UNHA PROXECCIÓN ESPECIAL E UN NOVO CICLO DE ESTREAS EN V.O. COMPOÑEN A PROGRAMACIÓN PARA XANEIRO E FEBREIRO
Cinco filmes compoñen a programación que o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox proxectarán en xaneiro e febreiro de 2008 en Ourense. Primeiramente, o vindeiro mércores 23 de xaneiro farase a proxección especial da estrea do documental Tierra (Earth, Reino Unido/Alemaña, 2007), de Alastair Fothergill e Mark Linfield, un esperado e ambicioso filme que percorre o planeta para dar unha visión innovadora da natureza a través das máis modernas tecnoloxías de rodaxe en alta definición e que chega da man da BBC.
O mércores 30 de xaneiro dará comezo o segundo ciclo «Estreas en Versión Orixinal», co filme El romance de Astrea y Celadón (Francia/Italia/España, 2007), no cal o veterano director Eric Rohmer aplica a súa intelixente visión a un clásico da literatura francesa do século xvii. Seguirá no ciclo o día 13 de febreiro [ATENCIÓN: pasa para o 5 de marzo] Once (Irlanda, 2006), de John Carney, unha celebrada comedia musical que recibiu o Premio do Público no Festival de Sundance. O mércores 20 continuará con Last Days (EE. UU., 2005), de Gus Van Sant, filme inspirado nos derradeiros días de Kurt Cobain, líder do grupo Nirvana. Finalmente, o mércores 27 de febreiro pechará o ciclo Irina Palm (Bélxica/Reino Unido), unha comedia dramática dirixida por Sam Garbarsky e gañadora dun dos premios do público do Festival de Berlín.
Os pases serán en todos os casos ás 20.30 e ás 23.00 horas, nas salas do Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 5,00 euros nas sesións do filme Tierra, e de 4,00 euros (3,00 euros para estudantes con carné universitario) en todas as demais.
Para o novo ciclo «Estreas en Versión Orixinal» cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e a Delegación Provincial da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.
Prosegue, por tanto, a aposta pola versión orixinal subtitulada (en que se proxectarán todos os filmes agás Tierra) de filmes inéditos na cidade, distribuídos no estado nos últimos meses, con presenza forte en festivais internacionais (San Sebastián, Venecia, Sundance, Cannes e Berlín).
O Cineclube Padre Feijoo, sen local fixo de proxección desde que problemas técnicos obrigaron a deixar a sala da Biblioteca Pública en maio de 2004, vén organizando pequenos ciclos coa axuda das salas comerciais de cinema e o apoio de diversas institucións. Despois do éxito do primeiro ciclo «Estreas en Versión Orixinal», volve unir os seus esforzos con Cinebox Ourense, o único cinema comercial en activo actualmente na nosa cidade.
Programación completa
Sesión especial
Entrada única: 5 euros
Cinebox Ourense, 20.30 e 23.00 h
• Mércores 23 de xaneiro de 2008 Cinebox Ourense, 20.30 e 23.00 h
Tierra (Earth)
Earth. Reino Unido/Alemaña, 2007. Cor, 99 min • Dirección: Alastair Fothergill, Mark Linfield • Producción: Sophokles Tasioulis, Alix Tidmarsh (Greenlight Media AG, BBC Worldwide) • Guión: Leslie Megahey, Alastair Fothergill, Mark Linfield • Fotografía: Andrew Anderson, Doug Anderson, Doug Allan e outros • Montaxe: Martin Elsbury • Música: George Fenton • Estrea no Reino Unido: 16-1-2007• Estrea en España: 26-10-2007. Versión dobrada en castelán.
Festival de San Sebastián 2007: sección oficial (fóra de competición)
Web oficial (castelán): http://www.loveearth.com/es
Web oficial (inglés): http://www.loveearth.com/uk/film
Os autores do filme ‘Deep blue’ emprenden unha fascinante viaxe pola Terra, de norte a sur e ao longo das catro estacións, para retratar os contrastes entre as diferentes partes do planeta e as súas transformacións naturais. O documental mostra algunhas das paisaxes máis asombrosas deste planeta, desde as cadeas montañosas máis destacadas até os maiores saltos de auga e os desertos máis áridos. E tamén mostra algúns dos animais máis incríbeis, cuxas vidas se encontran en precario equilibrio. Co comezo do cambio no ritmo das estacións, a súa loita pola sobrevivencia se fai cada vez máis dura.
