25/04/07

‘El Maligno’

Esta é a nota de prensa que enviamos hoxe aos medios:

COMEZA O CICLO «NOVAS OLLADAS»
CO FILME PORTUGUÉS ‘EL MALIGNO’

Mañá, 26 de abril de 2007, o Cineclube Padre Feijoo proxecta, no Cine Dúplex (rúa Sáenz Díez s/n), o filme portugués El Maligno (Coisa Ruim), di rixida en 2006 por Tiago Guedes e Frederico Serra. A entrada terá un prezo simbólico de 2,50 euros, reducida portando o carné universitario a 1,50 euros. A proxección será en versión orixinal en portugués con subtítulos en castelán. Con estas proxeccións comeza un novo ciclo do Cineclube, dedicado ás revisións que se están a dar a diversos xéneros como o thriller e o fantástico, a través de títulos destacados. O ciclo conta co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Casa da Xuventude ourensá.
El Maligno conta como unha familia de Lisboa herda unha casa nunha pequena e afastada aldea do interior de Portugal. A xente di que coa casa tamén herdaron unha maldición. As crenzas e supersticións dos habitantes da aldea comezan a preocupar os pais desta familia mentres os fillos teñen visións das tres nenas que foran asasinadas polo antepasado que era dono daquela mansión.
A película participou nos prestixiosos festivais Fantasporto (onde serviu de filme de apertura) e Sitges.
Producida polo gran Paulo Branco —ligado a títulos de directores como Manoel de Oliveira, Wim Wenders, Alain Tanner, Raoul Ruiz ou Paul Auster—,
El Maligno (Coisa Ruim) foi un dos maiores éxitos do ano 2006 en Portugal. A pesar de ser unha fita próxima ao cinema de terror, «non pretende dar sustos, só abrir os ollos ao medo».
O guión está inspirado nos varios mitos e lendas dun Portugal profundo que, aínda hoxe, cohabita con cultos relixiosos de orixe cristiá e pagá. O suspense do filme vive sobre todo daquilo que non é contado explicitamente senón polas pequenas alusións que nos levan a tirar determinadas conclusións.
Con influencias directas de Night Shyamalan (El sexto sentido, El bosque) e Amenábar (Los otros), o filme ten, non obstante, un estilo propio, unha persoal forma de facer cinema que xa se deixaba ver nas curtametraxes que dirixiran conxuntamente os mesmos realizadores anteriormente.

18/04/07

Ciclo «Novas Olladas»

O Cineclube presenta un novo miniciclo para as tres próximas semanas. Este é e programa.

Ciclo «Novas olladas: do ‘thriller’ ao fantástico. Xéneros revisados»

26 de abril 2007 • Cine Dúplex, 20.30 e 23 h:
El maligno (Coisa Ruim) Tiago Guedes e Frederico Serra (Portugal)

3 de maio 2007 • Cine Dúplex, 20.30 e 23 h:
Brick • Rian Johnson (EE UU)

9 de maio 2007 • Cine Dúplex, 20.30 e 23 h:
The Host (Gwoemul) • Joon-ho Bong (Corea do Sur)

Coa colaboración de: Federación de Cineclubes de Galicia • Secretaría Xeral de Comunicación/Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual • Universidade de Vigo/Vicerreitoría do Campus de Ourense • Casa da Xuventude de Ourense • Cine Dúplex
Todas as proxeccións son en versión orixinal subtitulada
Entrada (prezo simbólico): 2,50 euros. Con carné universitario ou da Casa da Xuventude de Ourense: 1,50 euros.


EL MALIGNO
Coisa Ruim. Portugal, 2006. Cor, 97 min • Dirección: Tiago Guedes e Frederico Serra • Produción: Paulo Branco (Madragoa Filmes) • Guión: Rodrigo Guedes de Carvalho • Fotografía: Victor Estévão • Montaxe: Pedro Ribeiro • Música: Jorge C. • Intérpretes: Adriano Luz, Manuela Couto, Sara Carinhas, José Afonso Pimentel • Versión orixinal con subtítulos en castelán. Non estreada comercialmente en España.

Fantasporto 2006: Filme de inauguración • Festival de Sitges 2006: Sección Oficial a Competición • Montreal Fantasia Film Festival • Germany Fantasy Film Festival • Cinenygma Film Festival • Korea Pusan Film Festival 2006.

Unha familia herda unha casa nunha pequena e afastada aldea. A xente di que coa casa tamén herdaron unha maldición. Producida polo gran Paulo Branco, foi un dos maiores éxitos do ano 2006 en Portugal. Un filme que non pretende dar sustos, só abrir os ollos ao medo.


