Sesións de ciclo dos mércores
Sesións especiais [+]
Sesións de filmoteca
IX Ciclo Colexio de médicos
Sobrevivimos ao inverno e a febreiro. Cando a escuridade e o odio anda ceibe, quizais quédanos o recurso de amar como acto de rebeldía. Como ben din Os Sonoro Maxín temos que atopar o salvaxe no outeiro do monte. Propomos dez filmes cheos de actos de amor con flores salvaxes de todos os tipos. Unhas flores rescatan recordos, outras mancan coma as rosas e outras arrecenden novas sensacións. Agardamos vos preste esta primavera...ten que ser a nosa.
Resumimos un feixe de flores neste avance visual [.mp4 • 21'3 MB], e xa sabedes que tamén temos á vosa dispoción as follas de sala de cada filme.
A continuación o detalle da programación que se estenderá ata a festividade do 1 de maio, co rogo de atención que agás o 4 de abril (na Auriense), toda se desenvolve na Casa de cultura. (Rúa Concello núm. 11 de Ourense).
Sesións de ciclo dos mércores
«The old oak» O vello carballo
O filme narra o futuro de The Old Oak, o último pub que queda nunha vila do noroeste de Inglaterra, onde a xente está abandonando a terra a medida que pechan as minas. As casas son baratas e están dispoñibles, polo que é un lugar ideal para os refuxiados sirios.
Premios
2023: SEMINCI; Mellor actor (Dave Turner) e premio do público
2023: Festival de Locarno; premio do público
"Loach atina unha vez máis a recompoñer cada prego dunha ferida cada vez máis aberta. O resultado é filme construído desde a emoción para o reencontro e a esperanza pese a todo"
(Luis Martínez, El Mundo)
Sesións especiais
«As armas e o povo»
O 25 de abril de 1974, prodúcese en Portugal a Revolución dos Caraveis (Revolução dos Cravos), o golpe militar conducido polo Movimento dás Forças Armadas que puxo fin a 48 anos de ditadura colonial e ás súas forzas represivas, inaugurando a democracia portuguesa. O traballo acompaña e documenta a semana entre o 25 de abril e o 1 de maio daquel ano, a través de imaxes, palabras, berros de orde e temas musicais que celebran a alegría, a conmoción e a enerxía pola conquista da liberdade na madrugada do «día inicial e enteiro», como escribiu a poeta portuguesa Sophia de Mello Breyner Andresen. Decenas de cineastas profesionais (non acreditados na película), xunto con cineastas afeccionados, profesionais da radio e da prensa (estes si referenciados na ficha técnica final) organizáronse en equipos que se distribuíron en varias zonas maioritariamente de Lisboa para captar o espírito e o discurso das persoas na rúa. Reuníronse, desta forma, secuencias filmadás o 25 de abril e nos días seguintes, culminando a rodaxe nas celebracións oficiais do 1 de maio no, entón, estadio da FNAT-Fundação Nacional para a Alegria non Trabalho (Hoxe, Parque de Jogos 1º de Maio).
O Colectivo de trabalhadores da actividade cinematográfica estaba composto entre outros por José Fonseca e Costa, António-Pedro Vasconcelos, António da Cunha Telles e Glauber Rocha
"As Armas e o Povo é unha película extraordinaria, marabillosa e aínda máis poderosa ao permitir prever un futuro político cuxos efectos se viven hoxe"
(Filipa Rosário, revistas.uam.es)
Filmoteca
«Young & Beautiful»
Poti, Nais, Ione e Dás son mozos que decidiron vivir baixo os seus propios termos. Pero ao roldar os trinta anos, asolágalles un profundo desasosego: están lonxe aínda de ser os adultos independentes, seguros e apaixonados que sempre soñaron. Mentres a sociedade empúxaos a abandonar as súas aspiracións, cada un debe revisar a súa identidade a través do diálogo.
"Young & Beautiful é o retrato poliédrico dunha xeración acusada de non querer medrar; unha xeración á que se lle obriga a aceptar un mundo roto e un país en crise, no que se anuncia que a única maneira de sobrevivir é abandonar os soños. Un filme sincero e morriñento da inocencia perdida"
(Manuel P. Barbeito, RNE-Radio 5 Ourense)
Sesións de ciclo dos mércores
«Das Lehrerzimmer» Sala de profesores
Carla Nowak, unha idealista profesora de matemáticas e deportes, comeza o seu primeiro traballo nunha escola de secundaria. Cando se producen unha serie de roubos na escola e as sospeitas recaen nun dos seus alumnos, decide chegar ao fondo do asunto pola súa conta. Carla intenta mediar entre familias indignadas, colegas obstinados e estudantado agresivo, pero enfróntase ás implacables estruturas do sistema escolar.
