31/03/09

‘Estômago’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf)

‘ESTÔMAGO’, CINEMA BRASILEIRO
NO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL


Mañá, mércores 1 de abril, o Cineclube Padre Feijoo e mais Cinebox Ourense presentan o filme Estômago, do brasileiro Marcos Jorge, gañador da Espiga de Ouro da Seminci de Valladolid 2008. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O filme está incluído no sexto ciclo «Estreas en Versión Orixinal», subtitulado nesta ocasión «Cinema actual». Para o ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Estômago conta a historia dun home, Raimundo Nonato, que chega á gran cidade coa esperanza de conseguir unha vida que lle permita comer e cear cada día. Consegue traballo nun bar, e alí descobre o seu talento innato para a cociña e transforma o lugar nun local de éxito. Giovanni, dono dun coñecido restaurante italiano, intúe os dotes de cociñeiro de Nonato e contrátao como axudante de cociña. A vida de Nonato muda e comeza a se afirmar socialmente: unha casa, roupa, novas relacións e, sobre todo, o amor dunha muller, Íria, unha prostituta de bo apetito, coa cal estabelece unha ancestral relación de sexo en troco de comida.
O filme estivo na sección oficial do Festival de Berlín 2008, e conseguiu numerosos galardóns internacionais, como os do Festival de Rotterdam, os do de Punta del Este ou os do do Rio de Janeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor teña en conta estas pautas…

Evite os insultos, palabras groseiras, alusións sexuais, vulgaridades o vulgares simplificacións.
Non sexa gratuitamente ofensivo, e menos aínda, inxurioso.

Os comentarios deben ser pertinentes. Respecte o tema formulado no artigo ou aqueles que xurdan de xeito natural no curso do debate.

En Internet, adóitanse utilizar alcumes no canto do propio nome, pero usurpar o/a doutro/a lector/a é unha práctica inaceptable.

Non escriba en MAIÚSCULAS. Na linguaxe de Internet interprétanse como gritos e dificultan a lectura.

Calquera comentario que non se ateña a estas normas poderá ser borrado e calquera comentarista que as rompa habitualmente poderá ver cortado o seu acceso aos comentarios do blogue do cineclube «Padre Feijoo» (cineclubePF) e calquera dos sitios da «Feciga».