BRICK
Brick. EE UU, 2006. Cor, 110 min • Guión e dirección: Rian Johnson • Produción: Ram Bergman, Mark G. Mathis (Bergman Lustig Productions) • Dirección de fotografía: Steve Yedlin • Montaxe: Rian Johnson • Música: Nathan Johnson • Intérpretes: Joseph Gordon-Levitt (Brendan), Nora Zehetner (Laura), Lukas Haas (The Pin), Noah Fleiss (Tugger), Matt O’Leary (The Brain), Emilie de Ravin (Emily), Noah Segan (Dode), Meagan Good (Kara) • Versión orixinal con subtítulos en castelán. Estrea en España: 1/12/2006

http://www.brickmovie.net

Festival de Sundance: Premio Especial do Xurado • Festival de Sitges: Premio Mellor Novo Director • Festival de Venecia: selección oficial

Brendan, un estudante de instituto, é un rapaz de aguda intelixencia que non teme apoiar as súas palabras con accións se a situación o require. Non obstante, prefire manterse á marxe de todo até que a súa ex-moza, Emily volve inesperadamente á súa vida, ao parecer con problemas, para desaparecer pouco despois sen deixar rastro. Brendan embarcarase nunha perigosa busca, na cal só contará coa axuda do seu único amigo. ‘Brick’ é un dos filmes máis sorprendentes do último cinema americano.


THE HOST
Gwoemul. Corea do Sur, 2006. Cor, 119 min • Director: Joon-ho Bong • Produción: Yong-bae Choi (Chungeorahm Film, Showbox/Mediaplex) • Guión: Joon-ho Bong, Won-jun Ha • Fotografía: Hyung-ku Kim • Montaxe: Seon Min Kim • Música: Byung-woo Lee • Intérpretes: Kang-ho Song, Hie-bong Byeon, Hae-il Park, Du-na Bae • Versión orixinal con subtítulos en castelán. Estrea en España: 2/3/2007

http://www.notrofilms.com/webthehost
http://www.hostmovie.com

Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes 2006 • Festival de Sitges 2006: Sección Oficial a Competición; premio aos mellores efectos especiais; premio ao mellor filme na categoría Orient Express • Korean Film Awards: seis premios • Asian Film Awards: catro premios.


Os habitantes de Seúl observan sorprendidos un estraño obxecto pendurado dunha ponte sobre o río Han. Na realidade trátase dunha monstruosa criatura mutante que ao acordar devora todo aquel que se cruza no seu camiño. O dono dun quiosco á beira do río contemplará horrorizado como a besta rapta a súa filla e a leva ao seu agocho. Mentres o exército fracasa unha e outra vez no seu empeño por destruír o monstro, aquel homiño anónimo armarase de valor, e, coa axuda da súa familia, tentará recuperar a súa filla das garras daquela abominación. Un dos filmes máis agardados en Cannes 2006; é a última película do realizador de Memories of Murder, revelación na edición de 2004 do Festival de San Sebastián.

17/04/07

‘China Blue’, documental con Amarante

O CINECLUBE PADRE FEIJOO PROXECTA,
EN COLABORACIÓN CON AMARANTE
,
O FILME DOCUMENTAL ‘CHINA BLUE’

Mañá, mércores 18 de abril de 2007, excepcionalmente no Salón de actos da Biblioteca Pública (rúa Concello 11), o Cineclube Padre Feijoo proxectará, nunha única sesión ás 20.30 h, o filme documental estadounidense China Blue, dirixido en 2005 por Micha X. Peled e aínda inédito comercialmente no Estado. Esta proxección faise en colaboración con Amarante, ONG galega para o desenvolvemento (www.amaranteong.org), dentro da Campaña Roupa Limpa. A entrada será gratuíta, e na propia sala poderá visitarse ademais unha pequena exposición sobre o tema, «Os fios soltos da moda», que reflicte a situación da produción globalizada do téxtil e os seus efectos negativos sobre os traballadores/as, principalmente do Terceiro Mundo.

China Blue lévanos ao interior dunha fábrica de pantalóns vaqueiros, onde Jasmine e outras amigas tratan de sobrevivir ás duras condicións laborais. Cando o dono da fábrica chega a un acordo co seu cliente occidental que forza as súas traballadoras adolescentes a traballar día e noite, faise inevitábel a confrontación. Rodado clandestinamente na China, en condicións moi difíciles, este filme é un informe profundo sobre o que tanto China como as compañías internacionais de roupa non queren que vexamos: como se fan en realidade as prendas que mercamos.

A película levou, entre outros galardóns, o Premio Amnistía Internacional no Festival Internacional de Documentais de Amsterdam (IDFA).

O director, Micha X. Peled, realizou xa diferentes documentais relacionados coa globalización e os conflitos internacionais; ademais de varias curtametraxes, os seus dous filmes anteriores foron You, Me, Jerusalem (con Michael Khleifi, 1995) e Store Wars: When Wal-Mart Comes to Town (2001).

China Blue. EE UU, 2005. Cor, 86 min • Guión e dirección: Micha X. Peled • Produción: Micha X. Peled (Teddy Bear Films) • Dirección de fotografía: Micha X. Peled • Montaxe: Manuel Tsingaris • Música: Miriam Cutler • Documental • Versión orixinal subtitulada en castelán. Festival IDFA Amsterdam: Premio Amnistía Internacional • Festival de Toronto: sección oficial • Festival de Vancouver: sección oficial.