50 anos das Xornadas de cine de Ourense
Filmoteca CCPF
Ciclo Desvelos
Recibimos un novo ano, sen abandonar de todo as celebracións, xa que debemos lembrar e festexar os 50 anos da inicial "Semana de cine en Ourense", que albergaría as posteriormente Xornadas do cine das nacionalidades e rexións.
Houbo un tempo de incerteza, de baleiro e soños coutados nos que o fundido a negro enchía todo. Foi aí cando un fato de mozos e mozas de Ourense apostaron por crear unhas xornadas de cine que reivindicaban un lugar ao audiovisual galego, lonxe dos estereotipos e folclorismos da época: Por que non se ía poder facer aquí o que se estaba a realizar noutros lugares? E así foi como as Xornadas de Cine de Ourense, que se celebraron entre 1973 e 1978, se converteron nun dos alicerces da historia do cine e do audiovisual galego.
Como non íamos recordalo hoxe, 50 anos despois?
Neste inicio anual da programación regular, coincidimos co Ciclo Desvelos en recuperar algúns recordos da infancia e adolescencia, da inocencia e dos temores sociais que nos reprimen e oscurecen. Na filmoteca dos luns, hai un trazo común co ciclo e transversal, como é a educación que se recibe, precisamente desde a infancia, desde o inicio deste ano, como estratexia fundamental e inspiracional do ben común e cara aos bos propósitos deste ano.
Lembramos a convocatoria de Asemblea ordinaria aos/ás socios/as e pregamos atención aos diferentes espazos, nos que se desenvolverá nesta ocasión a programación; inaugurándose co Ciclo Desvelos un novo espazo, do que antigamente tamén foi sala de cine como é o Teatro principal de Ourense e que nos permite coa infraestrura alí instalada pola Deputación provincial con ocasión do Festival de cine, acceder a filmes distribuídos en DCP, do que ata agora tiñamos que renunciar por carecer dese sistema na Casa da cultura.
Na canle de «You Tube» tedes o avance visual [.mp4 • 20'7 MB], que resume a programación e as follas de sala de cada proxección no seguinte enlace [Abre outra xanela].
ATENCIÓN aos espazos de proxección: nesta ocasión a filmoteca dos luns son na casa da cultura ás 20: 30 horas (Rúa Concello,11) e as sesións de ciclo dos mércores son no Teatro principal ás 18 e 21 horas (Rúa da Paz, 9).
50 anos das Xornadas de cine de Ourense
«Retrospectiva»
Os actos de lembranza ás Xornadas de cine de Ourense das nacionalidades e rexións, comezan ás 11:00 horas coa participación, entre outros, de Luis Álvarez Pousa, Manolo González, Enrique Rodríguez Baixeras, Carlos Piñeiro, David Cortón, Maribel Outeiriño, e representantes da Filmoteca de Galicia, Cineclube Padre Feijoo e Agrupación Cultural Auriense.
Proxéctanse pola tarde os seguintes traballos:
O documento
Grupo Enroba (España, 1974) 23 min. - VO
O documento é unha curta dirixida por Enrique Rodríguez Baixeras, co acrónimo Enroba (Ribadeo, 1953).
Foi rodada en Ribadeo no verán de 1974 e está protagonizada por varios veciños da vila. A película custou 14.000 pesetas (84,14 euros). Era unha primeira peza dunha triloxía baseada en relatos da obra Á lus do candil (1953), de Ánxel Fole. O cadaleito (1976) é a segunda parte desta triloxía que non se chegou a completar.
En 1975, durante as III Xornadas de Cine de Ourense, o Tribunal de Orden Público secuestra a película e Baixeras é detido e interrogado por facer unha película en galego.
O documento compartía cartel con A tola (Miguel Gato), que tamén foi secuestrada por orde xudicial (e segue desaparecida) por denunciar a represión política exercida na ditadura.
Posteriormente, recuperouse unha copia de O documento, pero estaba en moi mal estado. O filme conservouse gracias ao copión ou copia positiva coa que se fai a montaxe da película.
