27/11/07

‘Tideland’


Esta é a nota de prensa que enviamos hoxe aos medios:

MAÑÁ CONCLÚE O CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL
COA PROXECCIÓN DE ‘TIDELAND’

Mañá mércores 28 de novembro de 2007, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense darán fin ao ciclo «Estreas en versión orixinal: Cinema europeo» co filme Tideland (2005), de Terry Gilliam. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, nas salas do Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).

Para este ciclo «Cinema europeo» cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Despois do éxito que representaron os dous primeiros filmes do ciclo, e o que se estima terán as proxeccións desta semana, estase xa a preparar un novo ciclo cinematográfico para comezos de 2008.

Tideland conta unha historia protagonizada por Jeliza-Rose, unha nena cuxos seus pais son drogadictos. Cando morre a súa nai, a nena comeza unha estraña viaxe co seu pai, un músico de rock pasado de moda. Jeliza-Rose escapa da inmensa soidade da súa nova casa e entra nun mundo de fantasía que existe na súa imaxinación. Neste mundo, os vagalumes teñen nomes, os homes de barro despertan ao anoitecer e os esquíos falan. Os seus confidentes son as cabezas de catro bonecas, separadas dos seus corpos hai moito tempo, até que coñece a Dickens, un rapaz diminuído psíquico coa mente dun neno de dez anos.

Optimista e asemade surrealista, graciosa e a un tempo tenebrosa, Tideland é unha homenaxe ao poder da imaxinación infantil que recibiu o Premio Fipresci (o premio da crítica internacional) no Festival de San Sebastián 2005. Terry Gilliam, membro orixinal dos míticos Monty Python, é considerado un dos directores máis persoais da escena actual; é autor, entre outras, de Brazil, El rey pescador, Doce monos e Miedo y asco en las Vegas (proxectada no Cineclube en 1999).

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Querería saber se despois deste ciclo de Cinema europeo vai cesar a proxección de películas os mércores e, de ser así, de que depende ou que se precisa para que exista unha dinámica de proxección de películas cada semana ou cando menos cada 15 días.

Graciñas. Espero aquí, en comentario, unha resposta.

cineclubePF dixo...

Como lerías no ‘post’, estamos prevendo un novo ciclo para principios de 2008. De momento, a única actividade que podemos desenvolver é en forma de pequenos ciclos e non unha programación semanal continuada como faciamos antes e sería o desexábel. O problema está en non termos unha sala pública estábel en que podermos levar adiante as proxeccións; a colaboración das salas comerciais implica, entre outras cousas, termos que depender dos ritmos das distribuidoras (que, por exemplo teñen nas datas de nadal e as previas un dos momentos máis importantes de recadación, o que impediría propórmoslles proxeccións fóra do seu programa de estreas da temporada). Hai que entender que os cinemas son empresas que necesitan unha rendibilidade, e que non están precisamente no seu mellor momento. Sobre os intentos que levamos feito nestes últimos anos desde o Cineclube para tentar conseguir unha sala pública en condicións poderás encontrar información na folla de proxección do filme de hoxe.
Grazas polo teu interese