Anuncio suspensión
Contestación ao concello
03/08/2021. Anuncio suspensión
Lamentamos comunicar que, ante da contestación da administración municipal esixindo o pago de taxas para a realización do Cinema de Verán (unha actividade pública e gratuíta), o Cineclube Padre Feijoo tomou a decisión de suspender a súa programación para os vindeiros mércores de agosto na Praza da República, entre o Arquivo e a Biblioteca Pública Nós.
Entendemos que non existe sequera unha mínima dilixencia en favorecer a programación de actividades culturais: non estamos a referirnos ás inexistentes da propia institución municipal, senón ás dos propios colectivos culturais e sociais da capital.
Nesta situación resúltanos imposible, cos déficits que supón manter unha programación estable con capacidade reducida e ante os custos que xera, asumir o pagamento dunha taxa pola utilización de uso público para unha entidade que non vai ter ningún tipo de lucro (a diferencia doutros sectores que si foron exentos de pagala neste ano e no seguinte).
A reivindicación dunha exención de taxas para os colectivos culturais e a modificación da ordenanza fiscal que as regula tratouse desde vai anos en distintos plenos do Concello e no inoperante Consello Municipal da Cultura. Malia o paso do tempo e as boas palabras, nunca se acadaou unha solución.
O Cineclube Padre Feijoo quere expresar a súa repulsa á falta de políticas culturais na cidade: a propia institución municipal discrimina á terceira cidade de Galicia mentres que noutras vilas, aldeas e cidades se programan e realizan actos culturais coas oportunas cautelas normativas ante a COVID e con total normalidade.
06/03/2021. Contestación ao concello
En relación á información vertida polo Concello de Ourense en contestación á suspensión desta edición do Cinema de Verán, o Cineclube Padre Feijoo ten que manifestar o seguinte:
1.- Non é certo que o Concello apoie o Cineclube no 2021 cunha achega de 6.000 euros, tal como se manifesta na devandita contestación: a Xunta de Goberno local de 22 de outubro de 2020 retiroulle a subvención nominativa de 6.000 euros que esta entidade tiña en 2020, outorgándolle unicamente unha ao Liceo, pola mesma contía. Nese mesmo acordo eliminouse tamén a subvención ao Ateneo.
> Pode verificarse aquí:
https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/GE/es/planestrategico/156
O Concello de Ourense segue sen aboar a día de hoxe a última subvención concedida ao Cineclube, en 2020.
> Pode verificarse na base de datos nacional de subvencións (Ver foto); nesta outra ligazón, a xustificación de todas as subvencións obtidas polo Cineclube:
https://salademaquinas.wordpress.com/transparencia/
En canto ao resto de aseveracións da nota do Concello sobre a ordenanza fiscal, o Cineclube só ten que que engadir que agarda que a institución municipal amose a mesma dilixencia para modificala como fixo coa exención de taxas á hostalaría (3 meses). Deste xeito non só se cumpriría por fin un acordo plenario por unanimidade, sen aplicar desde 2018, senón que tamén favorecería a organización de actividades culturais por parte da cidadanía e dos colectivos culturais e sociais ourensáns.
O futuro desta actividade do Cineclube, suspendida, e doutras moitas que se realizaban no espazo público, depende unicamente da vontade do Concello de Ourense.
Diante da terrible situación de abandono que nos últimos anos a cultura vén padecendo no noso concello existe un berro colectivo que podes apoiar e compartir #
EmerxenciaCulturalOurense