30/09/08

‘El castillo ambulante’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios:

‘EL CASTILLO AMBULANTE’, DE HAYAO MIYAZAKI, NO CINECLUBE


Dentro do programa das XX Xornadas de Banda Deseñada de Ourense proxectarase, nas salas Cinebox, mañá mércores 1 de outubro, ás 20.30 e ás 23 h, o filme xaponés de animación El castillo ambulante, do director Hayao Miyazaki (autor das premiadas La princesa Mononoke e El viaje de Chihiro, entre outras). As entradas terán un prezo de 3 euros. A proxección será en versión orixinal subtitulada.
El castilo ambulante, que adapta a novela homónima de Diana Wynne Jones, conta a historia Sophie, unha rapaza que traballa nunha tenda de sombreiros, que un día coñece o mago Howl, un mozo con poderes extraordinarios e extremadamente sedutor. O encontro entre ambos non pasa desapercibido para a Bruxa das Landas, quen odia visceralmente a Howl. Cando Sophie volve á tenda, a Bruxa, facéndose pasar por unha clienta, engánaa e enfeitízaa, transformándoa nunha anciá de 90 anos que non pode revelar a súa verdadeira identidade.
O filme foi candidato ao Oscar como mellor filme animado e gañou no Festival de Venecia a Osella de Ouro. Até agora permanecía inédito nas pantallas comerciais ourensás.

26/09/08

Cinema e BD


Dentro do programa das XX Xornadas de Banda Deseñada de Ourense haberá proxeccións de cinema en pantalla grande, coa colaboración das salas Cinebox e do Cineclube Padre Feijoo. Serán dous filmes inéditos nas salas comerciais da cidade: o mércores 1 (20.30 e 23 h), El castillo ambulante, do xenial director Hayao Miyazaki (tamén autor de cómic), e o mércores 8 (20.30 e 23 h), Persépolis, codirixida pola autora da BD homónima en que se basea, Marjane Satrapi. Ambos os filmes foron gañadores de diferentes premios, ademais de teren sido nomeados para os Oscar na categoría de película de animación: El castillo ambulante recibiu a Osella de Ouro no Festival de Venecia, e Persépolis o Premio do Xurado no Festival de Cannes.


• Mércores 1 de outubro, 20.30 e 23 h: El castillo ambulante, de Hayao Miyazaki

Miyazaki, autor de manga e director de cinema (Nausicaä no Val do Vento e Porco Rosso son mangas e filmes seus) trae esta película gañadora da Osella de Ouro no Festival de Venecia e candidata ao óscar ao mellor filme de animación.

Hauru no ugoku shiro. Xapón, 2004. Cor, 119 min · Dirección: Hayao Miyazaki · Produción: Toshio Suzuki (Tokuma Shoten, Studio Ghibli, Nippon Television Network, Dentsu, Buena Vista Home Entertainment, Mitsubishi, Toho) · Guión: Hayao Miyazaki, baseado na novela de Diana Wynne Jones · Música: Joe Hisaishi · Fotografía: Okui Atsushi · Montaxe: Takeshi Seyama. Voces: Chieko Baisho (Sofî), Takuya Kimura (Hauru), Akihiro Miwa (Arechi no Majo), Tatsuya Gashuin (Karushifâ), Ryunosuke Kamiki (Marukuru), Mitsunori Isaki (Koshô), Yo Oizumi (Kakashi), Akio Ôtsuka (Kokuô), Daijiro Harada (Hin), Haruko Kato (Sariman) · Estrea no Xapón: 20/11/2004; estrea en España: 3/3/2006. Versión orixinal en xaponés subtitulada en castelán.



