01/12/09

‘Una cierta verdad’, na Semana do Cinema Documental

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

A SEMANA DO CINEMA DOCUMENTAL
PROXECTA ‘UNA CIERTA VERDAD’


Mañá, mércores 2 de decembro, o Cineclube Padre Feijoo, en colaboración con Cinebox Ourense, a Federación de Cineclubes de Galicia e o CGAI, presenta o filme
Una cierta verdad, dirixido polo catalán Abel García Roure (axudante de dirección dos espléndidos documentais En construcción e El cielo gira). A proxección enmárcase na Semana do Cinema Documental, cuxas actividades decorren entre os días 1 e 4. Os pases serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
A Semana do Cinema Documental conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Una cierta verdad reflicte as vidas de cinco personaxes que se entrecruzan no contorno dun hospital de saúde mental, ao longo do período de case dous anos. Os cinco viron ou verán severamente alteradas as súas capacidades de comprender e percibir a realidade; invadidos e desposuídos de todo aquilo que conforma a súa propia identidade como persoas. Seguindo o ronsel destas historias íntimas, o filme embárcanos nunha viaxe emocional e de coñecemento á busca dunha fenda de luz no aparentemente inextricábel e enigmático universo da loucura. Como nunha novela de intriga, con paciencia e rigor, o filme revélanos os signos que trazan secretamente o fío narrativo do relato humano que se oculta detrás de todo proceso de trastorno mental.
Este documental formou parte da sección oficial competitiva da prestixiosa Seminici de Valladolid, e mais do Festival Internacional de Documental e Animación de Leipzig en 2008.

Ningún comentario: