30/11/09

‘Sicko’ na Semana do Cinema Documental

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

COMEZA A SEMANA DO CINEMA DOCUMENTAL
CON ‘SICKO’, DE MICHAEL MOORE


Mañá, martes 1 de decembro, o Cineclube Padre Feijoo, en colaboración con Cinebox Ourense, a Federación de Cineclubes de Galicia e o CGAI, presentan o filme
Sicko, dirixido polo estadounidense Michael Moore. A proxección enmárcase na Semana do Cinema Documental, cuxas actividades decorrerán entre os días 1 e 4. Os pases serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
A Semana do Cinema Documental conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
O sempre polémico director Michael Moore pon en Sicko o seu punto de mira no sistema sanitario estadounidense, de xestión privada e rexido por empresas aseguradoras. Moore compara neste filme a situación dos enfermos en EE. UU. coa dos dalgúns países de Europa e América Latina, e vén revelar que, mentres para un cidadán americano rachar un óso pode ser motivo de ruína económica, en moitos outros países os gobernos axudan os seus cidadáns, non só coa Seguridade Social, senón tamén con empregados ao servizo de nais traballadoras, de enfermos terminais ou de persoas con necesidade de atencións especiais.
Sicko foi presentado no Festival de Cannes, e foi nomeado na categoría de Mellor documental para os Oscar de 2008.

27/11/09

Semana do Cinema Documental

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

decorrerá entre o 1 e o 4 de decembro
«SEMANA DO CINEMA DOCUMENTAL»


Nos primeiros días de decembro, o Cineclube Padre Feijoo presenta a «Semana do Cinema Documental», organizada conxuntamente con Cinebox Ourense, a Federación de Cineclubes de Galicia e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). Deste xeito, os tres primeiros días serán proxectados tres filmes de estrea —que reflicten tres estilos moi diferentes de abordar o documental— e finalmente será impartida unha conferencia sobre o xénero na súa historia e na actualidade.

Para o ciclo cóntase, ademais, co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, da Vicerreitoría do Campus de Ourense e do Centro Cultural Deputación de Ourense.

O primeiro dos documentais da semana, que será exhibido o próximo martes, 1 de decembro, é Sicko, o filme do sempre controvertido Michael Moore, que neste caso analiza de forma moi crítica o sistema público norteamericano de saúde. O mércores 2, o filme proxectado será Una cierta verdad, do catalán Abel García Roure, que participou na sección oficial da prestixiosa Seminci de Valladolid e que trata de explorar os misterios da mente humana e da loucura. O xoves 3 proxectarase Man on Wire, película británica gañadora do último Oscar ao Mellor documental e do Gran Premio do Festival de Sundance; o filme, dirixido por James Marsh, revive a historia do que se considerou «o delito artístico do século XX», a historia do home que, en 1974, burlando todos os sistemas de seguridade, conseguiu tender un cabo entre das torres do World Trade Center e facer equilibrismo durante unha hora.

Todas elas son películas en estrea e en versión orixinal con subtítulos en castelán. As proxeccións serán novamente no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella, ás 20.30 e 23 h e co prezo habitual de 4 euros (reducidos a 3 euros con carné universitario).

O venres 4, para finalizar o programa, e no Centro Cultural Deputación Ourense, ás 20.00 h (entrada gratuíta), a profesora Antía López, da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, disertará sobre o tema coa clase maxistral «Inscribir o real: a propósito do texto documental».
NOTA: Debido a un problema de saúde da relatora, a clase maxistral queda posposta até novo aviso. Pregamos desculpas.

