apoio de Alexandria, unha nena cun brazo roto coa que cerra unha promesa: vaille contar a historia máis marabillosa do mundo. O relato axiña superará todos os límites, e trasladará o filme a todos os confíns do mundo.
• Mércores 27 de xaneiro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Moon
Moon. Reino Unido, 2009. Cor, 97 min • Dirección: Duncan Jones • Produción: Stuart Fenegan, Trudie Styler (Sony Pictures Classics, Liberty Films, Xingu Films, Limelight.) • Guión: Nathan Parker, segundo un argumento de Duncan Jones • Fotografía: Gary Shaw • Montaxe: Nicolas Gaster • Música: Clint Mansell • Intérpretes: Sam Rockwell (Sam Bell), Kevin Spacey (voz de Gerty), Dominique McElligott (Tess Bell), Kaya Scodelario (Eve Bell), Benedict Wong (Thompson), Matt Berry, Malcolm Stewart • Estrea no Reino Unido: 17/7/2009 • Estrea en España: 9/10/2009. Versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán.
• Festival de Sundance 2009: Sección oficial
• Festival de Tribeca 2009: Sección oficial
• British Independent Film Awards 2009: Mellor filme independente británico, Mellor director novel
• Festival de Edimburgo 2009: Mellor longametraxe británica
• Festival de Sitges 2009: Mellor filme, Mellor guión, Mellor actor (Sam Rockwell), Mellor deseño de produción
• Festival de Atenas 2009: Athena de Ouro
• Festival de Cinema Británico de Dinard 2009: Hitchcock de Prata
• Festival de Seattle 2009: Premio Golden Space Needle
Web oficial (español): http://www.moonlapelicula.com/
Web oficial (inglés): http://www.moonthemovie.com/
Sam Bell é un mineiro enviado á Lúa coa misión de extraer un gas que salvará a Terra da crise enerxética que atravesa. Tras pasar tres anos só na base lunar, afastado da súa familia, Bell está a punto de regresar ao seu fogar, mais entón comeza a sufrir unha serie de estrañas visións.