Ciclo ‘Estreas en Versión Orixinal 2’
Co apoio de: Federación de Cineclubes de Galicia • Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia • Delegación Provincial de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia • Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Entradas: 4,00 euros • Con carné universitario: 3,00 euros
• Mércores 30 de xaneiro de 2008: El romance de Astrea y Celadón
• Mércores 13 de febreiro de 2008: Once
• Mércores 20 de febreiro de 2008: Last Days
• Mércores 27 de febreiro de 2008: Irina Palm
• Mércores 30 de xaneiro de 2008 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23.00 h
El romance de Astrea y Celadón
Les amours d’Astrée et de Céladon. Francia/Italia/España, 2007. Cor, 109 min • Dirección: Eric Rohmer • Produción: François Etchegaray, Jean-Michel Rey, Philippe Liégeois (Compagnie Eric Rohmer, Rezo Productions, Bim Distribuzione, Alta Producción) • Guión: Eric Rohmer, segundo a obra ‘L'Astrée’ de Honoré d’Urfé • Fotografía: Diane Baratier • Montaxe: Mary Stephen • Música: Jean-Louis Valero • Intérpretes: Stéphanie de Crayencour (Astrea), Andy Gillet (Celadón), Cécile Cassel (Leonida), Véronique Reymond (Galatea), Jocelyn Quivrin (Lícidas), Rosette (Silvia), Mathilde Mosnier (Filis), Rodolphe Pauly (Hylas), Serge Renko (Adamás), Arthur Dupont (Semire) • Versión orixinal en francés con subtítulos en castelán • Estrea en Francia: 5-9-2007 • Estrea en España: 5-9-2007.
Festival de Venecia 2007: sección oficial • Festival de Estocolmo 2007: sección oficial
Nun bosque marabilloso, en tempos dos druídas, o pastor Celadón e a pastora Astrea ámanse cun amor puro. Enganada por un pretendente, Astrea rexeita a Celadón, que, desesperado, se arroxa a un río. Ela cre que está morto, pero foi salvado en segredo por unhas ninfas. Fiel á súa promesa de non volver aparecer aos ollos da súa amada, Celadón terá que superar as probas para rachar a maldición.
Eric Rohmer descobre para o cinema a máis louca historia de amor da literatura barroca, ‘L'Astrée’ de Honoré d’Urfé (1607-1628).
«Un filme que reborda graza e frescura, sensualidade rebuldeira e elegancia moral. Rohmer ofrécenos un pequeno milagre de beleza ateigado de humor e alegría de vivir.» Marie-Noëlle Tranchant, ‘Le Figaroscope’
• Mércores 13 de febreiro de 2008 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23.00 h
Once
Once. Irlanda, 2006. Cor, 85 min • Dirección e guión: John Carney • Produción: Martina Niland (Samson Films, Irish Film Board, RTE) • Fotografía: Tim Fleming • Montaxe: Paul Mullen • Música: Glen Hansard • Intérpretes: Glen Hansard (rapaz), Markéta Irglová (rapaza), Hugh Walsh (Timmy), Gerry Hendrick (guitarrista), Alastair Foley (baixista), Geoff Minogue (Eamon), Bill Hodnett (pai do rapaz), Danuse Ktrestova (nai da rapaza), Mal Whyte (Bill), Niall Cleary (Bob) • Versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán • Estrea en Irlanda: 23-3-2007 • Estrea en España: 31-10-2007.
Oscar 2008 á Mellor canción orixinal • Festival de Sundance 2007: Premio do Público • Festival de Cinema de Flandres 2007: Premio do Xurado Novo • Festival de Cinema de Dublín 2007: Premio do Público • Festival de Dinard 2007: Mención Especial
Web oficial (castelán): www.avalonproductions.es/once
Web oficial (inglés): www.foxsearchlight.com/once
Un xove cantante e compositor interpreta as súas cancións polas rúas de Dublín. Durante o día, para gañar algún diñeiro extra, interpreta coñecidos temas para os transeúntes, mais polas noites toca os seus propios. O seu talento non pasa desapercibido para unha rapaza inmigrante checa que vende flores na rúa para sacar adiante á súa filla e á súa nai. Ambos acaban de improviso facendo un dueto nunha tenda de música e será entón cando descubran que algo os une.
