11/05/10

‘O labirinto ario’ e ‘Entre línguas’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

‘O LABIRINTO ARIO’ E ‘ENTRE LÍNGUAS’,
PRODUCIÓNS GALEGAS NO CINECLUBE

O Cineclube Padre Feijoo proxecta mañá, mércores 12 de maio, as producións galegas O labirinto ario e Entre línguas. A sesión, ás 20.30 h, con entrada gratuíta, será no Auditorio Municipal de Ourense. Cóntase co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, Federación de Cineclubes de Galicia, a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e as produtoras Amén Cinema e Chantada Films.

O labirinto ario é unha curtametraxe de ficción, en ton de comedia aloucada, que, como din os seus promotores «mestura o esoterismo nazi, os alieníxenas e o caso dunha man cortada». A trama conta como, ao morrer Hitler en 1946, é soterrado na parroquia de Nogueira. Os seus lugartenentes, o doutor Manfred e Helmuth, reciben o apoio do Xeneralísimo Franco, quen intercede diante da Marquesa de Tor a prol do advento dunha raza aria, o rexurdir do IV Reich e o espertar dun novo Mesías. A todo isto únese a procura do Santo Graal no Monte do Faro, experimentos nas bases subterráneas nazis de Belesar, rituais satánicos na cripta romana de Santa Eulalia de Bóveda e contactos co planeta Ummo. Unha divertida historia de 25 minutos que foi candidata na categoría de Mellor curtametraxe de ficción na última edición dos Premios
Mestre Mateo, e que nesta proxección estará presentada polo seu director, Alfredo Pardo.

A continuación pro
xectarase Entre línguas, un documental que parte do caso do ‘galego de Cáceres’ (a zona do val do Elas) para estudar os outros territorios que, ao longo da fronteira con Portugal —desde a provincia de Zamora até a de Badaxoz—, por diferentes vicisitudes históricas, posúen actualmente soberanía española e conservan uns dialectos moi semellantes ao galego. No transcurso deste documental, os veciños e veciñas destas case sempre pequenas vilas cóntannos como viven a súa máis forte peculiaridade e conversan sobre os motivos para continuaren a falar como aínda falan e cantan, ou todo o contrario. O filme, de 30 minutos, está dirixido por Vanessa Vila Verde, João José Varela e Eduardo Sanches.


Publicar un comentario