50 anos das Xornadas de cine de Ourense
Filmoteca CCPF
Ciclo Desvelos
Recibimos un novo ano, sen abandonar de todo as celebracións, xa que debemos lembrar e festexar os 50 anos da inicial "Semana de cine en Ourense", que albergaría as posteriormente Xornadas do cine das nacionalidades e rexións.
Houbo un tempo de incerteza, de baleiro e soños coutados nos que o fundido a negro enchía todo. Foi aí cando un fato de mozos e mozas de Ourense apostaron por crear unhas xornadas de cine que reivindicaban un lugar ao audiovisual galego, lonxe dos estereotipos e folclorismos da época: Por que non se ía poder facer aquí o que se estaba a realizar noutros lugares? E así foi como as Xornadas de Cine de Ourense, que se celebraron entre 1973 e 1978, se converteron nun dos alicerces da historia do cine e do audiovisual galego.
Como non íamos recordalo hoxe, 50 anos despois?
Neste inicio anual da programación regular, coincidimos co Ciclo Desvelos en recuperar algúns recordos da infancia e adolescencia, da inocencia e dos temores sociais que nos reprimen e oscurecen. Na filmoteca dos luns, hai un trazo común co ciclo e transversal, como é a educación que se recibe, precisamente desde a infancia, desde o inicio deste ano, como estratexia fundamental e inspiracional do ben común e cara aos bos propósitos deste ano.
Lembramos a convocatoria de Asemblea ordinaria aos/ás socios/as e pregamos atención aos diferentes espazos, nos que se desenvolverá nesta ocasión a programación; inaugurándose co Ciclo Desvelos un novo espazo, do que antigamente tamén foi sala de cine como é o Teatro principal de Ourense e que nos permite coa infraestrura alí instalada pola Deputación provincial con ocasión do Festival de cine, acceder a filmes distribuídos en DCP, do que ata agora tiñamos que renunciar por carecer dese sistema na Casa da cultura.
Na canle de «You Tube» tedes o avance visual [.mp4 • 20'7 MB], que resume a programación e as follas de sala de cada proxección no seguinte enlace [Abre outra xanela].
ATENCIÓN aos espazos de proxección: nesta ocasión a filmoteca dos luns son na casa da cultura ás 20: 30 horas (Rúa Concello,11) e as sesións de ciclo dos mércores son no Teatro principal ás 18 e 21 horas (Rúa da Paz, 9).