Holocausto
Euloxio Ruibal (España, 1972) 15 min. B&N - VO
Gravada na parroquia de Figueiras, ás saias do compostelán monte de Pedroso, este perturbador curtametraxe sitúanos nun pobo imaxinario e sometido, que obedece desde tempos ancestrais a ritos e supersticiones, entre as que se atopa entregar os recentemente nados á deusa do pobo. A historia dun pai rebelde, que consegue salvar ao seu fillo, e o seu posterior sacrificio, compoñen o armazón argumental da cinta.
A obra do Grupo Lupa fai parte das Primeiras Xornadas de Cine de Ourense, un espazo de referencia no que, á par de seren proxectadas as novas producións do cinema feito en Galiza, ábrense espazos de debate arredor dos mecanismos necesarios para consolidar a creación cinematográfica galega. En 1973, proxéctanse Catro x catro, Mesturanza, Holocausto e A procesión das mortallas e un ano máis tarde, en 1974, O corpiño. A prematura disolución do grupo fai que os membros de Lupa apenas fagan parte dos profundos debates que han ter lugar na segunda metade da década dos setenta nas Xornadas de Ourense, centrados como veremos máis adiante, en decidir qué formatos e linguaxes son as idóneas para a consolidación dunha cinematografía galega.
Illa
Equipo Imaxe (España, 1975) 20 min. - VO
Dirixida por Carlos Aurelio López Piñeiro. O filme considérase o primeiro documental ecoloxista galego e conta coa música de Miro Casabella e Amancio Prada.
Unha illa de tradición mariñeira vai ser transformada en complexo turístico sen que os seus habitantes se opoñan. Só un neno se resiste á evacuación.
A orixe das Xornadas sitúase entre os días 8 e 13 de xaneiro de 1973 celebrouse a "I Semán do Cine en Ourense".
Nesta primeira edición, non só se proxectaron filmes e curtametraxes, senón que tamén houbo espazo para conferencias e coloquios. A temática central destas Xornadas e das vindeiras xiraron en torno as palabras de Xosé Lois López Cid... "Ya es alentador que se hable de nuestro cine inexistente, de nuestros directores alienados, de lo que podría filmarse, de lo que ya se filma, de planteamientos para un futuro. El cine gallego es la conciencia de su nada: ya es algo" (Programa da I Semán do Cine de Orense).
Esta cita de Xosé Lois López Cid reivindicaban a importancia do cine galego e como promocionalo, cuestión que tivo unha gran resonancia no apartado de conferencias.
Despois da primeira edición co nome "Semán do Cine en Orense" mudouse a denominar "Xornadas do Cine en Ourense" e posteriormente "Xornadas do Cine das Nacionalidades e Rexións" facendo, nun momento de convulsións socio-políticas daqueles anos, máis popular o cinema galego entre os das outras comunidades históricas do Estado español. A falla de apoio económico do Concello e da Deputación motivou que só se puideron celebrar seis edicións.
[+ Info.: aquí ] (Abre outra xanela)
Filmoteca CCPF
«Kokon» O espertar de Nora
Nora está sempre mirando en silencio: nas festas, na escola, na piscina e nos tellados. Nora adoita pasear polos aburridos e monótonos bloques de apartamentos coa súa irmá maior e os seus amigos, sempre observando. As mozas que queren ser delgadas e atractivas, os rapaces que din parvadas para tentar provocar ou porque están namorados. As desapiadas cámaras dos móbiles e os fráxiles adolescentes que nelas se diseccionan. Pero Nora ten a súa propia forma de ver o mundo e cando coñece a Romy decátase do porqué. Escoita música no aire, o corpo de Nora está cambiando, coma unha bolboreta a piques de escapar do seu casulo. O primeiro amor de Nora marcará o inicio dun verán de intensos cambios.
"Unha historia urbana elegante e orixinal sobre a maioría de idade"
(Vladan Petkovic, Cineuropa)
Ciclo Desvelos
«Aftersun»
Sophie (Francesca Corio / Celia Rowlson-Hall como Sophie adulta) reflexiona sobre a alegría compartida e a señardade privada dunhas vacacións que tomou co seu pai (Paul Mescal) 20 anos antes. Recordos reais e imaxinados enchen os espazos entre as imaxes mentres intenta reconciliar o pai que coñecía co home que nunca coñeceu.
