COMEZA A SEMANA DO CINEMA DOCUMENTAL
CON ‘SICKO’, DE MICHAEL MOORE
Mañá, martes 1 de decembro, o Cineclube Padre Feijoo, en colaboración con Cinebox Ourense, a Federación de Cineclubes de Galicia e o CGAI, presentan o filme Sicko, dirixido polo estadounidense Michael Moore. A proxección enmárcase na Semana do Cinema Documental, cuxas actividades decorrerán entre os días 1 e 4. Os pases serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
A Semana do Cinema Documental conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
O sempre polémico director Michael Moore pon en Sicko o seu punto de mira no sistema sanitario estadounidense, de xestión privada e rexido por empresas aseguradoras. Moore compara neste filme a situación dos enfermos en EE. UU. coa dos dalgúns países de Europa e América Latina, e vén revelar que, mentres para un cidadán americano rachar un óso pode ser motivo de ruína económica, en moitos outros países os gobernos axudan os seus cidadáns, non só coa Seguridade Social, senón tamén con empregados ao servizo de nais traballadoras, de enfermos terminais ou de persoas con necesidade de atencións especiais.
Sicko foi presentado no Festival de Cannes, e foi nomeado na categoría de Mellor documental para os Oscar de 2008.
Ningún comentario:
Publicar un comentario