22/01/08

‘Tierra’



Esta é a nota que enviamos hoxe aos medios:




PROXECCIÓN ESPECIAL EN ESTREA DO DOCUMENTAL ‘TIERRA’

Mañá, mércores 23 de xaneiro de 2008, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentarán o filme Tierra (Earth, 2007), de Alastair Fothergill e Mark Linfield. Os pases serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, nas salas do Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 5,00 euros.
Tierra é unha fascinante viaxe polo planeta, de norte a sur e ao longo das catro estacións, para retratar os contrastes entre as diferentes partes do mundo e as súas transformacións naturais. O documental mostra algunhas das paisaxes máis asom­brosas, desde as cadeas montañosas máis destacadas até os maiores saltos de auga e os desertos máis áridos. E tamén mostra algúns dos animais máis incríbeis, cuxas vidas se encontran en precario equilibrio. Co comezo do cambio no ritmo das estacións, a súa loita pola sobrevivencia faise cada vez máis dura.
Alastair Fothergill traballa desde 1983 na Unidade de Historia Natural da BBC, onde colaborou con figuras como David Attemborough; entre 1992 e 1998 foi xefe desa unidade, e deixou o posto para dirixir o filme Deep blue – La película del planeta azul, que renovou o interese internacional polo cinema documental de natureza. Sobre Tierra, comenta que a súa intención é «que a xente poida gozar duns espectáculos naturais do noso planeta que poucos teñen a oportunidade de contemplar en directo. A variedade e a cantidade de recursos ao longo do gran período de tempo necesario que iso implica fai que ninguén —até o de agora— fose capaz de o lograr».
En efecto, foron precisos cinco anos de filmación, corenta equipos de especialistas e as máis modernas técnicas de rodaxe en alta definición. Ao longo de 200 localizacións en 26 países de todo o mundo, conseguíronse escenas nunca antes vistas.
A música do filme foi composta por George Fenton, autor das partituras de Las amistades peligrosas, Grita libertad e Gandhi, entre outros títulos. Tierra foi exhibida no Festival de Cine de San Sebastián de 2007, dentro da sección oficial, aínda que fóra de competición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor teña en conta estas pautas…

Evite os insultos, palabras groseiras, alusións sexuais, vulgaridades o vulgares simplificacións.
Non sexa gratuitamente ofensivo, e menos aínda, inxurioso.

Os comentarios deben ser pertinentes. Respecte o tema formulado no artigo ou aqueles que xurdan de xeito natural no curso do debate.

En Internet, adóitanse utilizar alcumes no canto do propio nome, pero usurpar o/a doutro/a lector/a é unha práctica inaceptable.

Non escriba en MAIÚSCULAS. Na linguaxe de Internet interprétanse como gritos e dificultan a lectura.

Calquera comentario que non se ateña a estas normas poderá ser borrado e calquera comentarista que as rompa habitualmente poderá ver cortado o seu acceso aos comentarios do blogue do cineclube «Padre Feijoo» (cineclubePF) e calquera dos sitios da «Feciga».