17/06/08

‘En un mundo libre...’


Esta é a nota que enviamos hoxe aos medios.

Se queres recibir información de próximas actividades do Cineclube, apúntate en http://groups.google.com/group/cineclubepf ou escríbenos a cineclubepf@gmail.com


‘EN UN MUNDO LIBRE...’ PECHA O CICLO DE CINEMA SOCIAL

Mañá mércores 18 de xuño de 2008, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense continuarán co ciclo «Estreas en versión orixinal 3: Cinema Social» coa coprodución En un mundo libre... (It’s A Free World..., 2007), dirixida polo británico Ken Loach. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario). Para este ciclo cóntase novamente coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
En un mundo libre... conta a historia de Angie, unha muller chea de enerxía, enxeño e ambición. Despois de quedar sen traballo, tenta refacerse e demostrar o que vale: Angie e a súa compañeira de piso deciden ser as súas propias xefas, e abren unha axencia de traballo temporal para traballadores inmigrantes, que actúa nun mundo inestábel en que o traballo é barato e as leis só serven para ser ignoradas.
O director Ken Loach segue a axitar as conciencias de Gran Bretaña co seu cinema. Agora céntrase na situación laboral dos inmigrantes. «Ao seu chámaselle traballo flexíbel, que é un concepto estupendo para as persoas que dan emprego, mais nada bo para quen traballa», explica o cineasta, interesado na evolución laboral da sociedade inglesa. Moi atento á súa vontade de reflectir a realidade que o rodea, o seu relato ten unha clara intención: «Mostrar un cambio na concienciación social que defende a idea de que estamos sos e non temos responsabilidades cara ao resto do mundo. Un estado que nos leva de regreso aos anos de Margaret Thatcher».
Publicar un comentario