17/06/08

‘En un mundo libre...’


Esta é a nota que enviamos hoxe aos medios.

Se queres recibir información de próximas actividades do Cineclube, apúntate en http://groups.google.com/group/cineclubepf ou escríbenos a cineclubepf@gmail.com


‘EN UN MUNDO LIBRE...’ PECHA O CICLO DE CINEMA SOCIAL

Mañá mércores 18 de xuño de 2008, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense continuarán co ciclo «Estreas en versión orixinal 3: Cinema Social» coa coprodución En un mundo libre... (It’s A Free World..., 2007), dirixida polo británico Ken Loach. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario). Para este ciclo cóntase novamente coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
En un mundo libre... conta a historia de Angie, unha muller chea de enerxía, enxeño e ambición. Despois de quedar sen traballo, tenta refacerse e demostrar o que vale: Angie e a súa compañeira de piso deciden ser as súas propias xefas, e abren unha axencia de traballo temporal para traballadores inmigrantes, que actúa nun mundo inestábel en que o traballo é barato e as leis só serven para ser ignoradas.
O director Ken Loach segue a axitar as conciencias de Gran Bretaña co seu cinema. Agora céntrase na situación laboral dos inmigrantes. «Ao seu chámaselle traballo flexíbel, que é un concepto estupendo para as persoas que dan emprego, mais nada bo para quen traballa», explica o cineasta, interesado na evolución laboral da sociedade inglesa. Moi atento á súa vontade de reflectir a realidade que o rodea, o seu relato ten unha clara intención: «Mostrar un cambio na concienciación social que defende a idea de que estamos sos e non temos responsabilidades cara ao resto do mundo. Un estado que nos leva de regreso aos anos de Margaret Thatcher».

10/06/08

‘This Is England’


‘THIS IS ENGLAND’, NO CICLO DE CINEMA SOCIAL

Mañá mércores 11 de xuño de 2008, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense continuarán co ciclo «Estreas en versión orixinal 3: Cinema Social» co filme británico This is England (2006), dirixido por Shane Meadows. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario). Para este ciclo cóntase novamente coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
This is England sitúanos na Inglaterra de principios dos oitenta. Shaun, de 12 anos, é un neno solitario cuxo pai morreu en combate na guerra das Malvinas e que crece nunha aldea costeira moi gris. No transcurso das vacacións, encontra novos modelos masculinos cando o «adoptan» os cabezas rapadas locais. Cos seus novos amigos, Shaun encontra un mundo de festas, coñece o seu primeiro amor e descobre os encantos das botas Dr. Martins. É entón cando coñece a Combo, un skinhead racista, maior ca el, que acaba de saír do cárcere. Mentres a banda de Combo acosa as minorías étnicas locais, todo parece preparado para o arranque dun proceso de maduración que levará a Shaun da inocencia á experiencia.
Galardoada, entre outros, nos festivais de Xixón e Londres, e nos premios Bafta (da Academia Británica do Cinema), This is England supón, en palabras do crítico Jordi Costa en Fotogramas, «un mirar cara atrás sen ira, mais coa ollada limpa de nostalxias, que desvela as dinámicas de subsolo da Gran Bretaña thatcherista, onde a Guerra das Malvinas deixou algo máis que baixas e infectou un inconsciente colectivo que supuraría un incendiado nacionalismo».

03/06/08

‘All The Invisible Children’

Esta á a nota de prensa enviada hoxe aos medios. Se queres recibir información puntual no teu e-mail, escríbenos a cineclubepf@gmail.com


COMEZA O CICLO DE CINEMA SOCIAL
CON ‘ALL THE INVISIBLE CHILDREN’


Mañá mércores 4 de xuño de 2008, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense darán comezo ao ciclo «Estreas en versión orixinal 3: Cinema Social» co filme All the invisible children (2005), dirixido por oito realizadores de distintos países, entre os que se encontran Ridley Scott, Emir Kusturica, Spike Lee e John Woo. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario). Para este ciclo cóntase novamente coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
All the invisible children [«Todos os nenos invisíbeis»] é unha iniciativa que reúne varios dos directores máis recoñecidos do mundo para retratar as historias de loita e adversidade de sete nenos anónimos arredor do mundo. Así, coñecemos a Tanza, un neno soldado en África; a Uroš, a punto de saír dun reformatorio xuvenil en Serbia; a Blanca, unha adolescente de Brooklyn de pais drogadictos, que acaba descubrindo que é seropositiva; a Bilu e João, que sobreviven como ‘meninos da rua’ en São Paulo; a Jonathan, un fotógrafo de prensa desilusionado, que redescobre a esencia da vida a través da infancia; a Ciro e o seu amigo Bertucciello, que asaltan en Nápoles un condutor para roubarlle o seu rolex e emprenden unha fuxida cara a unha infancia verdadeira; por último, a Song Song e Little Cat, dúas nenas que viven dúas vidas paralelas en circunstancias opostas nunha cidade chinesa.
O filme, feito en apoio das actividades de Unicef, conta cos realizadores Kátia Lund (co-directora do afamado filme brasileiro Cidade de Deus), Mehdi Charef (director francés de orixe alxeriana, gañador de varios premios en Cannes), Stefano Venerusso (axudante de dirección en producións como Gangs of New York e El cartero y Pablo Neruda), Emir Kusturica (afamado director de filmes como El tiempo de los gitanos ou Underground), Ridley Scott (non menos coñecido autor de filmes como Blade Runner ou Thelma e Louise), neste caso coa súa filla Jordan Scott (directora de dúas curtametraxes, a dirixir agora a súa primeira longa), e John Woo (director chinés de persoais filmes de acción, primeiro en Hong Kong e posteriormente en Hollywood).