Amosando publicacións coa etiqueta Sesión maxistral. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sesión maxistral. Amosar todas as publicacións

29/09/26

Programación outubro decembro de 2026

XI Ciclo Colexio de médicos

Cine de outono en Ribadavia

Sesións de filmoteca

Sesións de ciclo

Sesión maxistral

Sesións extraordinarias [+]


Se o cine existe, dalgún xeito máis alá da vida, constitúe un medio singularmente poderoso de imaxinar e dar forma ao máis alá: constrúe espazos, corpos, movementos e puntos de vista. Nesta ocasión preparamos un ciclo (nas sesións dos mércores) que procura revelar a extraordinaria diversidade destes imaxinarios; desde os espellos que serven como as pasaxes de Palestina, até os campos de Almería, ou a nosa propia dimensión rural ao través dos campos da China. A morte que celebramos en todos os santos, a reencarnamos con Sorrentino uns días máis tarde, rematando tamén con ela presente, ao final do ciclo, atrapada no medio dunha esmorga.

Cando comeza unha película, hai unha manifestación do pasado que revive no presente. Temos na parte da filmoteca, resurreccións, voltas ao pasado coa historia, asasinos con medo a morrer e momentos que celebran a pesar de todo a vida, co sexo, o amor e mesmo a poesía.

Completamos a programación con varias citas ineludibles: En 4K a sesión maxistral para celebrar os 50 anos da estrea de Barry Lyndon en España, Blade runner de Ridley Scott (tamén en 4K) e Freaks que pechan o ciclo do Colexio de médicos, aparte de varias sesións extraordinarias, a novidade da sesión continua co que abrimos a filmoteca (nun día distinto ao habitual) e as citas en Ribadavia e co Museo arqueolóxico en decembro (II semana de cine).

En conclusión, rematamos este ano explorando a zona entre a vida e a morte, para facer visible o xeito en que o pasado segue a atormentar o presente. En moitos destes filmes, falar da vida despois da morte tamén é imaxinar formas de reparación: un espazo onde o que quedou sen resolver pode volver, onde se reclama unha débeda, se devolve a violencia ou se restaura dalgún xeito o equilibrio.




«out-nov 2026»· (cineclupePF)


Que a realidade, a ficción e a mutable materia da memoria, nos outorguen sensacións extraordinarias, como o avance visual [.mp4 • 18'3 MB], que resume unha parte da programación.

Antes do detalle da programación, coma sempre tedes xa a vosa disposición as follas de sala, para consulta o descargar no apartado de sala de máquinas. [Abre outra xanela].


12/02/26

Programación de marzo de 2026

Filmoteca

XI Ciclo Colexio de médicos

Sesións dos mércores

Sesión maxistral de filmoteca


Tralo festivo paso oportuno do entroido, albiscamos o disfrace da primavera con espírito de rebelión e resistencia. Unha das características esenciais das imaxes, sobre todo das imaxes en movemento como o cinema, é a poderosa relación que pode manter coa realidade. Destacamos dúas propostas con diferentes narrativas que chegan desde Euskadi e Portugal para enfrontarse de distinto xeito aos avatares da loita. Tamén temos traxedia edulcorada co absurdo, no primeiro filme iraquiano despois do estrague deixado polos EUA e experiencias inmersivas de silencio: con protagonismo femeníno en “Sorda”, masculino en “Galos de pelexa” ou de toda unha aldea, na excepcional obra cume de Béla Tarr, "Sátántangó" (Pregamos atención ao horario).

O problema da vivenda no cinema español de finais dos 50 e principios dos 60 plásmase a través da sátira, o humor negro e o realismo, deformando os comportamentos de personaxes atrapados en matrimonios de conveniencia ou humillacións burocráticas para obter un piso, reflectindo unha asfixia social e económica extrema que está en auxe, aínda que quizais o reflexo narrativo non sexa o mesmo. Recuperamos así un filme vixente escrito por Rafael Azcona, coa dirección de Marco Ferreri, xunto con outras propostas que tamén falan de miseria e degradacións social; como a emocionante película de Kaouther Ben Hania, "A voz de Hind" que anticipa o xenocidio en Palestina (que segue executando o actual goberno sionista) e foi premiada no pasado Festival de Venecia, xunto coa outra das propostas que programamos; a máis cineclubista de todas como poden ser as obras de Jim Jarmusch e que nestá ocasión, radiografía a familia no medio dun mundo fragmentado, como o actual.

De contado podedes consultar e descargar as follas de sala , así como o vídeo [.mp4 • 17'5 MB] que resume a programación que preparamos.




«Marzo 2026»· (cineclupePF)


En conclusión, xuntamos con esta programación a potencia da ficción para achar nela unha ferramenta fundamental para o entendemento do mundo. Agardamos por vós.



15/01/26

Programación de xaneiro - febreiro de 2026

Filmoteca

Sesións dos mércores

Sesións maxistrais

XI Ciclo Colexio de médicos

Sesión extraordinaria [ + ]


Comeza un novo ano de propósitos que agardamos se cumpran naqueles que realmente paguen a pena. Pola nosa parte, alonxamos os tambores de guerra. Abstraémonos da harmonia cósmica boreal cunha selección eclética de comedia, misterio e humanismo, sen descoidar o drama e as ensoñacións musicais do amor.

