20/02/09

Estreas en V. O. 5: «Aquí e agora»


Esta é a nota de prensa enviada hoxe ao medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf)


O CINECLUBE PADRE FEIJOO E CINEBOX OURENSE PRESENTAN
NOVOS FILMES DE ESTREA PARA MARZO E ABRIL


Durante os meses de marzo e abril, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense proxectarán dous novos ciclos da serie «Estreas en Versión Orixinal». O primeiro deles, correspondente a marzo, recibe o subtítulo de «Aquí e agora», pola actualidade temática dos filmes que o compoñen.
Trátase de tres películas precedidas de premios e unha certa polémica. En todos os casos, son filmes que se proxectan en versión orixinal con subtítulos en castelán, excepto o primeiro deles, que ten como versión orixinal precisamente a española. Para o ciclo cóntase novamente co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia, da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
O primeiro dos filmes, previsto para o mércores 4 de marzo, é Camino, de Javier Fesser, gañadora de seis premios Goya 2009, incluídos os de Mellor filme, Mellor director e Mellor guión orixinal. O segundo, para o 11 de marzo, será Gomorra, adaptación do libro homónimo de Roberto Saviano sobre a camorra napolitana, que dirixiu Matteo Garrone e que conseguiu o Gran Premio do Festival de Cannes 2008. O terceiro título, que se proxectará o 25 de marzo, é Los limoneros (Etz limon), un filme moi crítico coa política israelí no conflito dos Territorios Ocupados, e que obtivo o Premio do Público da sección Panorama do Festival de Berlín 2008.
En breve comunicaremos tamén o programa de proxeccións previsto para o mes de abril; de momento, podemos adiantar que están confirmados os títulos Estômago, filme brasileiro gañador da Espiga de Ouro da Seminici de Valladolid, e La clase (Entre les murs), Palma de Ouro no Festival de Cannes.

Ciclo Estreas en Versión Orixinal 5: Aquí e agora
Marzo 2009
Cinebox Ourense
Entrada: 4 euros (3 euros con carné universitario)
Versión Orixinal Subtitulada

Co apoio de:
Federación de Cineclubes de Galicia
Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual – Xunta de Galicia
Vicerreitoría do Campus de Ourense


• Mércores, 4 de marzo de 2009 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Camino
Camino. España, 2008. Cor, 143 min • Dirección e guión: Javier Fesser • Produción: Luis Manso, Jaume Roures (Películas Pendelton, Mediapro) • Fotografía: Alex Catalán • Montaxe: Javier Fesser • Música: Rafa Arnau, Mario Gosálvez • Intérpretes: Nerea Camacho (Camino), Carmen Elías (Gloria), Mariano Venancio (José), Manuela Vellés (Nuria), Ana Gracia (Inés), Lola Casamayor (tía Marita), Lucas Manzano (Cuco), Pepe Ocio (don Miguel Ángel), Claudia Ortero (Begoña), Jordi Dauder (don Luis), Emilio Gavira (Mr. Meebles), Miriam Raya (Elena) • Estrea en España: 17/10/2008. Versión orixinal en castelán.
• Festival de San Sebastián 2008: sección oficial
• Premios José María Forqué 2008: Mellor filme
• Premios Sant Jordi 2008: Mellor filme español, Mellor actriz española (Carme Elías)
• Premios Gaudí 2008: Mellor filme europeo
• Premios Goya 2009: Mellor filme, Mellor director, Mellor actriz (Carme Elías), Mellor actor de reparto (Jordi Dauder), Mellor actriz revelación (Nerea Camacho), Mellor guión orixinal

Web oficial:
http://www.caminolapelicula.com

Pamplona, xuño de 2001. Camino, unha nena de once anos, vive os seus derradeiros momentos no cuarto dun hospital. Rodeada de familiares, amigos, sacerdotes e un número inusitado de persoal clínico, dá a todos un exemplo de morte serena e feliz. Nunha atmosfera de santidade, e cando parece que a morte é xa inevitábel, ocorre algo extraordinario no cuarto. Inspirado en feitos reais, o filme é unha aventura emocional en torno a una extraordinaria nena que se enfronta ao mesmo tempo a dous acontecementos que son completamente novos para ela: namorarse e morrer.


• Mércores, 11 de marzo de 2009 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Gomorra
Gomorra. Italia, 2008. Cor, 135 min • Dirección: Matteo Garrone • Produción: Domenico Procacci (Fandango, Rai Cinema) •Guión: Maurizio Braucci, Ugo Chiti, Gianni Di Gregorio, Matteo Garrone, Massimo Gaudioso, Roberto Saviano, segundo a novela de Roberto Saviano • Fotografía: Marco Onorato • Montaxe: Marco Spoletini • Intérpretes: Toni Servillo (Franco), Gianfelice Imparato (Don Ciro), Maria Nazionale (Maria), Salvatore Cantalupo (Pasquale), Gigio Morra (Iavarone), Salvatore Abruzzese (Totò), Marco Macor (Marco), Ciro Petrone (Ciro), Carmine Paternoster (Roberto), Zhang Ronghua (Xian), Simone Sacchettino (Simone) • Estrea en Italia: 16/5/2008 • Estrea en España: 14/11/2008 • Versión orixinal en italiano con subtítulos en castelán.

• Festival de Cannes 2008: Gran Premio do Festival
• Festival de Chicago 2008: Hugo de Prata ao mellor guión
• Premios do Cinema Europeo 2008: Mellor actor (Toni Servillo), Mellor fotografía, Mellor director, Mellor filme, Mellor guión
• Globos de Ouro 2008: Nomeado como mellor filme estranxeiro
• Festival de Múnic 2008: Premio Arri-Zeiss
• Premios Satellite 2008: Mellor filme de lingua non inglesa

Web oficial (italiano):
http://www.mymovies.it/gomorra

Poder, odio e sangue. Estes son os «valores» a que teñen que se enfrontar cada día os habitantes das provincias de Nápoles e Caserta. Case nunca se pode escoller, case sempre se está obrigado a obedecer as regras da Camorra, e só os máis afortunados poden pensar en levar unha vida «normal». Cinco historias entrecrúzanse nesta paisaxe violenta, un mundo desapiadado, aparentemente afastado da realidade, mais ben enraizado nesa terra.


• Mércores, 25 de marzo de 2009 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Los limoneros

Etz limon. Israel/Alemaña/Francia, 2008. Cor, 106 min • Dirección: Eran Riklis • Produción: Bettina Brokemper, Antoine de Clermont-Tonnerre, Michael Eckelt, Eran Riklis (Eran Riklis Productions, MACT Productions, Riva Film, Heimatfilm) • Guión: Suha Arraf, Eran Riklis • Fotografía: Rainer Klausmann • Montaxe: Tova Ascher • Música: Habib Shehadeh Hanna • Interpretación: Hiam Abbass (Salma Zidane), Ali Suliman (Ziad Daud), Doron Tavory (Navon), Rona Lipaz Michael (Mira Navon), Tarik Copti (Abu Hussam), Amos Lavie (capitán Jacob), Amnon Wolf (Leibowitz), Smadar Yaaron (Tamar Gera), Ayelet Robinson (Shelly) • Estrea en Israel: 27/3/2008 • Estrea en España: 3/10/2008 • Versión orixinal en árabe, hebreo, francés e inglés con subtítulos en castelán.

• Festival de San Sebastián 2008: Sección oficial
• Festival de Berlín 2008: Premio do Público (Sección Panorama)
• Premios da Academia Israelí do Cinema: Mellor actriz (Hiam Abbass)

• Web oficial (hebreo e inglés):
http://www.lemontreemovie.com/
• Web oficial (español): http://www.golem.es/loslimoneros
Salma, unha viúva palestina, decide librar unha batalla contra o ministro de Defensa de Israel, cuxa casa linda co seu campo de limoeiros, na fronteira entre Israel e os Territorios Ocupados. A policía non tarda en decretar que as árbores de Salma representan unha auténtica ameaza para o ministro de Defensa e a súa familia, e ordena que se corten. Mais Salma decide loitar para salvar as súas árbores e a súa vida.