Premios
2022 : British Independent Film Awards (BIFA): 7 premios, incl. mellor película
“Fermosísima, sen dúbida unha das mellores películas do ano (...) a opacidade que rodea a ese pai cordial e enigmático (...) é o que carga de sentido a toda a película, un poema precioso”
(Sergi Sánchez, La Razón)
Filmoteca CCPF
«Girasoles silvestres» Xirasois silvestres
Julia, unha moza de 22 anos e nai de dous fillos, namórase de Óscar, un mozo con problemas co que comeza unha relación. Mentres pasan un tempo xuntos, Julia comezará a preguntarse se Óscar é a persoa que realmente necesita ao seu lado, o que a levará a iniciar unha viaxe persoal na procura da súa felicidade e a da súa familia.
Premios
2022 : Premios Goya: Nomeada á mellor actriz (Anna Castillo)
(Filme especialmente recomendado para o fomento da igualdade de xénero)
"Rosales consegue que os personaxes sexan cribles, os seus sentimentos, as súas molestias, as súas actitudes, a súa linguaxe. Nada parece falso. E se os creo, interésame o que lles pasa. (...) Gústame moito o interpretación de Anna Castillo"
(Carlos Boyero, El País)
Ciclo Desvelos
«Eo»
O mundo é un lugar misterioso, especialmente visto a través dos ollos dun animal. No seu camiño, EO, un burro gris de ollos morriñentos, atópase con xente boa e xente non tan boa, coñece a alegría e a tristeza. Porén nunca, en ningún momento, perderá a súa inocencia.
Premios
2022 : Festival de Cannes: Premio do xurado
2022 : Valladolid Film Festival - Seminci: Mellor director
“Película marabillosa (...) Skolimowski lémbranos sen diálogo nin proclamación que sen a inocencia animal o que perdemos non é outra cousa que a nosa propia humanidade”
(Elsa Fernández-Santos, El País)
Filmoteca CCPF
«Of fathers and sons» De pais e fillos: Os fillos da Yihad
Talal Derki viviu durante máis de dous anos coa familia de Abu Osama, un guerreiro Al-Nusra dunha pequena cidade de Siria, centrando a súa cámara nos nenos. Dende pequenos, os nenos son adestrados para seguir os pasos do seu pai e converterse en soldados de Deus.
Premios
2018 : 2 premios do cinema alemán: mellor documental e mellor montaxe
2018 : Festival de Cine de Sundance: Premio do Xurado - Documental (World Cinema)
"Un retrato da vida familiar en Siria tan arrepiante como revelador (...) O leve toque de Derki ao material segue sendo consistente a medida que os acontecementos se escurecen"
(Allan Hunter, Screendaily)
Ciclo Desvelos
«Heojil kyolshim» Decision to leave
Hae-Joon, un veterano detective, investiga a morte sospeitosa dun home no cumio dunha montaña. Axiña, comezará a sospeitar de Sore, a muller do falecido, mentres que a atracción que sente por ela o desestabilizará.
Premios
2022 : Festival de Cannes: Mellor director
2022 : Seminci de Valladolid: Mellor Edición
“Unha película de fortes emocións, un procedemento labiríntico e altas doses de misterio. Sen dúbida, un dos mellores traballos do seu director”
(Manu Yáñez, Fotogramas)
Filmoteca CCPF
«A Torinói ló» O cabalo de Turín
Inspirado libremente nun episodio que marca o final da carreira do filósofo Friedrich Nietzsche. O 3 de xaneiro de 1889, na praza Albert de Turín, Nietzsche botouse chorando ao pescozo dun cabalo esgotado e maltratado polo seu condutor, e despois desmaiouse. Desde entón, deixou de escribir e afundiuse na loucura e no silencio. Nun ambiente pre-apocalíptico móstranos a vida do cocheiro, a súa filla e o vello cabalo.
Premios
2011 : Festival de Cine de Berlín: Gran Premio do Xurado, Premio da Crítica Internacional FIPRESCI
"Un retrato arrepiante non só da pobreza, senón da desgraza. (...) O seu sabor moi persoal, o seu ritmo persistente, introdúcenos nun universo hipnótico que é unha experiencia única e incomparable. Impresionante"
(Jordi Batlle Caminal, La Vanguardia)
Ciclo Desvelos
«Close»
Léo e Rémi, de 13 anos, son amigos de toda a vida. Ata que un acontecemento impensable os separa. Léo achégase entón a Sophie, a nai de Rémi, para tentar entender.
