12/05/06

Segue habendo público para outro tipo de cinema

Hoxe enviamos esta nota de prensa aos medios:

MÁIS DE 300 ESPECTADORES ASISTIRON
ÁS SESIÓNS DO CICLO ‘CINEMA E DEREITOS HUMANOS’

O II Ciclo Cinema e Dereitos Humanos, que decorreu nas últimas semanas no cine Dúplex organizado polo Cineclube Padre Feijoo e o Grupo Local de Amnistía Internacional en Ourense, demostrou que segue a existir público para o cinema alternativo na cidade. Como era habitual nas proxeccións de temporadas anteriores do Cineclube, vénse mantendo unha media dun centenar de espectadores por cada filme proxectado.
En concreto, o filme Madame Brouette tivo unha asistencia total de 67 espectadores; La pesadilla de Darwin, pola súa parte, chegou aos 116, e Paradise Now, aos 123, o que supón un total de 306 espectadores.
O ciclo puido ser levado a cabo grazas á axuda da Federación de Cineclubes de Galicia, da Casa da Xuventude de Ourense e da Vicerreitoría de Planificación e Desenvolvemento do Campus de Ourense, ademais do propio Cine Dúplex.

O futuro do Cineclube segue a ser incerto, mentres non se poña solución á necesidade dun local estábel para as proxeccións, algo que está nas mans das institucións ourensás. Hoxe por hoxe, o déficit de actividades cinematográficas na cidade é moi grande, e sitúa Ourense a ese respecto nos últimos postos entre as cidades galegas.

11/05/06

Folla de proxección de ‘Paradise Now’

Podes descargar aquí en formato pdf a folla de proxección que estará hoxe a disposición dos/as asistentes ás sesións de Paradise Now. Contén unha entrevista co director e información sobre accións de Amnistía Internacional relativas a Israel e os Territorios Ocupados.

10/05/06

Paradise Now


Esta é a nota de prensa enviada aos medios esta mañá:




FINAL DO CICLO «CINEMA E DEREITOS HUMANOS»
CO POLÉMICO FILME PALESTINO ‘PARADISE NOW’

Mañá, xoves 11 de maio de 2006, o ciclo Cinema e Dereitos Humanos organizado polo Grupo Local de Amnistía Internacional en Ourense e o Cineclube Padre Feijoo ofrecerá, en estrea en Ourense, o filme Paradise Now, dirixido polo palestino Hany Abu-Assad. A película, que foi galardoada co Globo de Ouro 2005 ao mellor filme de fala non inglesa, recibirá dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h, no Cine Dúplex (rúa Sáenz Díez s/n, Ourense). O prezo simbólico de entrada será de 2,50 euros.
O ciclo conta coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, a Casa da Xuventude de Ourense e a Vicerreitoría de Planificación do Campus de Ourense.

Paradise Now serve para ilustrar dentro do ciclo as problemáticas relacionadas cos dereitos humanos en zonas de conflito. Conta a historia de dous mozos palestinos, amigos desde a infancia, que son recrutados para levar a cabo un atentado suicida en Tel Aviv. Despois dunha última noite coas súas respectivas familias, das cales non lles está permitido despedirse, parten cara á fronteira con explosivos pegados ao corpo. Con todo, nada sae como estaba planeado e unha serie de imprevistos obríganlles a separarse.
Aínda que o filme en ningún momento xustifica a perda de vidas humanas, a súa nominación na categoría de mellor filme estranxeiro na última edición dos óscar causou moita polémica en Hollywood. O director, Hany Abu-Assad, comenta ao respecto: «Creo que todo isto xurdiu a partir da idea do filme, mais non do filme en si. É unha reacción automática. Só espero que a xente vexa a película antes de facer comentarios».
Con estas proxeccións, o Cineclube Padre Feijoo finaliza as súas actividades, até o momento en que algunha institución lle poida garantir a continuidade das proxeccións nunha sala da cidade.

04/05/06

Folla de proxección de ‘La pesadilla de Darwin’

Pódese descargar en formato pdf a folla de proxección que poderán ler os espectadores do filme esta tarde. Inclúe unha entrevista co director, Hubert Sauper, e información sobre a campaña Armas baixo Control de Amnistía Internacional.

03/05/06

La pesadilla de Darwin


Esta é a nota de prensa que se enviou aos medios esta mañá.



O CICLO DE CINEMA E DEREITOS HUMANOS CONTINÚA
COA PREMIADA E IMPACTANTE ‘LA PESADILLA DE DARWIN’

Mañá, xoves 4 de maio de 2006, o Ciclo Cinema e Dereitos Humanos organizado polo Grupo Local de Amnistía Internacional en Ourense e o Cineclube Padre Feijoo ofrecerá, en estrea en Ourense, o filme documental La pesadilla de Darwin (Darwin’s Nightmare), dirixido polo austríaco Hubert Sauper. A película, que foi nomeada na categoría de mellor documental na pasada edición dos Oscar, recibirá dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h, no Cine Dúplex (rúa Sáenz Díez s/n, Ourense). O prezo simbólico de entrada será de 2,50 euros.
O ciclo conta coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, a Casa da Xuventude de Ourense e a Vicerreitoría de Planificación do Campus de Ourense.

La pesadilla de Darwin fala do comercio da perca do Nilo, un peixe introducido artificialmente no lago Vitoria (entre Tanzania, Uganda e Kenya), que arrasou con todas as especies autóctonas deste xigantesco lago, e que hoxe é exportado por todo o mundo. Enormes avións de carga da antiga Unión Soviética chegan diariamente para recoller os últimos cargamentos de pesca e, a cambio, descargan a súa mercadoría: kalashnikovs e munición para as innumerábeis guerras que teñen lugar na parte central do continente.
O mostrado no filme serve de exemplo dos procesos de capitalismo salvaxe que se dan hoxe en todo o mundo. Di o director: «podería facer o mesmo tipo de película en Serra Leona, na cal en vez de peixe serían diamantes, ou en Honduras, en que serían bananas, ou en Libia, Nixeria ou Angola, en que sería petróleo».
Hubert Sauper conta como naceu a idea deste documental: «Fixen outro filme no Congo en 1997. E o único xeito de introducirnos na rexión era empregar os avións da ONU. Fíxenme amigo dos pilotos, e dixéronme: “Non creas que só traemos axuda humanitaria ao Congo”. Preguntei: “Que máis traedes?” “Calquera cousa que necesites para a guerra”. Imaxineime que pagaba a pena investir uns cantos anos da miña vida para facer unha película a partir disto».