Semana do Cinema Documental

Proxeccións:
1/12/2009: Sicko
2/12/2009: Una cierta verdad
3/12/2009: Man on Wire

Charla sobre cinema documental:
4/12/2009: Clase maxistral: «Inscribir o real: a propósito do texto documental», por Antía López Gómez (Facultade de Ciencias da Comunicación, Universidade de Santiago de Compostela)

Semana do Cinema Documental
• Cinebox Ourense (1-3 decembro)
Entrada: 4 euros (3 euros con carné universitario)
Versión Orixinal Subtitulada
• Charla no Centro Cultural Deputación Ourense (4 decembro)
Entrada gratuíta

Organizan:
Cineclube Padre Feijoo, Cinebox Ourense, Federación de Cineclubes de Galicia, CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe)
Co apoio de:
Concellería de Cultura – Concello de Ourense
Secretaría Xeral de Medios – Xunta de Galicia
Vicerreitoría do Campus de Ourense
Centro Cultural Deputación Ourens

O cinema documental recibiu nos últimos anos un pulo importante que o recuperou para as salas comerciais, aínda que en xeral dentro de circuítos reducidos. Nesta Semana de Cinema Documental queremos botar unha ollada a tipoloxías moi distintas, que van desde a parte máis popular do xénero até a exploración fílmica dos límites entre realidade e reconstrución ficcionada. De todo isto tratará ademais a conferencia que, baixo o título de «Inscribir o real» pronunciará a profesora Antía López.

• Martes 1 de decembro de 2009 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Sicko
Sicko. EE. UU., 2007. Cor, 123 min. Dirección e guión: Michael Moore • Produción: Michael Moore, Meghan O’Hara (The Weinstein Company, Dog Eat Dog Films) • Fotografía: Andrew Black • Montaxe: Dan Swietlik, Geoffrey Richman, Christopher Seward • Música: Erin O’Hara • Estrea en EE. UU.: 22/6/2007 • Estrea en España: 30/4/2009. Versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán.

• Oscars 2008: nomeado como Mellor documental
• Festival de Cannes 2008
• Premios Satellite 2008: Mellor documental
• Premios PGA 2008 (Producers Guild Awards): Premio ao documental cinematográfico
• Premios CFCA 2008 (Chicago Film Critics Association): Mellor documental
• Premios Eddie 2008 (American Film Editors): Mellor montaxe en documental

Web oficial (español): http://www.widepictures.es/sicko
Web oficial (inglés): http://www.sicko-themovie.com

O director Michael Moore pon o seu punto de mira no sistema sanitario estadounidense, de xestión privada e rexido por empresas aseguradoras. Moore compara a situación dos enfermos en EE. UU. coa dalgúns países de Europa e América Latina, e vén revelar que, mentres para un cidadán americano rachar un óso pode ser motivo de ruína económica, en moitos outros países os gobernos axudan os seus cidadáns, non só coa Seguridade Social, senón tamén con empregados ao servizo de nais traballadoras, de enfermos terminais ou de persoas con necesidade de atencións especiais.

• Mércores 2 de decembro de 2009 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Una cierta verdad
Una cierta verdad. España, 2008. Cor, 136 min. Dirección e guión: Abel García Roure • Produción: Pío Vernis (Evohé Films, Notro Films) • Fotografía: Diego Dussuel • Montaxe: Sol López Riestra • Música: Ricardo Santander Molina. Estrea en España: 8/5/2009. Versión orixinal en catalán e castelán con subtítulos en castelán.

• Seminici Valladolid 2008: Sección oficial
• Festival Internacional de Documental e Animación de Leipzig 2008: Sección oficial

Durante o período de case dous anos, as vidas de cinco personaxes entrecrúzanse no contorno dun hospital de saúde mental. Os cinco viron ou verán severamente alteradas as súas capacidades de comprender e percibir a realidade; invadidos e desposuídos de todo aquilo que conforma a súa propia identidade como persoas. Seguindo o ronsel destas historias íntimas, o filme embárcanos nunha viaxe emocional e de coñecemento á busca dunha fenda de luz no aparentemente inextricábel e enigmático universo da loucura. Como nunha novela de intriga, con paciencia e rigor, o filme revélanos os signos que trazan secretamente o fío narrativo do relato humano que se oculta detrás de todo proceso de trastorno mental.

• Xoves 3 de decembro de 2009 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Man on Wire
Man on Wire. Reino Unido/EE. UU., 2008. Cor, 94 min • Dirección: James Marsh • Produción: Simon Chinn (Discovery Films, BBC, UK Film Council, A Wall to Wall, Red Box Films, Magnolia Pictures) • Guión: James Marsh, segundo o libro ‘To Reach the Clouds’, de Philippe Petit • Fotografía: Igor Martinovic • Montaxe: Jinx Godfrey • Música: Michael Nyman, J. Ralph • Intervencións: Philippe Petit, Jean-Louis Blondeau, Annie Allix, Jim Moore, Mark Lewis, Jean-François Heckel, Barry Greenhouse, David Foreman, Alan Welner • Estrea no Reino Unido: 1/8/2008 • Estrea en España: 17/4/2009.

• Oscar 2009 ao Mellor documental
• Eddie 2009 á Mellor montaxe en documental
• Premio BAFTA 2009 ao Mellor filme británico
• Premios do Cinema Independente Británico 2009: Mellor documental británico
• Premio CFCA 2009: Mellor documental
• Premios Independent Spirit 2009: Mellor documental
• Festival de Karlovy Vary 2008: Mellor documental
• Premio LAFCA 2008 (Asociación de Críticos de Los Ánxeles): Mellor documental
• Premios Satellite 2008: Mellor documental
• Festival de Sundance 2008: Gran premio do xurado, Premio do público

Web oficial (español): http://www.manonwire.es
Web oficial (inglés): http://www.manonwire.com

O 7 de agosto de 1974, un mozo francés chamado Philippe Petit camiñou por un cabo colgado ilegalmente entre as Torres Xemelgas de Nova York, daquela os edificios máis altos do mundo. Tras unha hora a camiñar polo cabo, foi arrestado, examinado psicoloxicamente e encarcerado antes de ser finalmente liberado. Tras seis anos e medio soñando coas torres, Petit pasou oito meses en Nova York planificando a execución do golpe. Axudado por un equipo de amigos e cómplices, Petit enfrontouse a numerosos e extraordinarios desafíos: tivo que encontrar o xeito de burlar a seguridade do World Trade Center, conseguir pasar o pesado cabo de aceiro e o equipo necesario. Tender o cabo entre os tellados das dúas torres, ancorar o cabo e tensalo para soportar os ventos e o movemento de vaivén dos edificios. O documental de James Marsh dá vida a esta extraordinaria aventura a través do testemuño de Philipe e algún dos conspiradores que lle axudaron a crear o espectáculo magnífico e único que se coñeceu como «o delito artístico do século».

• Venres, 4 de decembro de 2009 • Centro Cultural Deputación Ourense, 20.00 h
Clase maxistral: «Inscribir o real: a propósito do texto documental»
Conferencia de Antía López Gómez (profesora titular de comunicación audiovisual e publicidade, Facultade de Ciencias da Comunicación, Universidade de Santiago de Compostela)
NOTA: Debido a un problema de saúde da relatora, a clase maxistral queda posposta até novo aviso. Pregamos desculpas.


Ollada sobre varios documentais, diferentes maneiras de ver e de enfocar as súas propostas. O documental de autor. A ambición é ilustrar cada idea, cada concepto, cada noción, cunha imaxe e un son. En síntese, un intercambio de opinións e coñecemento en torno ao documental, para coñecer a situación actual da produción audiovisual e dos documentais no mundo.
Abordarase a análise de documentais como Close Up (Abbas Kiarostami, 1990), Salvador Allende (Patricio Guzmán, 2004), En construcción (José Luis Guerín, 2001), Buena Vista Social Club (Wim Wenders, 1998) ou A ponte (Joris Ivens, 1928), nunha interesante perspectiva, básica, para entender os diferentes estilos sobre o documental.
Actividade da Federación de Cineclubes de Galicia en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)

