09/05/07

‘The Host’

Esta é a nota de prensa que enviamos hoxe aos medios

‘THE HOST’
PON O PUNTO FINAL AO CICLO «NOVAS OLLADAS»

Mañá, 10 de maio de 2007, o Cineclube Padre FeijooCine Dúplex proxecta, no (rúa Sáenz Díez s/n), o filme surcoreano The Host (Gwoemul), dirixido en 2006 por Joon-ho Bong. A entrada terá un prezo simbólico de 2,50 euros, reducida portando o carné universitario a 1,50 euros. A proxección, ás 20.30 e 23 h,«Novas Olladas», dedicado ás revisións que se están a dar a diversos xéneros como o thriller e o fantástico; un ciclo para o que se conta co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Casa da Xuventude ourensá. será en versión orixinal con subtítulos en castelán. Finaliza así o ciclo
The Host narra a aparición dunha monstruosa criatura mutante que devora todo aquel que se cruza no seu camiño. O dono dun quiosco contemplará horrorizado como a besta rapta a súa filla e a leva ao seu agocho. Mentres o exército fracasa unha e outra vez no seu empeño por destruír o monstro, aquel homiño anónimo armarase de valor, e, coa axuda da súa familia, tentará recuperar a súa filla das garras daquela abominación.
Recorrendo aos esquemas das películas de monstros,
Joon-ho Bong —o realizador de Memories of Murder, revelación na edición de 2004 do Festival de San Sebastián— constrúe un filme persoal á vez que entretido. Un dos filmes máis agardados no Festival de Cannes 2006, onde foi presentado na prestixiosa Quincena dos Realizadores, tamén foi unha das películas triunfadoras do Festival de Sitges, onde obtivo o premio aos mellores efectos especiais e o premio ao mellor filme na categoría «Orient Express».
Estas son só algunhas das frases que ten publicado a crítica española sobre o filme:
«The Host supón un punto e á parte no cinema de monstros» (El Mundo); «Algo moi grande tería que irromper para desbancar The Host como mellor monstro do século XXI» (Cinemanía); «Joon-ho Bong consegue un dos filmes máis perfectos dos últimos anos» (Guía del Ocio); «Un filme que non só demostra o potencial do cinema surcoreano actual, senón que revitaliza o xénero fantástico» (Imágenes de Actualidad); «Entre Tiburón e Pequeña Miss Sunshine, The Host pon os pelos de punta» (EP3, El País); «Un sentido do espectáculo fantástico realmente apabullante» (Exit, El Periódico).

02/05/07

‘Brick’


Nota de prensa enviada hoxe aos medios


‘BRICK’ CONTINÚA O CICLO «NOVAS OLLADAS»

Mañá, 3 de maio de 2007, o Cineclube Padre Feijoo proxecta, no Cine Dúplex (rúa Sáenz Díez s/n), o filme norteamericano Brick, dirixido en 2006 por Rian Johnson. A entrada terá un prezo simbólico de 2,50 euros, reducida portando o carné universitario a 1,50 euros. A proxección será en versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán. Prosegue así o ciclo «Novas Olladas», dedicado ás revisións que se están a dar a diversos xéneros como o thriller e o fantástico, para o que se conta co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Casa da Xuventude ourensá.

Brick conta a historia de Brendan, un estudante de instituto, intelixente e activo, que, non obstante, prefire manterse á marxe de todo até que a súa ex-moza, Emily, volve inesperadamente á súa vida, semella que con problemas, para desaparecer pouco despois sen deixar rastro. Brendan embarcarase nunha perigosa busca, na cal só contará coa axuda do seu único amigo.

Gañador do Premio Especial do Xurado no Festival de Sundance, galardoado ademais co Premio Mellor Novo Director no Festival de Sitges e seleccionado para a sección oficial do Festival de Venecia, Brick, primeira longametraxe de Rian Johnson, é un dos filmes máis sorprendentes do último cinema americano, e supón unha actualización memorábel do «xénero negro». Philip French, en The Guardian, cualificaba esta fita como «un exercicio virtuoso que é asemade unha cariñosa homenaxe, un exercicio de fantasía romántica e un comentario indirecto sobre a vida adolescente».


25/04/07

‘El Maligno’

Esta é a nota de prensa que enviamos hoxe aos medios:

COMEZA O CICLO «NOVAS OLLADAS»
CO FILME PORTUGUÉS ‘EL MALIGNO’

Mañá, 26 de abril de 2007, o Cineclube Padre Feijoo proxecta, no Cine Dúplex (rúa Sáenz Díez s/n), o filme portugués El Maligno (Coisa Ruim), di rixida en 2006 por Tiago Guedes e Frederico Serra. A entrada terá un prezo simbólico de 2,50 euros, reducida portando o carné universitario a 1,50 euros. A proxección será en versión orixinal en portugués con subtítulos en castelán. Con estas proxeccións comeza un novo ciclo do Cineclube, dedicado ás revisións que se están a dar a diversos xéneros como o thriller e o fantástico, a través de títulos destacados. O ciclo conta co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Casa da Xuventude ourensá.
El Maligno conta como unha familia de Lisboa herda unha casa nunha pequena e afastada aldea do interior de Portugal. A xente di que coa casa tamén herdaron unha maldición. As crenzas e supersticións dos habitantes da aldea comezan a preocupar os pais desta familia mentres os fillos teñen visións das tres nenas que foran asasinadas polo antepasado que era dono daquela mansión.
A película participou nos prestixiosos festivais Fantasporto (onde serviu de filme de apertura) e Sitges.
Producida polo gran Paulo Branco —ligado a títulos de directores como Manoel de Oliveira, Wim Wenders, Alain Tanner, Raoul Ruiz ou Paul Auster—,
El Maligno (Coisa Ruim) foi un dos maiores éxitos do ano 2006 en Portugal. A pesar de ser unha fita próxima ao cinema de terror, «non pretende dar sustos, só abrir os ollos ao medo».
O guión está inspirado nos varios mitos e lendas dun Portugal profundo que, aínda hoxe, cohabita con cultos relixiosos de orixe cristiá e pagá. O suspense do filme vive sobre todo daquilo que non é contado explicitamente senón polas pequenas alusións que nos levan a tirar determinadas conclusións.
Con influencias directas de Night Shyamalan (El sexto sentido, El bosque) e Amenábar (Los otros), o filme ten, non obstante, un estilo propio, unha persoal forma de facer cinema que xa se deixaba ver nas curtametraxes que dirixiran conxuntamente os mesmos realizadores anteriormente.

18/04/07

Ciclo «Novas Olladas»

O Cineclube presenta un novo miniciclo para as tres próximas semanas. Este é e programa.

Ciclo «Novas olladas: do ‘thriller’ ao fantástico. Xéneros revisados»

26 de abril 2007 • Cine Dúplex, 20.30 e 23 h:
El maligno (Coisa Ruim) • Tiago Guedes e Frederico Serra (Portugal)

3 de maio 2007 • Cine Dúplex, 20.30 e 23 h:
Brick • Rian Johnson (EE UU)

9 de maio 2007 • Cine Dúplex, 20.30 e 23 h:
The Host (Gwoemul) • Joon-ho Bong (Corea do Sur)

Coa colaboración de: Federación de Cineclubes de Galicia • Secretaría Xeral de Comunicación/Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual • Universidade de Vigo/Vicerreitoría do Campus de Ourense • Casa da Xuventude de Ourense • Cine Dúplex
Todas as proxeccións son en versión orixinal subtitulada
Entrada (prezo simbólico): 2,50 euros. Con carné universitario ou da Casa da Xuventude de Ourense: 1,50 euros.


