EN COLABORACIÓN CON AMARANTE,
O FILME DOCUMENTAL ‘CHINA BLUE’
Mañá, mércores 18 de abril de 2007, excepcionalmente no Salón de actos da Biblioteca Pública (rúa Concello 11), o Cineclube Padre Feijoo proxectará, nunha única sesión ás 20.30 h, o filme documental estadounidense China Blue, dirixido en 2005 por Micha X. Peled e aínda inédito comercialmente no Estado. Esta proxección faise en colaboración con Amarante, ONG galega para o desenvolvemento (www.amaranteong.org), dentro da Campaña Roupa Limpa. A entrada será gratuíta, e na propia sala poderá visitarse ademais unha pequena exposición sobre o tema, «Os fios soltos da moda», que reflicte a situación da produción globalizada do téxtil e os seus efectos negativos sobre os traballadores/as, principalmente do Terceiro Mundo.
China Blue lévanos ao interior dunha fábrica de pantalóns vaqueiros, onde Jasmine e outras amigas tratan de sobrevivir ás duras condicións laborais. Cando o dono da fábrica chega a un acordo co seu cliente occidental que forza as súas traballadoras adolescentes a traballar día e noite, faise inevitábel a confrontación. Rodado clandestinamente na China, en condicións moi difíciles, este filme é un informe profundo sobre o que tanto China como as compañías internacionais de roupa non queren que vexamos: como se fan en realidade as prendas que mercamos.
A película levou, entre outros galardóns, o Premio Amnistía Internacional no Festival Internacional de Documentais de Amsterdam (IDFA).
O director, Micha X. Peled, realizou xa diferentes documentais relacionados coa globalización e os conflitos internacionais; ademais de varias curtametraxes, os seus dous filmes anteriores foron You, Me, Jerusalem (con Michael Khleifi, 1995) e Store Wars: When Wal-Mart Comes to Town (2001).
China Blue. EE UU, 2005. Cor, 86 min • Guión e dirección: Micha X. Peled • Produción: Micha X. Peled (Teddy Bear Films) • Dirección de fotografía: Micha X. Peled • Montaxe: Manuel Tsingaris • Música: Miriam Cutler • Documental • Versión orixinal subtitulada en castelán. Festival IDFA Amsterdam: Premio Amnistía Internacional • Festival de Toronto: sección oficial • Festival de Vancouver: sección oficial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario