06/11/07

‘2 días en París’


Esta é a nota de prensa que enviamos hoxe aos medios:


‘2 DÍAS EN PARÍS’ ABRE O CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL

Mañá mércores 7 de novembro de 2007, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense darán comezo ao ciclo «Estreas en versión orixinal: Cinema europeo» co filme 2 días en París (Deux jours à Paris, 2007), da francesa Julie Delpy. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
Para este ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

2 días en París
preséntanos unha parella, formada por Marion, francesa, e Jack, estadounidense, residentes en Nova York. Acaban de pasar unhas «vacacións románticas» en Venecia, que, na realidade, foron unha viaxe inzada de malentendidos e discusións. Antes de volveren a EE UU, pasan dous días en París e instálanse no minúsculo apartamento de Marion, no mesmo edificio que o piso de seus pais, aos que Jack aínda non coñece. Para Jack, os pais dela, os seus anteriores mozos e os costumes franceses son un auténtico choque cultural, até o punto de chegaren a pór en perigo a relación.
Sobre a película, que foi presentada na prestixiosa sección Panorama do Festival de Berlín 2007, a prensa francesa dixo que mestura «a frescura do primeiro Jarmusch cun toque de Woody Allen» (Nelly Kaprièlian, Les Inrockuptibles), e que é «divertida, lixeira e chea de vitalidade» (Anthony Bobeau, Le Film Français). Dominique Borde escribiu no xornal Le Figaro: «Co seu lado improvisado e unha alegre obsesión polo sexo, é unha película rápida, brillante, fácil e executada con mestría. Picante, horripilante, sedutora, neurótica, obscena e púdica, Julie Delpy conta a historia de calquera parella falando da súa».
É a segunda longametraxe de Julie Delpy (París, 1969) como directora. Delpy comezou a súa carreira como actriz aos 14 anos no filme Detective, de Jean-Luc Godard. Despois de traballar con realizadores europeos como Bertrand Tavernier, Carlos Saura, Volker Schlondorff e Krzysztof Kieslowski, marchou a EE UU a estudar escrita de guión e realización. Desde entón, colaborou regularmente con directores independentes como Richard Linklater, Alan Rudolph, Jim Jarmusch e Lasse Hallström.

Publicar un comentario