EL MALIGNO
Coisa Ruim. Portugal, 2006. Cor, 97 min • Dirección: Tiago Guedes e Frederico Serra • Produción: Paulo Branco (Madragoa Filmes) • Guión: Rodrigo Guedes de Carvalho • Fotografía: Victor Estévão • Montaxe: Pedro Ribeiro • Música: Jorge C. • Intérpretes: Adriano Luz, Manuela Couto, Sara Carinhas, José Afonso Pimentel • Versión orixinal con subtítulos en castelán. Non estreada comercialmente en España.

Fantasporto 2006: Filme de inauguración • Festival de Sitges 2006: Sección Oficial a Competición • Montreal Fantasia Film Festival • Germany Fantasy Film Festival • Cinenygma Film Festival • Korea Pusan Film Festival 2006.

Unha familia herda unha casa nunha pequena e afastada aldea. A xente di que coa casa tamén herdaron unha maldición. Producida polo gran Paulo Branco, foi un dos maiores éxitos do ano 2006 en Portugal. Un filme que non pretende dar sustos, só abrir os ollos ao medo.


BRICK
Brick. EE UU, 2006. Cor, 110 min • Guión e dirección: Rian Johnson • Produción: Ram Bergman, Mark G. Mathis (Bergman Lustig Productions) • Dirección de fotografía: Steve Yedlin • Montaxe: Rian Johnson • Música: Nathan Johnson • Intérpretes: Joseph Gordon-Levitt (Brendan), Nora Zehetner (Laura), Lukas Haas (The Pin), Noah Fleiss (Tugger), Matt O’Leary (The Brain), Emilie de Ravin (Emily), Noah Segan (Dode), Meagan Good (Kara) • Versión orixinal con subtítulos en castelán. Estrea en España: 1/12/2006

http://www.brickmovie.net

Festival de Sundance: Premio Especial do Xurado • Festival de Sitges: Premio Mellor Novo Director • Festival de Venecia: selección oficial

Brendan, un estudante de instituto, é un rapaz de aguda intelixencia que non teme apoiar as súas palabras con accións se a situación o require. Non obstante, prefire manterse á marxe de todo até que a súa ex-moza, Emily volve inesperadamente á súa vida, ao parecer con problemas, para desaparecer pouco despois sen deixar rastro. Brendan embarcarase nunha perigosa busca, na cal só contará coa axuda do seu único amigo. ‘Brick’ é un dos filmes máis sorprendentes do último cinema americano.


THE HOST
Gwoemul. Corea do Sur, 2006. Cor, 119 min • Director: Joon-ho Bong • Produción: Yong-bae Choi (Chungeorahm Film, Showbox/Mediaplex) • Guión: Joon-ho Bong, Won-jun Ha • Fotografía: Hyung-ku Kim • Montaxe: Seon Min Kim • Música: Byung-woo Lee • Intérpretes: Kang-ho Song, Hie-bong Byeon, Hae-il Park, Du-na Bae • Versión orixinal con subtítulos en castelán. Estrea en España: 2/3/2007

http://www.notrofilms.com/webthehost
http://www.hostmovie.com

Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes 2006 • Festival de Sitges 2006: Sección Oficial a Competición; premio aos mellores efectos especiais; premio ao mellor filme na categoría Orient Express • Korean Film Awards: seis premios • Asian Film Awards: catro premios.


Os habitantes de Seúl observan sorprendidos un estraño obxecto pendurado dunha ponte sobre o río Han. Na realidade trátase dunha monstruosa criatura mutante que ao acordar devora todo aquel que se cruza no seu camiño. O dono dun quiosco á beira do río contemplará horrorizado como a besta rapta a súa filla e a leva ao seu agocho. Mentres o exército fracasa unha e outra vez no seu empeño por destruír o monstro, aquel homiño anónimo armarase de valor, e, coa axuda da súa familia, tentará recuperar a súa filla das garras daquela abominación. Un dos filmes máis agardados en Cannes 2006; é a última película do realizador de Memories of Murder, revelación na edición de 2004 do Festival de San Sebastián.