«Un musical moito máis emocionante que todas as adaptacións que nos últimos 20 anos se teñen levado de Broadway a Hollywood.» Michael Phillips, ‘Chicago Tribune’
• Mércores 20 de febreiro de 2008 • Cinebox Ourense • 20.30 e 23.00 h
Last Days
Last Days. EE. UU., 2005. Cor, 97 min. • Dirección e guión: Gus Van Sant • Produción: Dany Wolf (HBO Films, Meno Film Company, Picturehouse Entertainment, Pie Films Inc.) • Fotografía: Harris Savides • Montaxe: Gus Van Sant • Música: Rodrigo Lopresti • Intérpretes: Michael Pitt (Blake), Lukas Haas (Luke), Asia Argento (Asia), Scott Green (Scott), Nicole Vicius (Nicole), Ricky Jay (detective), Ryan Orion (Donovan), Kim Gordon (executiva) • Versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán • Estrea nos EE. UU.: 22-7-2005 • Estrea en España: 22-6-2007.
Festival de Cannes 2005: Gran Premio Técnico (Mellor deseño de son)
Web oficial (castelán): www.vertigofilms.es/last-days
Web oficial (inglés): http://www.lastdaysmovie.com/
Blake é un artista introspectivo que sofre o peso da fama, as obrigas persoais e un fondo sentimento de illamento. Levado polas impresionantes árbores, Blake intérnase nun denso bosque, onde encontra un manancial de auga. Á mañá seguinte volve á súa casa, unha elegante mais descoidada mansión. Moita xente anda a buscalo, mais el non quere ser encontrado. Na bruma das súas derradeiras horas, Blake busca a inspiración no bosque para a súa derradeira canción. Finalmente encontrará unha solución á súa atormentada existencia.
Inspirada nos últimos días da vida de Kurt Cobain, líder do grupo Nirvana.
«Van Sant prosegue a mesma elíptica busca iniciada en ‘Gerry’ e ‘Elephant’. A viaxe é dura, mais innegabelmente hipnótica.» Peter Travers, ‘Rolling Stone’
• Mércores 27 de febreiro de 2008 • Cinebox Ourense • 20.30 e 23.00 h
Irina Palm
Irina Palm. Bélxica/Alemaña/Luxemburgo/Reino Unido/Francia, 2007. Cor, 103 min • Dirección: Sam Garbarski • Produción: Sébastien Delloye, Diana Elbaum (Entre Chien et Loup, Ipso Facto, Les Films du Plat Pays, Liaison Cinématographique, Pallas Film, Samsa Film) • Guión: Martin Herron, Philippe Blasband, Sam Garbarski • Fotografía: Christophe Beaucarne • Montaxe: Ludo Troch • Música: Ghinzu • Intérpretes: Marianne Faithfull (Maggie), Miki Manojlovic (Miki), Kevin Bishop (Tom), Siobhán Hewlett (Sarah), Dorka Gryllus (Luisa), Jenny Agutter (Jane), Corey Burke (Olly), Meg Wynn-Owen (Julia), Susan Hitch (Beth), Flip Webster (Edith) • Estrea en Bélxica: 18-4-2007 • Estrea en España: 14-12-2007. Versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán.
Festival de Berlín 2007: sección oficial, premio do público do ‘Berlinen Morgenpost’ • Festival de Cinema de São Paulo: sección oficial
Web oficial (castelán): www.golem.es/irinapalm
Web oficial (inglés): http://www.irinapalm-themovie.com/
Maggie, viúva de 50 anos, necesita desesperadamente diñeiro para pagar o tratamento médico que necesita o seu neto. Despois de varios fracasos na súa busca dun emprego, Maggie encontra a súa oportunidade nun sex shop traballando baixo o pseudónimo de Irina Palm. Deberá enfrontarse á hipocrisía provinciana, ademais de cuestionarse a súa moral.
«Sam Garbarski conseguiu facer algo lixeiro, divertido e conmovedor. ‘Irina Palm’ é unha fábula sobre a audacia e o valor en feminino.» Frédéric Strauss, ‘Télérama’
Ningún comentario:
Publicar un comentario