24/11/09

‘Control’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

‘CONTROL’, O MUNDO DA MÚSICA POP-ROCK DESDE DENTRO

Mañá, mércores 25 de novembro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan o filme británico Control, dirixido por Anton Corbijn, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 7: Cinema de novembro». O filme conseguiu tres premios no Festival de Cannes de 2007. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
A película pecha este ciclo, para o que se contou co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Control ofrece un percorrido polos últimos anos de Ian Curtis, o enigmático cantante líder da banda Joy Division (icono do post-punk inglés), até chegar ao seu tráxico suicidio en 1980: o conflito entre o grande amor que sente pola súa esposa e unha apaixonada relación coa súa amante; os seus ataques de epilepsia, que cada vez o deixan máis deteriorado; o seu incríbel talento e as súas impresionantes actuacións en directo.
O filme ten acadado numerosos premios internacionais, e supón o debut na longametraxe do fotógrafo Anton Corbijn, famoso por ter sido o encargado do aspecto visual dos álbums e videoclips de grupos como Depeche Mode, Nirvana ou U2. A súa perspectiva sobre o mundo do pop-rock é, por tanto, a de alguén que coñece de primeira man todos os seus detalles.

Ningún comentario: