
‘GIGANTE’ INICIA O CICLO
DE CINEMA LATINOAMERICANO
Mañá, mércores 3 de febreiro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película uruguaia Gigante, dirixida por Adrián Biniez, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 9: Cinema latinoamericano». O filme obtivo varios premios no Festival de Berlín 2009 —entre eles o Oso de Prata—, e foi galardoado tamén en San Sebastián e A Habana. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Gigante conta unha historia mínima, de personaxes. Nela, un garda de seguridade da quenda de noite nun hipermercado namórase dunha limpadora a que espía a través das cámaras de vixilancia. Axiña a vida deste vixilante se converte nunha serie de rituais e rutinas arredor dela e o seu desexo de coñecela.
A crítica ten feito comentarios moi eloxiosos desta película. El Mundo cualificábaa como «impecable»; Público, pola súa parte, dicía que o filme «desborda honestidade por todos os seus poros»; La Vanguardia aseguraba que «a calidez de Gigante sorprende».
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Por favor teña en conta estas pautas…
Evite os insultos, palabras groseiras, alusións sexuais, vulgaridades o vulgares simplificacións.
Non sexa gratuitamente ofensivo, e menos aínda, inxurioso.
Os comentarios deben ser pertinentes. Respecte o tema formulado no artigo ou aqueles que xurdan de xeito natural no curso do debate.
En Internet, adóitanse utilizar alcumes no canto do propio nome, pero usurpar o/a doutro/a lector/a é unha práctica inaceptable.
Non escriba en MAIÚSCULAS. Na linguaxe de Internet interprétanse como gritos e dificultan a lectura.
Calquera comentario que non se ateña a estas normas poderá ser borrado e calquera comentarista que as rompa habitualmente poderá ver cortado o seu acceso aos comentarios do blogue do cineclube «Padre Feijoo» (cineclubePF) e calquera dos sitios da «Feciga».