06/03/08

‘Unha lousa sobre O Courel’


O CINECLUBE PADRE FEIJOO, VERDEGAIA E NAMCHE FILMS PRESENTAN
‘UNHA LOUSA SOBRE O COUREL’


O próximo mércores día 12 de marzo de 2008, nunha única proxección ás 20.30 h, presentarase en Ourense o filme documental Unha lousa sobre O Courel, dirixido por Henrique Banet e escrito e producido por Mabel Rivera. A proxección será, excepcionalmente, no Salón de Actos da Biblioteca Pública (rúa Concello 11).
Na proxección, presentada coa colaboración da empresa produtora do filme, Namche Films SL, e mais a organización ecopacifista Verdegaia e o Cineclube Padre Feijoo, estarán presentes os autores do filme, Henrique Banet e Mabel Rivera. No propio local haberá exemplares do filme en formato DVD para quen queira mercar un.
O documental Unha lousa sobre O Courel ten tres partes ben diferenciadas. Na primeira analízanse algunhas das características que fan que esta comarca sexa algo irrepetíbel para Galicia, contando, entre outros, con numerosos testemuños de científicos de renome. A segunda parte céntrase fundamentalmente nas numero­sísimas irregularidades que está a cometer a canteira da Campa, contando con apoio político e mediático, e dando a coñecer algunhas das contradicións en que se move o alcalde de Folgoso do Courel, que repite unha e outra vez que a xente está desinformada sobre o que é un Parque Natural, a pesar de que esta é a súa terceira lexislatura. A terceira parte lévanos á veciña Asturias, ao Parque Natural de Somiedo, un exemplo de desenvolvemento sustentábel e xerador de riqueza e postos de traballo, como nos expón o seu alcalde.
Unha lousa sobre O Courel mostra, en definitiva, a historia da manipulación informativa para xustificar e impor a depredación económica dunha comarca co apoio dos propios prexudicados ao facerlles crer que non hai outra solución.
O filme é a segunda produción de Namche Films, empresa creada por Henrique Banet e Mabel Rivera, cuxo primeiro título, El salario del silencio (2007), fai un repaso pola historia da instalación da planta gasificadora de Reganosa en Mugardos e polos perigos que entraña a súa localización.

Unha lousa sobre O Courel. Galicia, 2008. Cor, 60 min • Dirección: Henrique Banet • Produción: Mabel Rivera (Namche Films) • Guión: Mabel Rivera e Henrique Banet • Montaxe: Henrique Banet • Música: Emilio Cao • Narradora: Mabel Rivera • Versión orixinal en galego e castelán. Data de estrea: 1-2008

Máis información sobre o documental: http://www.namchefilms.es/namchefilms-000021.html#an2
Verdegaia: http://www.verdegaia.org/

04/03/08

‘Once (Una vez)’


Esta é a nota de prensa que enviamos hoxe aos medios (se queres recibilas no teu email, xunto con outras novas sobre as actividades do Cineclube, só tes que subscribirte escribindo a cineclubepf@gmail.com)


‘ONCE’ PECHA O SEGUNDO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL

Mañá, mércores 5 de marzo de 2008, como final do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 2», que desenvolven conxuntamente o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense, proxectarase a película Once (Una vez) (Irlanda, 2006), do director John Carney, gañadora do Oscar 2008 á mellor canción orixinal. Os pases serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, nas salas do Cinebox Ourense, no C. C. Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros con carné universitario).
Para este segundo ciclo «Estreas en Versión Orixinal» cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e a Delegación Provincial da Consellería de Cultura e Deporte.
Once conta a historia dun xove cantante e compositor que interpreta as súas cancións polas rúas de Dublín. Durante o día, para gañar algún diñeiro extra, interpreta coñecidos temas para os transeúntes, mais polas noites toca os seus propios. O seu talento non pasa desapercibido para unha rapaza inmigrante checa que vende flores na rúa para sacar adiante a súa filla e a súa nai. Ambos acaban de improviso facendo un dueto nunha tenda de música e será entón cando descubran que algo os une.
Gañadora dos premios do público nos festivais de Sundance e Dublín, Once é unha comedia musical que está a ter un éxito sen precedentes. O director, John Carney, di sobre a orixe da película: «sempre quixen facer un filme que, sen ser un “musical” tradicional (como os dos anos 40), utilizase numerosas cancións para contar unha historia moderna, unha historia de amor». Michael Phillips, no Chicago Tribune, comentaba sobre ela que é «un musical moito máis emocionante que todas as adaptacións que nos últimos 20 anos se teñen levado de Broadway a Hollywood».
Once ía ser proxectada dentro do ciclo o 13 de febreiro, pero un problema de distribución obrigou a adiar as proxeccións até mañá, 5 de marzo.