De contado podedes consultar e descargar as follas de sala , así como vídeo [.mp4 • 21'8 MB] que resume a programación que preparamos.




«Xan-Feb 2026»· (cineclupePF)


Lembramos por último a convocatoria de Asembleas para o sábado 17/01/2026.

A continuación o detalle da programación que se estenderá ata o entroido.



03/03/25

Programación de marzo e abril de 2025

Sesión maxistral infantil de filmoteca

Sesións de filmoteca

Sesións de ciclo

Sesión especial

Sesión maxistral

X Ciclo Colexio de médicos

Sesións extraordinarias [+]


Presentamos unha selección de filmes un pouco incompleta, que agardamos completar coa programación posterior á semana santa

Lamentablemente os avatares da distribución de filmes en España, non adoitan a facilitar o traballo altruista e voluntario dos cineclubistas... En calquera caso, agardemos gostedes da escolma de comedia, mesturada con documentais, sesións maxistrais, animación e drama. Atención á sesión especial coa que colaboramos na programación dos Amigos da república, así como das citas co X Ciclo do Colexio de médicos e algunha sesión extraordinaria máis pendente de fechar.

Como sempre tedes á vosa disposición as follas de sala e o avance en vídeo [.mp4 • 17'8 MB] que resume a programación que preparamos.




«Mar-Abr 2025»· (cineclupePF)

A continuación o detalle da programación que se estenderá até a semana santa.



16/01/25

Programación xaneiro e febreiro de 2025

Filmoteca

Sesións dos mércores

Sesións maxistrais

X Ciclo Colexio de médicos


Desde que acabamos as proxeccións a principios do mes pasado, fóronse acumulando historias, sensacións, ideas, imaxes e ás veces situacións ineludibles.

Empezamos o ano coa actualización das cotas, acordadas na última asemblea (que explicamos ao final do detalle da programación) e que vén un pouco dada polo desinterese e falta de apoios municipais e coa previsión inmutable da situación.

Convén lembrar que no Cineclube Padre Feijoo todo o traballo e esforzo que realizamos é voluntario e non renumerado. Sabemos que moitos o saben e sentímonos apoiados e reconfortados. Pero tamén atopámonos ultimamente, con posturas tanto na sala e mesmo fóra dela, reclamando ou protestando con certa esixencia diante das restricións do uso do teléfono móbil, sobre a obrigada puntualidade para non distracción e respecto ao resto dos espectadores ou mesmo... a ver cando empezamos! (sen importar que nós deberiamos ter o mesmo dereito a gozar das festas como os demais ou un pouco de respecto e consideración á nosa dedicación altruísta) incendiando ás veces un pouco, os nosos ánimos.

O que a continuación presentamos para xaneiro e febreiro, é froito do traballo escuro previo; reunión de programación, negociación coas distribuidoras, comprobación e obtención de copias, acompañado doutros mesteres circunstancialmente rutinarios, como preparar as contas (trimestrais e anuais), limpar a sala (2 veces á semana), acondicionar os equipos e proxectar os filmes, preparar carteis e pegalos, tradución e confección das follas de sala , redactar e programar este blog ou mesmo o vídeo [.mp4 • 21'8 MB] que preparamos para recordar toda a programación.




«Xan-Feb 2025»· (cineclupePF)


Facer unha película, sería todo moito máis complicado e é por iso que non nos imos a estender máis con está introdución, que cremos oportuna e necesaria, despois da pasada asemblea.

A continuación o detalle da programación que se estenderá ata o entroido. Atención á novidade que incorporamos este ano, aparte das sesións maxistrais do domingo, temos un día máis; os sábados pola mañá, no que iremos programando sesións maxistrais dedicadas ao público infantil e xuvenil, con acceso de balde aos socios e a posibilidade de convite a persoas non socias. En estás sesións o acceso é preferente aos/ás socios/as pero non exclusivo como nas sesións dos domingos.



12/10/24

Programación de outubro a decembro de 2024

Sesións Maxistrais de Filmoteca

Luns de Filmoteca

Sesións de ciclo dos mércores

IX Ciclo Colexio de médicos

Sesións especiais

Cine de outono en Ribadavia


Trala anguria das rutinas diarias e laborais despois do periodo estival, sede de novo benvidos/as ao cinema nunha pantalla grande dun cuarto escuro e con boas novas na mellora dos sistemas de proxección; no que iremos incorporando a resolución /4K/ nalgúns dos filmes que seleccionamos para pechar o ano.

Pregamos prestedes tamén atención ás últimas citas co ciclo do Colexio de médicos, ao Ciclo de outono en Ribadavia e as sesións especiais que se programan en días e horarios distintos aos habituais.




«out-dec 2024»· cartel realizado por Gael Carballo (cineclupePF)


Na canle de «You Tube» tedes o avance visual [.mp4 • 20'8 MB], que resume a programación destes dous meses e medio.

Antes do detalle da programación, lembramos que tedes á vosa disposición as follas de sala de cada proxección no seguinte enlace [Abre outra xanela].