Premios
2022 : Festival de Cannes: Gran Premio do Xurado (ex aequo)
2022 : Festival de Cine de Sevilla: Gran Premio do Xurado e Mellor Actor (Eden Dambrine)
“Unha obra de notable magnitude, capaz de atopar unha verdade interior sensible sen enfatizar o xesto, sen subliñar, sen retórica discursiva, con humildade e modestia”
(Carlos F. Herdeiro, Caimán)
Filmoteca CCPF
«Suro»
Helena e Iván proponse construír unha nova vida nos bosques de sobreiras, pero xorden as súas diferentes opinións sobre como vivir na terra, desafiando o seu futuro como parella
Premios
2022 : Premios Goya: Nomeada a mellor actriz (Luengo) e director novo
2022 : Festival de San Sebastián: Premio FIPRESCI e Premio de Cine Vasco
"Afonda nas contradicións do capitalismo (traballo, xénero, clase, raza...) a través da historia dunha parella nova. (...) Gurrea examina estas dinámicas con precisión e intelixencia nun thriller que alterna puntos de vista"
(Pepa Blanes, Cadena SER)
Ciclo Desvelos
«Holy spider»
Irán, 2001. Unha xornalista de Teherán mergúllase nos barrios máis desprestixiados da cidade santa de Mashhad para investigar unha serie de feminicidios. Pronto entenderá que as autoridades locais non teñen présa por resolver o asunto. Os crimes son obra dun só home, que di purificar a cidade dos seus pecados e que ataca ás prostitutas pola noite.
Premios
2022 : Festival de Cannes: Mellor actriz (Tsar Amir-Ebrahimi)
2022 : Festival de Cine de Sevilla: Mellor actriz (Zar Amir-Ebrahimi)
“A muller asediada segundo a mirada hipnótica de Ali Abbasi (...) O director (...) regala agora un 'thriller' magnético co poder de estalar metáforas sobre o machismo, o feminicidio e outros accidentes do patriarcado”
(Luis Martínez, El Mundo)
As proxeccións de Ciclo dos mércores son no Teatro principal de Ourense (rúa da Paz 9)
Pregamos puntualidade.
Dada a situación actual e época do ano, recomendamos o uso de máscara de protección dentro da sala para así previr o contaxio de catarros ou COVID.
Os símbolos desta web son; VO; Versión orixinal, VOS (Versión orixinal subtitulada, en castelán VOSE, en galego VOSG), VD; versión orixinal ou dobrada cos mesmos patróns E español /G galego / CAT catalán / EUS euskera / E-Aame español americano / PT portugués.
A calificación por idades de cada filme sigue o seguinte patrón; [A] apta para todos os públicos, [+7] recomendado para maiores de 7 anos, [+12] recomendado para maiores de 12 anos, [+18] recomendado para maiores de 18 anos, e [ND] Non dispoñible ou [SC] sen clasificación no ICAA.
Tamén podes consultar aquí... a programación extraordinaria na que colabora o cineclube, o blog Sala de máquinas (que da acceso tamén ás follas de sala, organigrama e transparencia), clube de cine Nós #CCPF, a web da Biblioteca pública Nós, os cineclubes de Ourense (que da acceso tamén á Federación de cineclubes de Galicia), á base de datos do ICAA ou ás base de datos de filmaffinity e IMDB.
ADVERTENZAS:
Non se permite o acceso á sala unha vez comenzada a sesión. Tampouco se permite o uso do teléfono móbil unha vez comezada a proxección * sendo motivo en caso contrario de expulsión da sala, sen dereito á reclamación. (En caso de socio/-a será proposto de expulsión da asociación).
(*) Agás para os filmes con audiodescripción, así sinalizados [ AD))) ].
----------
(*) A audiodescripción estará disponible mediante a aplicación gratuita da fundación ONCE; "AUDESCMOBILE".
(Non é preciso software o hardware adicional. O/A usuario/a tan só ten que instalar a aplicación no seu móbil, descargar a audiodescripción da película que quere ver e unha vez na sala de cine, conectar os cascos e reproducir o arquivo. A audiodescripción comenzará e se sincronizará automáticamente coa película)
Ningún comentario:
Publicar un comentario