20/12/06

‘En la cama’

Esta é a nota de prensa que enviamos aos medios esta mañá:


TERMINA O CICLO «CINEMA ACTUAL»
COA PROXECCIÓN DE ‘EN LA CAMA’

Mañá, xoves 21 de decembro de 2006, no Cine Dúplex, ás 20.30 e 23 h, o Cineclube Padre Feijoo proxectará, en estrea en Ourense, o filme En la cama, dirixido en 2005 polo chileno Matías Bize. O prezo da entrada, simbólico, será de 2,50 euros.

A película conta a historia de Bruno e Daniela, que pouco despois de coñecérense nun café alugan un cuarto nun hotel barato para ter un encontro sexual e pasar a noite xuntos. Non saben nada do outro, nin sequera os seus respectivos nomes, e despois desa cita xamais se volverán ver. Tras o sexo, estes dous estraños perciben que entre ambos se creou certa química. Espontaneamente, os dous comezan a falar, abrindo as portas do seu pasado e a súa intimidade.

En la cama recibiu multitude de premios en festivais de todo o mundo (ademais de ser elixida como representante chilena para os Oscar e os Goya), pero entre eles destaca a Espiga de Ouro do Festival de Valladolid, en 2005.

O pequeno ciclo «Cinema actual» —que contou coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia (apoiada pola Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia), a Casa da Xuventude (apoiada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia) e o grupo local de Amnistía Internacional en Ourense, ademais do propio Cine Dúplex— é outra das iniciativas de mínimos que o Cineclube Padre Feijoo vén desenvolvendo desde que quedou sen local estábel de proxección para o desenvolvemento das súas actividades, á espera dunha mellora desta situación.

Publicar un comentario