skip to main |
skip to sidebar
Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf)
‘LA CLASE’, PALMA DE OURO EN CANNES,
FINALIZA O CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL
Mañá, mércores 29 de abril, o Cineclube Padre Feijoo e mais Cinebox Ourense presentan o filme francés La clase (Entre les murs), do director Laurent Cantet, que gañou a Palma de Ouro no Festival de Cannes de 2008. Os pases serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, e terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O filme está incluído no sexto ciclo «Estreas en Versión Orixinal», subtitulado nesta ocasión «Cinema actual». Para o ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
La clase está baseado no libro homónimo —publicado por El Aleph en castelán e por Edicións Xerais en galego— de François Bégaudeau, que se interpreta a si mesmo na pantalla, co que, sendo un filme de ficción, mestura de forma maxistral o ton de documental.
O filme conta como François e os demais profesores se preparan para se enfrontar a un novo curso nun instituto situado nun barrio conflitivo. Cheos de boas intencións, desexosos de achegar a mellor educación aos seus alumnos, ármanse contra o desalento. Mais as culturas e as actitudes enfróntanse na aula, microcosmos da Francia contemporánea. A tremenda franqueza de François sorprende os seus alumnos, mais o seu estrito sentido da ética cambaléase cando os rapaces comezan a non aceptar os seus métodos.
‘BIENVENIDOS AL NORTE’, UN DOS GRANDES ÉXITOS EUROPEOS,
NO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL
Mañá, mércores 22 de abril, o Cineclube Padre Feijoo e mais Cinebox Ourense presentan o filme francés Bienvenidos al Norte (Bienvenue chez les Ch’tis), do director Dany Boon, unha comedia que constitúe un dos maiores éxitos cinematográficos das últimas temporadas en Francia e en media Europa. Os pases, que nesta ocasión serán excepcionalmente tres, ás 18.00, 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O filme está incluído no sexto ciclo «Estreas en Versión Orixinal», subtitulado nesta ocasión «Cinema actual». Para o ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Bienvenidos al Norte conta a historia de Philippe Abrams, o encargado dunha oficina de correos na cidade de Salon-de-Provence, ao sur de Francia. Julie, a súa muller, padece episodios depresivos que converten a vida de Philippe nun verdadeiro inferno. Nun intento de animala, Philippe fai trampas para que o trasladen á Riviera francesa, mais é descuberto e enviado a unha pequena cidade no norte de Francia chamada Bergues. Os Abrams son o arquetipo da xente do sur que sente horror polo norte do país, un lugar inhóspito onde sempre vai frío, e que ten un dialecto arrevesado e incomprensíbel. Así que Philippe irá só ao seu destino.
Con este filme, o director Dany Boom pretende recuperar o cinema popular de calidade (el defíne Bienvenidos al Norte como «unha película popular de autor»), emulando grandes nomes da tradición fílmica francesa, como Jacques Tati.
‘ASFIXIA’, UNHA COMEDIA PROVOCATIVA
NO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL
Mañá, mércores 15 de abril, o Cineclube Padre Feijoo e mais Cinebox Ourense presentan o filme Asfixia (Choke), do director Clark Gregg, gañador do Premio Especial do Xurado en Sundance 2008. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O filme está incluído no sexto ciclo «Estreas en Versión Orixinal», subtitulado nesta ocasión «Cinema actual». Para o ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Asfixia, baseada na novela homónima de Chuck Palahniuk, o polémico autor de obras como O club da loita (tamén levada ao cinema), foi definida pola crítica con frases como «comedia satírica-psicótica dunha mente luxuriosa», ou «groseira, irreverente, obscena, mais por riba de todo hilarante». O protagonista, Victor, dedícase a estafar a xente para sufragar o caro tratamento médico da súa nai. O seu traballo diario é representar o papel dun miserábel campesiño do século XVIII nun parque temático de carácter histórico, mentres está tratando de se recuperar da súa adicción ao sexo. Mais cando a súa nai, cada vez máis débil, insinúa poder revelar a identidade secreta do seu perdido pai, Victor recobra a esperanza de encontrar finalmente as respostas que estivo a buscar.
O Premio do Xurado no Festival de Sundance destacou o labor colectivo do equipo de actores do filme —en que, ademais de Sam Rockwell como protagonista, se conta con Anjelica Houston no papel da súa nai—. A película foi tamén escollida para inaugurar a edición de 2008 do Festival de Xixón, sempre caracterizado pola súa aposta polos filmes independentes máis innovadores.