13/11/07

‘Nuevo mundo (Golden Door)’

Esta é a nota que enviamos hoxe aos medios:

CONTINÚA O CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL
CON ‘NUEVO MUNDO’

Mañá mércores 14 de novembro de 2007, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense proseguen co ciclo «Estreas en versión orixinal: Cinema europeo» co filme Nuevo mundo (Golden Door) (Nuovomondo, 2006), do italiano Emanuele Crialese. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, nas salas do Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
Até agora, pode cualificarse de éxito a marcha do ciclo, xa que a primeira das películas contou cunha magnífica acollida do público, até o punto de que algunhas persoas non puideron conseguir entrada para a primeira das sesións.
Para este ciclo «Cinema europeo» cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

Nuevo mundo sitúanos inicialmente en Sicilia, a principios do século XX. A familia Mancuso abandona o seu país natal para navegar cara a unha terra soñada e descoñecida, o Novo Mundo. Lucy, unha rapaza inglesa cun pasado misterioso, únese a eles neste longo periplo. Despois da longa viaxe en barco, terán que pasar as probas para entrar nos EE UU.
O filme supón unha visión moi achegada ao que debeu de ser a realidade da emigración europea naqueles días, o que permite facerse unha idea tamén de como era a emigración transatlántica galega na altura. Nuevo mundo recibiu unha chea de premios no Festival de Venecia 2007, entre os que destacan o León de Prata e o Premio Unicef.
Protagonizada por Vincenzo Amato e Charlotte Gainsbourg, é a terceira longametraxe do seu director, o italiano de familia siciliana Emanuele Crialese (Roma, 1965); Crialese estudou realización na Universidade de Nova York, e rodou a súa primeira longametraxe en 1997, Once we were strangers, seleccionada polo Festival de Sundance. En 2002 gañou na Semana da Crítica de Cannes o Gran Premio da Crítica e o Premio do Público por Respiro, estreada no seu momento polo Cineclube Padre Feijoo en Ourense.

Ningún comentario: