21/04/09

‘Bienvenidos al Norte’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf)

‘BIENVENIDOS AL NORTE’, UN DOS GRANDES ÉXITOS EUROPEOS,
NO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL


Mañá, mércores 22 de abril, o Cineclube Padre Feijoo e mais Cinebox Ourense presentan o filme francés Bienvenidos al Norte (Bienvenue chez les Ch’tis), do director Dany Boon, unha comedia que constitúe un dos maiores éxitos cinematográficos das últimas temporadas en Francia e en media Europa. Os pases, que nesta ocasión serán excepcionalmente tres, ás 18.00, 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O filme está incluído no sexto ciclo «Estreas en Versión Orixinal», subtitulado nesta ocasión «Cinema actual». Para o ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Bienvenidos al Norte conta a historia de Philippe Abrams, o encargado dunha oficina de correos na cidade de Salon-de-Provence, ao sur de Francia. Julie, a súa muller, padece episodios depresivos que converten a vida de Philippe nun verdadeiro inferno. Nun intento de animala, Philippe fai trampas para que o trasladen á Riviera francesa, mais é descuberto e enviado a unha pequena cidade no norte de Francia chamada Bergues. Os Abrams son o arquetipo da xente do sur que sente horror polo norte do país, un lugar inhóspito onde sempre vai frío, e que ten un dialecto arrevesado e incomprensíbel. Así que Philippe irá só ao seu destino.
Con este filme, o director Dany Boom pretende recuperar o cinema popular de calidade (el defíne Bienvenidos al Norte como «unha película popular de autor»), emulando grandes nomes da tradición fílmica francesa, como Jacques Tati.

Ningún comentario: