
FINALIZA O CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL
Mañá, mércores 29 de abril, o Cineclube Padre Feijoo e mais Cinebox Ourense presentan o filme francés La clase (Entre les murs), do director Laurent Cantet, que gañou a Palma de Ouro no Festival de Cannes de 2008. Os pases serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, e terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O filme está incluído no sexto ciclo «Estreas en Versión Orixinal», subtitulado nesta ocasión «Cinema actual». Para o ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
La clase está baseado no libro homónimo —publicado por El Aleph en castelán e por Edicións Xerais en galego— de François Bégaudeau, que se interpreta a si mesmo na pantalla, co que, sendo un filme de ficción, mestura de forma maxistral o ton de documental.
O filme conta como François e os demais profesores se preparan para se enfrontar a un novo curso nun instituto situado nun barrio conflitivo. Cheos de boas intencións, desexosos de achegar a mellor educación aos seus alumnos, ármanse contra o desalento. Mais as culturas e as actitudes enfróntanse na aula, microcosmos da Francia contemporánea. A tremenda franqueza de François sorprende os seus alumnos, mais o seu estrito sentido da ética cambaléase cando os rapaces comezan a non aceptar os seus métodos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Por favor teña en conta estas pautas…
Evite os insultos, palabras groseiras, alusións sexuais, vulgaridades o vulgares simplificacións.
Non sexa gratuitamente ofensivo, e menos aínda, inxurioso.
Os comentarios deben ser pertinentes. Respecte o tema formulado no artigo ou aqueles que xurdan de xeito natural no curso do debate.
En Internet, adóitanse utilizar alcumes no canto do propio nome, pero usurpar o/a doutro/a lector/a é unha práctica inaceptable.
Non escriba en MAIÚSCULAS. Na linguaxe de Internet interprétanse como gritos e dificultan a lectura.
Calquera comentario que non se ateña a estas normas poderá ser borrado e calquera comentarista que as rompa habitualmente poderá ver cortado o seu acceso aos comentarios do blogue do cineclube «Padre Feijoo» (cineclubePF) e calquera dos sitios da «Feciga».