16/12/08

‘Garage’


Esta é a nota de prensa enviada hoxe ao medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf)


‘GARAGE’, A NOVA SORPRESA DO CINEMA IRLANDÉS,
PON FIN AO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL


Mañá, mércores 17 de decembro, o Cineclube Padre Feijoo e mais Cinebox Ourense presentan o filme Garage, do irlandés Lenny Abrahamson, que obtivo o Premio CICAE na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes de 2007. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O filme é o derradeiro do cuarto ciclo «Estreas en Versión Orixinal», subtitulado nesta ocasión «Da comedia ao drama». Para o ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Garage conta a historia de Josie, un home que leva toda a vida traballando como encargado dunha ruinosa gasolineira no medio oeste irlandés. É introvertido e solitario, bastante optimista e, dunha maneira rara, feliz. Mais, de repente, a chegada de David á gasolineira traerá unha serie de mudanzas á súa até agora tranquila e monótona vida. O filme segue a optimista viaxe de Josie en busca do amor, e da aprobación dos demais.
Garage é a segunda colaboración entre o director Lenny Abrahamson e o guionista Mark O’Halloran, creadores en 2004 da multipremiada comedia negra Adam & Paul. Trátase, segundo os seus autores, dunha «traxicomedia asombrosa e hipnótica», cuxo estilo se podería definir como «pequeno slapstick» ou «slapstick tráxico». A película conseguiu media ducia de importantes premios internacionais, e catro dos Premios do Cinema e a Televisión Irlandeses (IFTA): mellor actor, mellor director, mellor guión e mellor filme.
Publicar un comentario