26/02/08

‘Irina Palm’


Esta é a nota de prensa que enviamos hoxe aos medios (se queres recibilas no teu email, xunto con outras novas sobre as actividades do Cineclube, só tes que subscribirte escribindo a cineclubepf@gmail.com)


‘IRINA PALM’ NO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL

Mañá, mércores 27 de febreiro de 2008, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal», que desenvolven conxuntamente o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense, proxectarase o filme Irina Palm (Bélxica/Reino Unido, 2005), do director Sam Garbarski. Os pases serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, nas salas do Cinebox Ourense, no C. C. Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros con carné universitario).
Para este segundo ciclo «Estreas en Versión Orixinal» cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e a Delegación Provincial da Consellería de Cultura e Deporte.
Irina Palm é unha comedia gañadora dun dos premios do público do Festival de Berlín 2007, no que participou na sección oficial. Conta como Maggie, unha viúva de 50 anos, necesita desesperadamente diñeiro para pagar o tratamento médico que necesita o seu neto. Despois de varios fracasos na súa busca dun emprego, Maggie encontra a súa oportunidade nun sex shop traballando baixo o pseudónimo de Irina Palm. Deberá enfrontarse á hipocrisía provinciana, ademais de cuestionarse a súa propia moral.
A gran protagonista do filme é Marianne Faithfull, cantante e cantautora, actriz de teatro, cinema e televisión, que ten participado en películas de Godard (Origen USA), Patrice Chéreau (Intimidad) ou, máis recentemente, Sofia Coppola (María Antonieta). Sam Garbarski é director de cinema publicitario e de varias curtametraxes; nacido en Alemaña, reside en Bruxelas, e esta é a súa segunda longametraxe.
O crítico Frédéric Strauss, na revista francesa Télérama, comentaba a respecto do filme: «Sam Garbarski conseguiu facer algo lixeiro, divertido e conmovedor. Irina Palm é unha fábula sobre a audacia e o valor en feminino.»

19/02/08

‘Last Days’


Esta é a nota de prensa que enviamos aos medios (lembramos que quen queira recibilas no seu email, xunto con outras novas sobre as actividades do Cineclube, só ten que subscribirse escribindo a cineclubepf@gmail.com)


PROSEGUE O CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL
CON ‘LAST DAYS’

Mañá, mércores 20 de febreiro de 2008, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal», que desenvolven conxuntamente o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense, proxectarase o filme Last Days (EE. UU., 2005), do director Gus Van Sant. Os pases serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, nas salas do Cinebox Ourense, no C. C. Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros con carné universitario).
Para este segundo ciclo «Estreas en Versión Orixinal» cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e a Delegación Provincial da Consellería de Cultura e Deporte.

Last Days é un filme inspirado nos últimos días da vida de Kurt Cobain, líder do grupo de rock Nirvana, aínda que emprega unha historia con personaxes ficticios. É a reflexión do director Gus Van Sant (Drugstore Cowboy, El indomable Will Hunting) sobre o tumulto interior que engole un brillante mais atormentado músico nas últimas horas da súa vida. Michael Pitt (protagonista de The Dreamers, de B. Bertolucci) encarna a Blake, un artista introspectivo cuxo éxito o deixou nun lugar solitario, con xente que depende del e vellos amigos que continuamente lle piden favores e diñeiro. O filme segue a Blake a través das horas que pasa na súa casa e os arredores sendo un fuxitivo da súa propia vida.
Afondando no estilo das súas películas anteriores, Gerry e Elephant, Van Sant superpón imaxes e sons para articular unha paisaxe emocional, creando un traballo dinámico. Ao igual que Elephant, que gañara a Palma de Ouro, Last Days tamén participou no Festival de Cannes, onde conseguiu en 2005 o Gran Premio Técnico ao Mellor deseño de son.
Last Days foi escollida pola revista RockdeLux como o mellor filme estreado en España no ano 2007. Peter Travers comentou en Rolling Stone: «Van Sant prosegue a mesma elíptica busca iniciada en Gerry e Elephant. A viaxe é dura, mais innegabelmente hipnótica.»