25/02/22

Programación de marzo e abril de 2022

Ciclo Andrómeda

Filmoteca

Sesións especiais 8M

VII Ciclo do colexio de médicos


Na antiga Grecia o oráculo aconsellou ao rei sacrificar a súa filla. Así Andrómeda foi encadeada nun cantil na beira do mar para ser devorada por un monstro mariño, mais Perseo, o sobriño do rei da cidade de Argos, namorou dela e matou o monstro para liberala... Talvez esta lenda ou mito poida dar razón do nome doutras mulleres que coñecidas como andrómedas son quen de enfrontarse a todo. Talvez poidan as andrómedas aplacar os cantos amargos dos cabalos sagrados profetizando un novo idus de marzo, antes da grande colisión coa galaxia de Andrómeda que cara á vía láctea viaxa coa indesprezable velocidade de 300 km por segundo... En 3000 millóns de anos non sabemos se poderemos anunciar unha programación como a deste mes; cun novo ciclo do Colexio de Médicos, con dúas sesións extraordinarias dentro das actividades arredor do 8M que organiza o Centro de Información Municipal as Mulleres (CIMM) de Ourense, coas habituais sesións de Filmoteca (nas que entre outros interesantes traballos, incluímos un documental sobre buracos negros) e o novo ciclo Andrómeda, con moitas mulleres como protagonistas exclusivas dos filmes programados.




«mar-ab-2022»· cartel realizado por Gael Carballo (cineclupePF)


Como diría Shakespeare na obra Xulio César: coídense dos idus de marzo... e engadimos unha alerta á perigosa adicción que produce o vídeo [.mp4 • 20'7 MB] que anuncia a programación.

Por último, lembrar que tedes á vosa disposición as follas de sala de cada proxección no seguinte enlace [Abre outra xanela].



Ciclo Andrómeda

Durante os mércores de marzo e primeira semana de abril de 2022, proxectaremos co título Andrómeda o ciclo de filmes que a continuación detallamos; lembrando, que podedes consultar e descargar as follas de sala, aquí [Abre outra xanela]



Filmoteca de marzo de 2022

Dentro das habituais sesións de filmoteca dos luns, detallamos a continuación os filmes que proxectaremos durante marzo de 2022, no salón de actos da Casa de Cultura (Rúa Concello núm. 11 de Ourense).


(Podes consultar e descargar as follas de sala, aquí) [Abre outra xanela]


12/01/22

Programación de xaneiro e febreiro de 2022

Ciclo Abisal

Filmoteca

Sesión especial Club alpino ourensán


Existe unha profundidade sen fondo á que a vida se ve arrastrada coma un Maelstrom, en cuxo vórtice podemos abanear o amor, a familia, a amizade, a confianza e mesmo a memoria. Desde esa profundidade, abisal, seleccionamos as historias do ciclo dos mércores; coa esperanza de non obviar os procelosos estados que gobernan a sección de Filmoteca, dedicada principalmente neste caso a recuperar pequenas xoias case esquecidas da URSS (agora que xa pasaron tres décadas da súa desaparición) e a lembrar a interpretación de María Casares, xa que en 2022 cúmprese o centenario do seu nacemento. Tamén, sen pretendelo, homenaxearemos á xenialidade dun director cinéfilo, produtor e historiador, coa maxistral The Last Picture Show, xa contratada previamente á triste desaparición de Peter Bogdanovich o pasado 6 de xaneiro.






«xan-feb 2022»· cartel realizado por Gael Carballo (cineclupePF)


Na canle de «You Tube» tedes o avance visual [.mp4 • 20'7 MB], que resume a programación destes dous meses. Sempre é tempo de lembrar aos/ás bos/boas amigos/as, a música...e ás imaxes inesquecibles que alimentan o corazón.

Por último, lembrar que tedes á vosa disposición as follas de sala de cada proxección no seguinte enlace [Abre outra xanela] e pregamos atención especial; á cita para as persoas socias das asembleas do luns 17 de xaneiro (+info.;aquí) [Abre outra xanela], tamén á sesión especial do xoves 27 de xaneiro e ao horario único (18 h) da última proxección do ciclo do mércores 23 de febreiro.