09/12/08

‘Tropa de elite’


Esta é a nota de prensa enviada hoxe ao medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf


‘TROPA DE ELITE’: O BRASIL MÁIS CONFLITIVO
NO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL


Mañá, mércores 10 de decembro, o Cineclube Padre Feijoo e mais Cinebox Ourense presentan o filme Tropa de Elite, do brasileiro José Padilha, que obtivo o Oso de Ouro no Festival de Berlín 2008. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
Prosegue deste xeito o cuarto ciclo «Estreas en Versión Orixinal», subtitulado nesta ocasión «Da comedia ao drama». Para o ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Tropa de Elite está ambientada no Rio de Janeiro en 1997. Conta como a Nascimento, capitán do BOPE (Batalhão de Operações Policiais Especiais), a tropa de elite da Policía do Rio, lle é asignado o mando dun dos grupos que teñen a misión de «pacificar» as favelas do ‘morro’ de Turano, debido á visita de Xoán Paulo II, quen vai instalarse nunha zona próxima. O capitán, baixo unha presión constante, comeza a notar os efectos do estrés. Ten que executar as ordes recibidas, en canto tenta encontrar un substituto, xa que a súa muller está nos seus últimos días de embarazo e lle pide constantemente que abandone a primeira liña do Batalhão.
Proxecto nacido inicialmente como documental, Tropa de Elite conta no formato de ficción como actúa en realidade a policía brasileira na loita contra as bandas de delincuentes que pululan polas favelas. O filme, ademais de numerosos premios, como os «BR» do cinema brasileiro, obtivo o Oso de Ouro do Festival de Berlín, nunha edición en que o xurado estivo presidido por Costa-Gavras, o que pon o acento na súa condición de filme político e de denuncia.

1 comentario:

  1. Hola amigo cinéfilo:

    Só quería avisarche da estrea en dvd de Pradolongo, este mes de decembro.

    Por certo os actores estarán na túa terra, Ourense, o 19 de Decembro as 12 horas na Tenda La Región (Rolda de prensa),e o sábado 3 de xaneiro de 12 a 14 horas na Libreiría Muricego e no O Barco de Valdeorras de 18 a 20 horas Firmas EROSKI a Rúa de Valdeorras (Ourense)

    Agardo que a info sexa do teu interese. Un saúdo

    ResponderEliminar

Por favor teña en conta estas pautas…

Evite os insultos, palabras groseiras, alusións sexuais, vulgaridades o vulgares simplificacións.
Non sexa gratuitamente ofensivo, e menos aínda, inxurioso.

Os comentarios deben ser pertinentes. Respecte o tema formulado no artigo ou aqueles que xurdan de xeito natural no curso do debate.

En Internet, adóitanse utilizar alcumes no canto do propio nome, pero usurpar o/a doutro/a lector/a é unha práctica inaceptable.

Non escriba en MAIÚSCULAS. Na linguaxe de Internet interprétanse como gritos e dificultan a lectura.

Calquera comentario que non se ateña a estas normas poderá ser borrado e calquera comentarista que as rompa habitualmente poderá ver cortado o seu acceso aos comentarios do blogue do cineclube «Padre Feijoo» (cineclubePF) e calquera dos sitios da «Feciga».