24/11/09

‘Control’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

‘CONTROL’, O MUNDO DA MÚSICA POP-ROCK DESDE DENTRO

Mañá, mércores 25 de novembro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan o filme británico Control, dirixido por Anton Corbijn, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 7: Cinema de novembro». O filme conseguiu tres premios no Festival de Cannes de 2007. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
A película pecha este ciclo, para o que se contou co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Control ofrece un percorrido polos últimos anos de Ian Curtis, o enigmático cantante líder da banda Joy Division (icono do post-punk inglés), até chegar ao seu tráxico suicidio en 1980: o conflito entre o grande amor que sente pola súa esposa e unha apaixonada relación coa súa amante; os seus ataques de epilepsia, que cada vez o deixan máis deteriorado; o seu incríbel talento e as súas impresionantes actuacións en directo.
O filme ten acadado numerosos premios internacionais, e supón o debut na longametraxe do fotógrafo Anton Corbijn, famoso por ter sido o encargado do aspecto visual dos álbums e videoclips de grupos como Depeche Mode, Nirvana ou U2. A súa perspectiva sobre o mundo do pop-rock é, por tanto, a de alguén que coñece de primeira man todos os seus detalles.

17/11/09

‘Despedidas’

AVISO — MODIFICACIÓN DE ÚLTIMA HORA. Debido a problemas técnicos alleos a nós, vémonos na obriga de atrasar as sesións do filme Despedidas até o xoves 19 de novembro, cos mesmos horarios (20.30 e 23 h). Pedimos desculpas polas molestias.

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en
http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)


‘DESPEDIDAS’, OSCAR AO MELLOR FILME ESTRANXEIRO

O xoves 19 de novembro o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan o filme xaponés Despedidas (Okuribito), dirixido por Yôjirô Takita, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 7: Cinema de novembro». O filme conseguiu, entre outros moitos galardóns internacionais, o Oscar 2009 ao Mellor filme de fala non inglesa. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
Para o ciclo cóntase co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Despedidas é unha fábula vitalista sobre a morte. Conta a historia dun home que era violonchelista dunha orquestra que se acaba de disolver, e que acaba vagando polas rúas sen traballo e sen demasiada esperanza. Por iso, decide regresar á súa cidade natal en compañía da súa esposa, e alí consegue un emprego como enterrador: limpa os corpos, colócaos no seu ataúde e envíaos ao outro mundo da mellor forma posíbel. Aínda que a súa esposa e os seus veciños ven con desagrado este posto, el descubrirá neste ritual de morte a chispa vital que lle faltaba á súa propia vida.
O filme, ademais do Oscar, conseguiu 10 premios da Academia Xaponesa do Cinema (entre eles os de Mellor película, Mellor guión e Mellor director), así como o Gran Premio das Américas no Festival Mundial de Montreal de 2008.

03/11/09

‘Antichrist’

Esta é a nota de prensa que acabamos de enviar aos medios.

‘ANTICHRIST’, NO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL

Mañá, 4 de novembro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan o filme Antichrist, dirixido polo danés Lars Von Trier, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 7: Cinema de novembro». O filme obtivo o Premio á mellor actriz (a francesa Charlotte Gainsbourg) no último Festival de Cannes. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
Para o ciclo cóntase co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Antichrist supón unha nova polémica na carreira do controvertido director Lars Von Trier (seus son os filmes Europa, Rompiendo las olas, Bailar en la oscuridad ou Dogville), que nesa ocasión afronta unha moi persoal baixada aos infernos a modo de thriller ou mesmo filme de terror. Conta como unha parella sumida na dor se retira a unha cabana perdida no medio do bosque coa esperanza de que o contacto coa natureza cure os seus corazóns rotos e o seu cambaleante matrimonio. Mais a natureza segue o seu curso e as cousas comeza a ir de mal en peor.
Xenio para uns, farsante para outros, o realizador que impulsou no seu día o chamado «Movemento Dogma» non deixa ninguén indiferente.