20/12/06

‘En la cama’

Esta é a nota de prensa que enviamos aos medios esta mañá:


TERMINA O CICLO «CINEMA ACTUAL»
COA PROXECCIÓN DE ‘EN LA CAMA’

Mañá, xoves 21 de decembro de 2006, no Cine Dúplex, ás 20.30 e 23 h, o Cineclube Padre Feijoo proxectará, en estrea en Ourense, o filme En la cama, dirixido en 2005 polo chileno Matías Bize. O prezo da entrada, simbólico, será de 2,50 euros.

A película conta a historia de Bruno e Daniela, que pouco despois de coñecérense nun café alugan un cuarto nun hotel barato para ter un encontro sexual e pasar a noite xuntos. Non saben nada do outro, nin sequera os seus respectivos nomes, e despois desa cita xamais se volverán ver. Tras o sexo, estes dous estraños perciben que entre ambos se creou certa química. Espontaneamente, os dous comezan a falar, abrindo as portas do seu pasado e a súa intimidade.

En la cama recibiu multitude de premios en festivais de todo o mundo (ademais de ser elixida como representante chilena para os Oscar e os Goya), pero entre eles destaca a Espiga de Ouro do Festival de Valladolid, en 2005.

O pequeno ciclo «Cinema actual» —que contou coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia (apoiada pola Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia), a Casa da Xuventude (apoiada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia) e o grupo local de Amnistía Internacional en Ourense, ademais do propio Cine Dúplex— é outra das iniciativas de mínimos que o Cineclube Padre Feijoo vén desenvolvendo desde que quedou sen local estábel de proxección para o desenvolvemento das súas actividades, á espera dunha mellora desta situación.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Unha alma grande e caritativa deume, grazas a este foro, e hai xa uns anos, unha copia de "Las Hurdes tierra sin pan". Terá, por un acasa, unha alma sublime copia de "Vilarinho das Furnas" de Antonio Campos????
Grazas anticipadas.
Julio Medela de Lobeira.
galeguistas@yahoo.com