• Mércores 8 de outubro, 20.30 e 23 h: Persépolis, de Marjane Satrapi e Vincent Paronnaud

Marjane Satrapi codirixe a adaptación da súa obra máis coñecida, a autobiografía da súa nenez no Irán da revolución e a súa adolescencia e xuventude en Europa. Premio do Xurado no Festival de Cannes.
Persepolis. Francia, 2007. Cor, 95 min. Dirección: Marjane Satrapi e Vincent Paronnaud · Produción: Marc-Antoine Robert, Xavier Rigault (2.4.7. Films) · Guión: Marjane Satrapi, Vincent Paronnaud, baseado nas novelas gráficas de Marjane Satrapi · Montaje: Stéphane Roche · Música: Olivier Bernet · Voces: Chiara Mastroianni (Marjane adolescente e adulta), Catherine Deneuve (Tadji, nai de Marjane), Danielle Darrieux (avoa), Simon Abkarian (Ebi, pai de Marjane), Gabrielle Lopes (Marjane nena), François Jerosme (tío Anouche). Estrea en Francia: 27/6/2007; estrea en España: 31/10/2007. Versión orixinal en francés subtitulada en castelán.

Web oficial en castelán: http://www.persepolislapelicula.es/

17/06/08

‘En un mundo libre...’


Esta é a nota que enviamos hoxe aos medios.

Se queres recibir información de próximas actividades do Cineclube, apúntate en http://groups.google.com/group/cineclubepf ou escríbenos a cineclubepf@gmail.com


‘EN UN MUNDO LIBRE...’ PECHA O CICLO DE CINEMA SOCIAL

Mañá mércores 18 de xuño de 2008, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense continuarán co ciclo «Estreas en versión orixinal 3: Cinema Social» coa coprodución En un mundo libre... (It’s A Free World..., 2007), dirixida polo británico Ken Loach. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario). Para este ciclo cóntase novamente coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
En un mundo libre... conta a historia de Angie, unha muller chea de enerxía, enxeño e ambición. Despois de quedar sen traballo, tenta refacerse e demostrar o que vale: Angie e a súa compañeira de piso deciden ser as súas propias xefas, e abren unha axencia de traballo temporal para traballadores inmigrantes, que actúa nun mundo inestábel en que o traballo é barato e as leis só serven para ser ignoradas.
O director Ken Loach segue a axitar as conciencias de Gran Bretaña co seu cinema. Agora céntrase na situación laboral dos inmigrantes. «Ao seu chámaselle traballo flexíbel, que é un concepto estupendo para as persoas que dan emprego, mais nada bo para quen traballa», explica o cineasta, interesado na evolución laboral da sociedade inglesa. Moi atento á súa vontade de reflectir a realidade que o rodea, o seu relato ten unha clara intención: «Mostrar un cambio na concienciación social que defende a idea de que estamos sos e non temos responsabilidades cara ao resto do mundo. Un estado que nos leva de regreso aos anos de Margaret Thatcher».

10/06/08

‘This Is England’


‘THIS IS ENGLAND’, NO CICLO DE CINEMA SOCIAL

Mañá mércores 11 de xuño de 2008, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense continuarán co ciclo «Estreas en versión orixinal 3: Cinema Social» co filme británico This is England (2006), dirixido por Shane Meadows. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario). Para este ciclo cóntase novamente coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
This is England sitúanos na Inglaterra de principios dos oitenta. Shaun, de 12 anos, é un neno solitario cuxo pai morreu en combate na guerra das Malvinas e que crece nunha aldea costeira moi gris. No transcurso das vacacións, encontra novos modelos masculinos cando o «adoptan» os cabezas rapadas locais. Cos seus novos amigos, Shaun encontra un mundo de festas, coñece o seu primeiro amor e descobre os encantos das botas Dr. Martins. É entón cando coñece a Combo, un skinhead racista, maior ca el, que acaba de saír do cárcere. Mentres a banda de Combo acosa as minorías étnicas locais, todo parece preparado para o arranque dun proceso de maduración que levará a Shaun da inocencia á experiencia.
Galardoada, entre outros, nos festivais de Xixón e Londres, e nos premios Bafta (da Academia Británica do Cinema), This is England supón, en palabras do crítico Jordi Costa en Fotogramas, «un mirar cara atrás sen ira, mais coa ollada limpa de nostalxias, que desvela as dinámicas de subsolo da Gran Bretaña thatcherista, onde a Guerra das Malvinas deixou algo máis que baixas e infectou un inconsciente colectivo que supuraría un incendiado nacionalismo».