‘MAN ON WIRE’ PON FIN ÁS PROXECCIÓNS
DA SEMANA DO CINEMA DOCUMENTAL
Mañá, xoves 3 de decembro, o Cineclube Padre Feijoo, en colaboración con Cinebox Ourense, a Federación de Cineclubes de Galicia e o CGAI, presenta o filme Man on Wire, coprodución británico-estadounidense dirixida por James Marsh e gañadora, entre outros moitos premios, do Oscar 2009 ao Mellor documental. Os pases serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
A Semana do Cinema Documental, que termina así o seu ciclo de proxeccións, conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Por outra parte, lamentamos comunicar a suspensión da conferencia «Inscribir o real: a propósito do texto documental», prevista para o venres 4 de decembro no Centro Cultural Deputación Ourense, debido a un problema de saúde da profesora Antía López. Esperamos poder ofrecer nos próximos días unha nova data para esta actividade.
Man on Wire conta a historia real do mozo francés Philippe Petit, que camiñou o 7 de agosto de 1974 por un cabo colgado ilegalmente entre as Torres Xemelgas de Nova York, daquela os edificios máis altos do mundo. Tras unha hora a camiñar polo cabo, foi arrestado, examinado psicoloxicamente e encarcerado antes de ser finalmente liberado. Petit pasara oito meses en Nova York planificando a execución do golpe. Axudado por un equipo de amigos e cómplices, Petit enfrontouse a numerosos e extraordinarios desafíos: encontrar o xeito de burlar a seguridade do World Trade Center, pasar o pesado cabo de aceiro e o equipo necesario; tender o cabo entre os tellados das dúas torres, ancorar o cabo e tensalo para soportar os ventos e o movemento de vaivén dos edificios...
O documental de James Marsh dá vida a esta extraordinaria aventura a través do testemuño de Philipe e algúns dos conspiradores que lle axudaron a crear o espectáculo magnífico e único que se coñeceu como «o delito artístico do século».
Ningún comentario:
Publicar un comentario