Premios
2023: Berlinale; Label Europa cinemas
"Un apaixonado thriller ético na aula"
(Jessica Kiang, Variety)
Sesións especiais
«El maestro que prometió el mar»
Esta é a conmovedora historia (real) de Antoni Benaiges (Enric Auquer), un mestre de Tarragona destinado a Bañuelos de Bureba, en Burgos onde, antes da guerra civil, puxo en marcha un innovador método pedagóxico e prometeu aos seus alumnos que os levaría a ver o mar. Tamén é a historia (ficticia) de Ariadna (Laia Costa), quen mentres busca os restos do seu bisavó, desaparecido na guerra, coñecerá a historia de Benaiges e descubrirá que foi profesor do seu propio avó.
"Baseada nun libro de Francesc Escribano, esta emotiva película entrelaza pasado e presente a través de dúas tramas que constrúen unha oda á ensinanza e un relato sobre a memoria e o esquecemento."
(Manuel P. Barbeito, RNE-Radio 5 Ourense)
Filmoteca
«Bu san» Goodbye dragon inn
Nunha sala de cinema que perdeu a gloria do pasado proxéctase por última vez Dragon Inn, o filme de culto de King Hu. Un estranxeiro solitario chega a tempo para a última proxección nun recinto practicamente baleiro onde transitan sombras e pantasmas que se atopan detrás do proxector. Onde están os espectadores que antes enchían este cinema?
Premios
2003: Festival de Venecia; Premio FIPRESCI
"O filme de Ming-liang non fala da morte do cinema, é imposible que desapareza, é imposible que se destrúa, é imposible que os amantes desta arte o abandonen de súpeto; pero o que é evidente é que o cinema como espectáculo de masas e con centenares de persoas simultaneamente vendo a mesma película nun mesmo espazo desapareceu. O cinema segue, pero diferente, por iso cada plano de Goodbye Dragon Inn é intencionalmente dirixido a transmitir unha historia do cinema como espectador...para convertirse nunha experiencia individual"
(Miguel Martín Maestro, elantepenultimomohicano.com)
Sesións de ciclo dos mércores
«How to have sex»
Tres adolescentes británicas, Zara, Em e Skye, viaxan a Creta para perderen a virxindade. As mozas queren pasar o mellor verán das súas vidas, bebendo, festexando e moceando, pero tamén enfrontan a presión dos seus compañeiros. O filme examina a violencia sexual á que se teñen que enfrontar as rapazas en festas orxiásticas durante estes "ritos de iniciación" tipicamente británicos.
Premios
2023: Festival de Cannes; Un Certain Regard
2023: SEMINCI; Premio Pilar Miró á mellor dirección nova
"Molly Manning Walker (a directora) demostra como afecta á sociedade en xeral e ás mulleres en particular a metabolización dunha tradición de orixe burguesa e machista que ten como eixo central a idea de que unha persoa non é realmente adulta ata que non mantivo relacións sexuais. A interiorización do devandito concepto por parte da protagonista devén nuns ataques de ansiedade que non fan senón evitar que goce das súas vacacións. Como colofón, o filme destapa os viciados mecanismos que moven a unha sociedade incapaz de entender o concepto de consentimento e cuxas dúas únicas reaccións diante dunha violación son quitarlle importancia ou culpar á vítima"
(Rubén Tellez Brotóns, elantepenultimomohicano.com)
Filmoteca
«O movimento das coisas»
Un día de traballo nunha aldea do norte de Portugal. Camiños desertos de vento inquietante. Catro vellas, o campo, o pan, as galiñas. Unha familia de dez fillos nunha granxa mergúllase na inmensidade do tempo. O pai corta unha árbore. Máis aló, a auga dun río habitado por xente. Unha barca, o sol, a praza da vila, a ponte en construción, a veranda, a comida, a densidade e o misticismo do domingo, a misa e a feira. Nese lugar, Isabel móvese coa ollada posta no futuro. Para os demais, o sentido da vida é só vivir. E o tempo corre entre o amencer e a tardiña.
"Um objeto de cinema fascinante, clarividente, à frente do seu tempo. É também enigmático"
(Cátia Santos, cinema7arte.com)
Sesións de ciclo dos mércores
«Bastarden» A terra prometida
En 1755, o empobrecido capitán Ludvig Kahlen disponse a conquistar os duros e inhóspitos páramos daneses cun obxectivo aparentemente imposible: crear unha colonia no nome do rei. A cambio, recibirá un nome real que anhela con desesperación. Porén, o único gobernante da zona, o despiadado Frederik de Schinkel, cre arrogantemente que esa terra lle pertenece. Cando de Schinkel se percata de que a súa criada Ann Barbara e o seu servil marido escaparon para refuxiarse con Kahlen, o privilexiado e rancoroso gobernante xura vinganza e promete facer todo o que estea ao seu alcance para escorrentar o capitán. Pero Kahlen non se deixa intimidar e emprende unha batalla tan desigual que poñerá en risco non só a súa vida, senón tamén á familia de personas marxinadas que se formaron ao seu redor.
Premios
2023: Premios do Cine Europeo; premio mellor actor (Mads Mikkelsen), fotografía e vestiarío.
2023: Premios cine danés; mellor filme, actor (Mads Mikkelsen) e guión adaptado (Anders Thomas Jensen e Nikolaj Arcel).
"Un descomunal Mads Mikkelsen protagoniza esta belísima reviravolta a, por que non, O home que matou a Liberty Valance"
(Luis Martínez, El Mundo)
Filmoteca
«Leningrad cowboys go America»
Os Leningrad Cowboys viaxan co seu representante a Estados Unidos na procura de fama e fortuna. Alí coñecen a un home que os contrata para que toquen na voda do seu primo en México, polo que terán que cruzar todo o país en coche para chegar a tempo.
"O filme constitúe un achegamento ao concerto de rock’n’roll como acto de celebración, desde a súa vertente máis lúdica e festiva. A magnitude do evento non altera a sinxeleza da súa posta en escena e filmación, contrastando coas gravacións mesiánicas, esteticistas e transcendentes que actualmente se impoñen á hora de rexistrar os grandes concertos de ‘stadium rock"
(Julio Vilarinho, acuartaparede.com)
IX Ciclo Colexio de médicos
«Family life»
Unha moza de dezanove anos, é obrigada polos seus pais para interromper un embarazo co que ela desexa continuar. En pouco tempo a incomunicación que experimentan pais e filla desemboca nun abismo insalvable.
“Family Life” (1971) causou un gran balbordo no ano da súa estrea: o título ofrece un árido tratado das relacións familiares no seo dun fogar inglés tipicamente conservador.
Premios
1972: Berlinale; Premio FIPRESCI, Forum of new film
“Non estamos diante dunha historia pesimista senón diante dun filme realista ata a medula, que se atreverá mesmo a deixarnos entrever os manexos na saúde onde pesan máis os negocios que o puramente humano. Ken Loach, conta a súa historia cun subterfuxio científico, con perspectivas de cambio... e con tristeza profunda cando sente que os mozos, na súa maioría, son só vítimas da incompetencia e a inmoralidade dos adultos, tanto en sociedade como no seu propio fogar.”
(Luis Guillermo Cardona , Filmaffinity.com)
+ [ INFO. do resto do ciclo ]
Pregamos puntualidade.
Lembramos usar a máscara de protección dentro da sala, en caso de síntomas catarrais, de gripe ou con sospeitas de COVID...que aínda sigue!.
Os símbolos desta web son; VO; Versión orixinal, VOS (Versión orixinal subtitulada, en castelán VOSE, en galego VOSG), VD; versión orixinal ou dobrada cos mesmos patróns E español /G galego / CAT catalán / EUS euskera / E-Aame español americano / Pt portugués.
A calificación por idades de cada filme sigue o seguinte patrón; [A] apta para todos os públicos, [+7] recomendado para maiores de 7 anos, [+12] recomendado para maiores de 12 anos, [+18] recomendado para maiores de 18 anos, e [ND] Non dispoñible ou [SC] sen clasificación no ICAA.
Tamén podes consultar aquí... a programación extraordinaria na que colabora o cineclube, o blog Sala de máquinas (que da acceso tamén ás follas de sala, organigrama e transparencia), clube de cine Nós #CCPF, a web da Biblioteca pública Nós, os cineclubes de Ourense (que da acceso tamén á Federación de cineclubes de Galicia), á base de datos do ICAA ou ás base de datos de filmaffinity e IMDB.
ADVERTENZAS:
Non se permite o acceso á sala unha vez comenzada a sesión. Tampouco se permite o uso do teléfono móbil unha vez comezada a proxección * sendo motivo en caso contrario de expulsión da sala, sen dereito á reclamación. (En caso de socio/-a será proposto de expulsión da asociación).
(*) Agás para os filmes con audiodescripción, así sinalizados [ AD))) ].
----------
(*) A audiodescripción estará disponible mediante a aplicación gratuita da fundación ONCE; "AUDESCMOBILE".
(Non é preciso software o hardware adicional. O/A usuario/a tan só ten que instalar a aplicación no seu móbil, descargar a audiodescripción da película que quere ver e unha vez na sala de cine, conectar os cascos e reproducir o arquivo. A audiodescripción comenzará e se sincronizará automáticamente coa película)
Ningún comentario:
Publicar un comentario